SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2016 | Actualizada ás 15:53 por EUROPA PRESS
O sindicato médico CESM Galicia insiste en que o sistema sanitario "se mantén exclusivamente a custa do esforzo" dos profesionais que, "con menor orzamento, recortes en persoal, incrementos de xornada e de cargas de traballo," segundo subliña conseguen "mantelo a flote".
Así o destaca nun artigo no seu web, recollido por Europa Press, no que recorda que cando CESM Galicia "advertía sobre o financiamento da sanidade, da situación á que se abocaba o sistema", a le "acusaba sistematicamente dende a Xunta, de esaxerar, ou de dispoñer de datos erróneos" cando denunciaba "os recortes do orzamento".
Por iso, esgrime o recente informe do Consello Económico e Social sobre gasto sanitario, para sinalar que "a diminución agregada dende o ano 2008 ata o 2014 é do 10,37%".
"Se temos en conta que a chegada á Xunta de Feijóo se produce no ano 2009, para saber cál foi o recorte realizado baixo a súa dirección, habería que descontar ademais os aumentos de presuposto dos anos 2008 e 2009 (o presuposto xa estaba elaborado)", sostén o sindicato médico.
Nesta liña, CESM asegura que "a diminución realizada é a maior de todas as comunidades autónomas, independentemente da cor política de quen as dirixa".
Ademais, considera que "non é suficiente con coñecer os datos de presuposto" xa que, segundo afirma, "deben ser axustados por idade da poboación e dispersión xeográfica". "¿Pensa Feijóo que en Galicia temos vantaxe nestes factores?", abunda o sindicato médico.
"SEGUNDO MÁIS BAIXO"
Nesta liña, asegura que o orzamento sanitario por habitante de Galicia segundo os datos oficiais do CES "é o segundo máis baixo de todas as comunidades, só por diante de Andalucía, novamente independente da cor política do goberno de quenda".
En concreto, recoñece que "o único incremento de gasto sanitario se produce, curiosamente, o ano 2016", que supón un 18,71% máis, segundo puntualiza CESM Galicia.
AXUSTE
CESM Galicia explica que, aínda que aceptase "a necesidade de axuste presupostario, aínda admitindo que a capacidade de resposta se deba á mellora na xestión (e é moito aceptar)" o que, ao seu xuízo, "con toda seguridade non é aceptable, que se pretendera enganar durante anos cunhas cifras de gasto, presuposto e inversión que nada teñen que ver coa realidade das cifras oficiais, entendemos que facilitadas dende a propia Xunta".
"¿E despois disto habemos de crernos as cifras que facilita a Xunta sobre diminución de listas de espera, acceso a consultas, contratacións, substitucións ou demanda?", pregúntase o sindicato médico, que conclúe que "pode haber moitas cousas que resulten aceptables, dende logo a falsificación da realidade, non".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.