“Deixemos as xenreiras para unir as nosas forzas e que por fin renaza este vello país”

Banda Migallas presenta o seu novo videoclip, 'O que hai que facer', un tema cheo de retranca e que chama ao cambio político e social en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/09/2016 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

O novo videoclip de Banda Migallas fai un chamamento á cidadanía galega para poñer en marcha o cambio e denunciar a corrupción política. Realizado por Miguel Grandío para a canción 'O que hai que facer', do disco 'Zaragallada', os membros da banda, o vídeo e a letra do tema son unha dura crítica, en clave de humor, ao momento actual que vivimos en Galicia. "Temos a sorte de vivir nunha terra marabillosa, pero que vai esmorecendo pouco a pouco. É tempo de nos xuntar todas as persoas que cremos no futuro deste país; alzar a mesma voz contra tantas inxustizas que nos arrodean e poñernos mans á obra. E por que non facelo cun aire de troula que nos dea azos para amañar tanta desfeita?", explican os membros do grupo.

Imaxe do videoclip 'O que hai que facer', de Banda Migallas.
Imaxe do videoclip 'O que hai que facer', de Banda Migallas.

O novo traballo de Banda Migallas foi editado e distribuído por Inquedanzas Sonoras. Trátase do seu terceiro disco. Pero se ben os dous anteriores, 'Canta connosco!' e “'Pan de millo', estaban dedicados ao público infantil, nesta ocasión diríxense principalmente á mocidade e aos adultos. "Como o seu nome indica, 'Zaragallada' (recheo da empanada) consta de 13 temas con ritmos e contidos moi variados. Podemos escoitar cancións pop, rock, ska, un pasodobre, un tango, unha rumba, un valse, unha nana, unha pandeirada, etc", comentan os músicos.

A produción artística e os arranxos corren a cargo de Segundo Grandío, que tamén toca o baixo e as guitarras. Davide González Lorenzo toca o acordeón, o saxofón, a frauta, a melódica e fai os coros. Canda eles, intérpretes do prestixio de Leandro Deltell (batería), Paulo Nogueira e Magoia Bodega (percusión tradicional), Maurizzio Polsinelli (piano) e Carmen Gallego (violín) participan en diversos temas.

Parte das cancións naceron no espectáculo de humor 'O cantante e as mulleres', de Migallas Teatro. Moitas das letras tratan cuestións de tipo social aderezadas con humor e retranca e outras son de carácter lírico. Así, 'O que hai que facer' é unha chamada a "unir forzas" contra o poder político e económico corruptos, para que "por fin renaza este vello país".

Velaquí o vídeo e a letra da canción:

Desde Cabo Fisterra ata A Fonsagrada
e de Estaca de Bares a Calvos de Randín
resoa o noso canto, con voz de treboada,
enchendo toda a terra con ansias de vivir.

Xa se acabou de vez dicir amén,
que o pobo é quen goberna e ordena o que convén.
Nós somos quen de erguer a nosa voz tamén
e acordar todos xuntos o que hai que facer.

Porque unha terra fértil, fermosa e xenerosa
non pode esmorecer por catro lampantíns.
Deixemos as xenreiras “pra” unir as nosas forzas
e que por fin renaza este vello país.

Xa se acabou…

Queren facernos parvos con míseros contratos:
choiar catorce horas e sen as cotizar.
E eles, mentres tanto, a pasear no barco,
gastando os nosos cartos viven como “rajás”.

A eses que non pagan o que todos pagamos
e teñen as súas contas en paraísos fiscais,
e logo din, coitados, que xa non quedan cartos,
nin para sanidade nin servizos sociais.

O fútbol é a droga que nos dan os que mandan
e xunto cos programas que din “do corazón”.
Non queren que falemos das súas falcatruadas,
que nos organicemos para loitar por nós.

A eses cans de presa que desde os grandes bancos
nos meten un calote “pra” nos hipotecar
e bótannos á rúa e séguennos cobrando.
Son como sambesugas. Non paran de chuchar!

A eses desleigados que ao pór unha gravata,
como dixo o poeta, esquecen a súa nai,
habemos demostrarlles que a lingua que se mama
por moito que a asoballen xa nunca morrerá.

A eses señoritos que desde os seus despachos
esquecen as parroquias e as xentes do rural.
Non saben que o futuro está no noso agro
e non no chapapote das rúas da “ciudad”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta