Abel Caballero deixará plantado a Pedro Sánchez na festa do PSdeG

O alcalde de Vigo confirma que o próximo sábado, ás 13,00 horas, estará a participar na manifestación-romaxe convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi en defensa da sanidade pública e polo rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por E.P. | VIGO | 31/08/2016 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este mércores que o próximo sábado, ás 13,00 horas, estará a participar na manifestación-romaxe convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi en defensa da sanidade pública e polo rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro, polo que non acudirá á décima edición da Festa do PSdeG, que se celebrará no concello coruñés de Oroso.

Pedro Sánchez con Abel Caballero nun mitin do PSdeG
Pedro Sánchez con Abel Caballero nun mitin do PSdeG | Fonte: vigoe.es

Nunha rolda de prensa, e preguntado polos xornalistas sobre se acudiría ao acto do seu partido, no que participará o secretario xeral, Pedro Sánchez, o rexedor limitouse a ratificar que ese día, a esa hora, estaría na manifestación a favor da sanidade pública, que está "convocada dende hai tempo" e que ten o seu "apoio".

O acto do sábado en Oroso supón a recuperación dunha tradición para os socialistas galegos, que pretenden reunirse nun acto político e, á vez, lúdico aberto a cargos e militantes do PSdeG.

Trátase dun encontro con comida campestre incluída (a 10 euros cada participante) no que, ademais da intervención de Pedro Sánchez, falará tamén o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta