Un 'furo' inesperado

Un picazo nunha roda impide gañar o prólogo da Volta a Portugal ao arousán Gustavo Veloso, que aínda así entrou en meta a 11 segundos do vencedor. Discreto arrinque de Álex Marque, que foi 43º a 17 segundos, e unha avaría deixou a Óscar González a 39 segundos.

Por gcdeportes | Vilagarcía | 28/07/2016 | Actualizada ás 09:11

Comparte esta noticia

Último en saír como campión do 2015. Ao pouco de principiar a pedalear, xa no primeiro quilómetro, picazo na roda traseira, que impediu a un concentrado Gustavo César Veloso gañar o prólogo de 3,6 quilómetros da Volta a Portugal’2016. O ciclista arousán tivo que cambiar de bicicleta, e perdeu ese medio minuto de rigor no troco e a cabra especial das etapas contra o reloxo. Aínda así, recuperou a concentración, voou cara a meta de Oliveira de Azeméis e entrou a só 11 segundos do vencedor, o seu compañeiro no W52-FC Porto Rafael Reis.

Gustavo César Veloso, resignado trala súa entrada en meta.
Gustavo César Veloso, resignado trala súa entrada en meta. | Fonte: volta-portugal.com

“Malia ter a mala sorte de picar hoxe, puiden manter a calma e minimizar a perda de tempo respecto aos primeiros postos. Estou ledo porque as sensacións foron boas. Como sempre digo “o importante é non levar ningún golpe”, e hoxe non o levei. Cousas do directo!!”, resumiu o ciclista galego nas redes sociais.

Rafael Reis entrou en meta cun tempo de 4:42 e Veloso foi 18º a 11 segundos. Entremedias, os aspirantes a destronar ao arousán: Joni Brandao (Efapel) a 3 segundos, José Gonçalves (Caja Rural) a 4, Rinaldo Nocentini (Sporting-Tavira) a 7 e Bruno Silva (LA Alumínios Antarte), a 10.
Algo máis atrás quedou o estradense Álex Marque (LA Alumínios Antarte), tamén cun pequeno problema na bici, que entrou no posto 43º a 17 segundos do vencedor. “As sensacións non foron malas. Foi un percorrido un chisco curto, pero deu para ver que non estou nunha mala condición. Temos agora moito percorrido para poder correxir esta perda”, apuntou o gañador en 2013.

Peor sorte tivo Óscar González Brea (Sporting-Tavira), o terceiro dos galegos participantes, que sufriu unha avaría na bicicleta e chegou a meta no posto 130 entre 143 participantes, a 39 segundos do vencedor. “1ª etapa fácil de resumir. Boas sensacións, mala sorte. Pequena avaría, só iso. Mañá comezan as etapas en liña. Imos aló!!!”, apuntou.

Este xoves será a primeira etapa en liña entre Ovar e Braga, de 167,4 quilómetros e con dous portos de montaña de segunda categoríra nos últimos 30 quilómetros, e un rápido descenso nos últimos 8 quilómetros ata Braga.

Gustavo Veloso, entrevistado por unha xornalista portuguesa.
Gustavo Veloso, entrevistado por unha xornalista portuguesa. | Fonte: volta-portugal.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta