O rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro

SOS Sanidade Pública continúa co seu traballo para rescatar o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de mans privadas. Ten en marcha un proceso de información permanente por medio das redes sociais e iniciou unha campaña decrowfounding, para contribuir a sufragar os gastos derivados dos trámites xurídicos necesarios para presentar a denuncia contra a privatización do HAC ante a Comisión Europea.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 28/07/2016

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), asinante da denuncia, leva máis de tres décadas de compromiso e traballo en defensa da sanidade galega. Niste intre ten que afrontar os gastos de representación xurídica mencionados, por un importe de 6.300 euros, dos que faltan por abonar 4.100. Por esa razón solicita a colaboración de todas as persoas comprometidas coa sanidade pública para continuar con este batalla xurídica que ten o obxectivo de rescatar o hospital privatizado, coa colaboración da cidadanía, que pode contribuir cunha aportación económica segundo as posibilidades de cadaquén.  O HAC ten que ser rescatado para dominio público e cómpre recuperar todos aqueles espazos e servizos que foron suprimidos pola concesionaria. De non ser así a sanidade en Vigo e comarca quedará hipotecada e “secuestrada” durante moitos anos. A toma de decisións estará en mans da concesionaria e dos directivos de Povisa. A Administración estará totalmente condicionada pola concesión e o concerto singular. É necesario mudar esta situación o antes posible, e tamén é preciso mellorar a Atención Primaria e dar unha utilización sanitaria aos edificios abandonados do Xeral, Anexos e Meixoeiro. Lembremos que a dotación sanitaria de Vigo e comarca actualmente é moi insuficiente.

A AGDSP presentou a denuncia ante a Comisión Europea fundamentándose  basicamente en tres feitos:

-A utilización da figura legal de Concesión de Obra Pública en lugar da de Colaboración Público Privada, que é a que correspondería, pola entidade e o volume da construción do Hospital. O que perseguía o actual goberno galego foi evitar a fiscalización da Lei de Contratos do Estado que obriga a elaborar e presentar un informe (preceptivo) ante o Ministerio de Facenda que xustificase a necesidade de utilizar o financiamento privado en lugar do público para acometer a obra. O resultado de recorrer ao sector privado foi un incremento do custo total do hospital de 450 a 1.400 millóns de euros.

-Os severos recortes introducidos no contrato (Proxecto Funcional) entre a Concesionaria e o Sergas para abaratar os custos supoñen unha modificación do contrato, ao que aspiraban outras empresas con ofertas que foron descartadas, o que beneficia á Concesionaria, á que ademais non lle reduciron o canon, a pagar pola Administración durante vinte anos.

-O risco de financiamento, que por contrato debía correr a cargo da Concesionaria, foi cuberto en gran parte polo Sergas cun crédito do Banco europeo de Investimentos (que non presta a empresas privadas) o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o FROB. Esta manobra supón unha clara vulneración da lexislación da UE sobre contratos Públicos Privados e pode entenderse como unha trama deseñada para ocultar o endebedamento público. O endebedamento polo pago do hospital non se considera público se o risco de financiamento corre a cargo da empresa privada, pero a realidade é que foi asumido pola propia Administración pública.

Por todo iso a AGDSP considera que o contrato do novo hospital de Vigo debe ser nulo de dereito por incumprir os termos establecidos na licitación, o que e supón unha clara vulneración da lexislación comunitaria sobre os contratos de colaboración público privada, que establecen a necesidade de garantir a igualdade na concorrencia das empresas. En novembro de 2015 a Comisión Europea notificou que admite a trámite a denuncia. Isto significa que atopa indicios razoables de vulneración da lexislación comunitaria. Abre un procedemento no que as partes deberán realizar as alegacións correspondentes, despois do cal  ditará a resolución definitiva. Agardemos.http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.