Cal é o partido máis pequeno con opcións reais de determinar o goberno de Galicia?

As candidaturas que teñen posibilidades de entrar no Parlamento de Galicia son, segundo as enquisas, cinco: Partido Popular, PSdeG-PSOE, En Marea, BNG e Ciudadanos. Con todo, outras 15 listas deron un paso ao fronte. O Diario Oficial de Galicia publicou onte a relación de todos os candidatos. Presentamos aos que animaron a desafiar os prognósticos e as posibilidades reais de cada un.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 25/08/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Democracia Ourensana é quen parte con máis opcións entre os partidos pequenos, polo menos en teoría. Os populistas que lidera Gonzalo Jácome sacaron case 15.000 votos. Viñan sobre todo na cidade de Ourense, pero tamén doutros dous  concellos veciños, O Pereiro de Aguiar e Barbadás. Na primavera de 2015 estes independentes lograron o 7,82% dos votos na provincia. Moi por riba do  mínimo fixado na lei electoral para o Parlamento de Galicia, que é do 5% por provincia. Ademais, daquela só se presentaban en tres concellos e agora poderanos votar toda a provincia. 

Xoán Bascuas, no acto de Compromiso por Galicia do 25 de xullo
Xoán Bascuas, no acto de Compromiso por Galicia do 25 de xullo | Fonte: CxG.

Ao seu favor xoga tamén que non sufriron desgaste algún, pois non gobernan en ningures e pasaron de competir nas xerais. Fieis ao peculiar estilo Jácome, seguen a ser un ariete opositor aló onde participan, tanto nos municipios como na oposición. 

Na súa contra xoga que o cartel non é Jácome -famoso en todo Ourense polas súas diatribas en Auria TV-, senón unha persoa moito menos coñecida. Trátase de José Miguel Caride, que se define así mesmo como "polifacético ourensano de 51 anos, avogado, músico, asesor político e xurídico de D.O., e  actualmente inmerso tamén como produtor da película-musical Rebel”. De repetir o volume de votos das locais, case seguro logran un deputado. E se conseguen un representante, a cor do goberno pode depender deles.

Votación clave para Compromiso por Galicia

Estas eleccións resultan clave para o partido galeguista tras un período complicado. Moitos dos seus membros proveñen do BNG, ao igual que parte da militancia de ANOVA e as mareas. Algúns dos que foron os seus principais referentes (como por exemplo o ex-senador Pérez Bouza) pasaron este ano a apoiar as confluencias cidadáns de En Marea. 

Unha das campañas electorais realizadas por militantes do Pacma
Unha das campañas electorais realizadas por militantes do Pacma | Fonte: pacma.es

Estas marchas son produto dun debate interno no que a militancia votou en varias ocasións presentarse en solitario fronte aos chamamentos dalgúns dirixentes a coaligarse coas mareas ou co Bloque. Así as cousas, estas eleccións permitirán avaliar se Compromiso ten opcións reais de ser un actor influínte na política galega máis alá de certos concellos (goberna por exemplo en Lalín e ten concelleiros noutra ducia de municipios,sumando 41 edís en total). 

Os galeguistas téñeno complicado en teoría para entrar no Pazo do Hórreo. Nas eleccións locais de 2015 -que suponse eran máis favorábeis para eles ca as autonómicas deste setembro- sacaron case 18.000 votos en todo o país. Isto é a penas o 1,2%, lonxe da barreira do 5%. Os seus cabezas de cartel son o líder autonómico Xoan Carlos Báscuas pola Coruña, Juan Carlos Piñeiro por Lugo, José Mosquera por Ourense e Andrés Nuñez Rajoy en Pontevedra.

Os animalistas liderados por mulleres

Outras que abofé recollerán miles de votos son as do Partido Animalista. Nas xerais de hai dous meses apañaron máis de 16.000 sufraxios, o 1,07% do total. Beneficiáronse dos descontentos con outras opcións, pois aumentaron 3.000 dende as xerais de decembro de 2015. As súas cabezas de cartel son todas mulleres. María Luisa de Ceano-Vivas Hernández pola Coruña, Noelia Pena Ramos en Lugo, Paula Rodríguez Méndez en Ourense e Sheila García Núñez en Pontevedra. 

Os máis pequenos entre os máis pequenos

Os liberais de Converxencia Vinteún -que se presentan por todas as provincias menos Ourense-, Escanos en Branco -que só se presenta en Pontevedra e que nas pasadas autonómicas recollera case 17.000 sufraixos, o 1,2% do total-, e a agrupación de electores Recortes Cero-Grupo Verde -na que participa a veterana Unificación Comunista de España- son outras papeletas que soarán de pasadas eleccións aos cidadáns que vaian a votar o 25 de setembro.  

Ganemos Galicia, Comunistas da Galiza, Unidos por el Futuro, Cidadáns-Centrum (no que participan membros de Ciudadanos que marcharon do partido laranxa tras a polémica do candidato á Xunta),  Partido Libertario, o novo partido Vía Nova Galicia, Acción Democrática Ciudadanos de Galicia, Alternativa Independiente de Galicia e Partido Anticorrupción y Justicia completan a lista de opcións para o 25S.

Miguel Caride, de Democracia Ourensana, nunha imaxe do seu Linkedin
Miguel Caride, de Democracia Ourensana, nunha imaxe do seu Linkedin
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 47 comentarios

3 Paracelso

Está claro que o partido máis pequeno que pode entrar no parlamento o vindeiro 25-S non é outro que o BNG. O apoio activo que gozan os seus candidatos por parte de La Voz de Galicia e o Faro de Vigo pode situalo en boa posición. Outra cousa é que os votantes que lle quedan se mostren incomodos co pulo que lle está dar a prensa da dereita e, a última hora, aposten por reconducir o seu voto cara a Marea ou mesmo o PP.

1 FALANGITO

Que fácil é opinar e dicir parvadas aquí, xogate unha man a que un votante do BNG cambia o voto o PP ben seguro que a perdes. Os votantes da Falange votaran a Marea que é onde teñen colocados os seus iso si que está claro.

2 Pan e Tone caladiños

O insulto ten máis gravidade aínda porque si ten unha discapacidade disque. http://okdiario.com/investigacion/2...

1 Vacaloura

O BNG vai quedar fóra do parlamento. Non chega ó 5%

1 Ted Flanders

Normal!! el gallego más inteligente tiene dos neuronas menos que un grillo!!!!!!

2 Mido

Ese é o soño dos Mareantes hahahaha. O que non seredes capaces de asimilar será o 25 de setembro coa Marea sen representación en Lugo e Ourense