A CORUÑA | 20/09/2016 | Actualizada ás 11:46 por EUROPA PRESS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos asociados (Ingada) colaborarán, un ano máis, na formación de profesorado para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividad (TDAH).
Segundo informa a Fundación María José Jove, así quedou recollido na addenda de convenio que renovaron co departamento autonómico.
As tres entidades decidiron renovar o seu compromiso, adquirido en 2014, "debido ao balance tan positivo obtido nas dúas primeiras edicións", en relación ao 'Curso de Formación de Profesorado para o Tratamento do Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividad (TDAH)'.
Neste sentido, se no curso 2014-15 asistiron 187 profesores de 168 centros de toda Galicia, no 2015-16 a cifra subiu a 191 profesores de 179 centros educativos "o que demostra o interese crecente dos docentes por obter formación neste ámbito" engade a Fundación.
PROGRAMA
Por todo iso, en virtude deste novo acordo, a Fundación María José Jove e Ingada impartirán un novo programa formativo para o curso 2016/2017 dirixido a docentes de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato de Galicia.
O obxectivo desta iniciativa é, segundo os seus promotores, "achegar aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo nas aulas do mellor xeito posible, facilitando o desenvolvemento dos alumnos e a súa integración".
BOLSA AO MELLOR PROXECTO
O novo programa formativo impartirase no primeiro trimestre do presente curso e constará de 25 horas de formación, 16 de formación teórica e 9 de formación práctica.
Ademais, cada un dos asistentes deberá presentar un proxecto final que será avaliado por un comité experto en TDAH e independente do equipo docente. A Fundación María José Jove outorgará unha bolsa de 3.000 euros ao centro docente que mellor proxecto presente, en función das aplicacións prácticas deste no propio centro educativo.
Pola súa parte, a Consellería de Cultura e Educación encargarase da difusión deste programa entre o profesorado e ofrecerá o soporte técnico para poder desenvolvelo a través da Rede de Formación Permanente do Profesorado.
Este ano a oferta amplíase cun curso online acreditado para aqueles profesores de centros educativos concertados que non poidan acceder á formación presencial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.