Por Galicia Confidencial | Ferrol | 24/08/2016 | Actualizada ás 15:05
Moi relevante é a remunicipalización da luz en Ferrol, por ser o primeiro gran contrato dunha cidade que avanza nese sentido. O alcalde explicou esta mañá que xa dispoñen dun informe para levala a cabo. Jorge Suárez argumenta que o documento do Instituto Tecnolóxico de Galicia respalda a súa “decisión política” de renunciar ao contrato e subministro e mantemento eléctrico. O líder de Ferrol en Común salienta que “o interese económico para o Concello é claro e meridanio”.
Remunicipalizar un servizo non é algo que se fai dun día para outro. Teo, un concello pequeno da periferia de Santiago onde gobernaba Martiño Noriega, por exemplo, botou máis dunha lexislatura para conseguilo coa auga. En Ferrol, o alcalde agarda que os departamentos que deben visar o plan -secretaría e intervención- non opoñan resistencia ao “aforro millonario”.
Xestionar a lenta burocracia funcionarial non é a única barreira. A remunicipalización dos servizos foi un dos puntos de fricción da marea cos seus socios de goberno do PSdeG. Aínda que as relacións levan uns meses menos tensas, está por ver se aguantan así agora que o primeiro gran contrato dá os seus primeiros pasos oficiais cara a remunicipalización.
Hai moito diñeiro en xogo. A anterior adxudicación -que paralizou o novo executivo local- foi licitada por 2,75 millóns ao ano durante 15 exercicios. É dicir, 41 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.