SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2016 | Actualizada ás 17:49 por EUROPA PRESS
Facua-Consumidores en Acción demandou o Instituto Galego de Consumo que impoña a Volkswagen a "máxima contía" das sancións previstas na normativa vixente pola fraude das emisións contaminantes dos seus vehículos, que se situaban "moi por enriba" dos límites legais.
Mediante un comunicado, a asociación advertiu de que as multas fixadas "poderían reducirse" se a compañía acepta compensar aos afectados, algo que "ata a data non quixo facer". Ademais, sinalou que o instituto dependente da Consellería de Economía rexistrou unhas 200 reclamacións e que a "sanción máxima aplicable" sería de 40.000 euros por vehículo.
Ao respecto, Facua considerou que esta cifra é "insuficiente" dada a "magnitude da fraude cometida", que afecta a "uns 700.000 vehículos" en España. Así, lamentou a "laxitude da normativa de Consumo, que "non castiga ás empresas infractoras de xeito contundente".
En concreto, a entidade recordou que a multinacional "manipulou" os vehículos diésel con motores TDI 1.2, 1.6 e 2.0 EA 189 das súas marcas Volkswagen, Skoda e Audi cun software que permitía que "pasasen os exames de emisións" previos á posta en circulación dos novos modelos malia que superaban os límites legais establecidos.
Pola súa banda, a asociación de consumidores explicou que tramita "máis de 3.000 reclamacións" e que máis de 42.000 españois se sumaron á plataforma de afectados creada por esta entidade. Ademais, apuntou que 5.000 persoas lle pediron que as represente ante a Audiencia Nacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.