Impulso á investigación sobre a auga na Universidade da Coruña

A empresa de xestión da auga Viaqua e a institución académica colaborarán en ámbitos como un mestrado e prácticas para alumnos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 20/09/2016 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

Viaqua e a Universidade da Coruña (UDC) acordaron poñer en marcha un conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ó impulso da Xestión e Tratamento de Augas no ámbito docente e de investigación universitaria, segundo se recolle no convenio de colaboración subscrito pola empresa e a institución académica. Asinaron o documento, o reitor, Julio Abalde Alonso, e o director de Viaqua, Julio Masid Bande.

En virtude deste convenio, Viaqua se compromete a participar nos eventos e xornadas académicas que indique a UDC, para expor temas relacionados coa xestión e tratamento de augas, aportando gratuitamente relatores. Especificamente, ademais, proporcionará documentación técnica de apoio para seminarios formativos relacionados co Mestrado Universitario en Enxeñaría da Auga, e facilitará a realización de visitas técnicas guiadas dos estudantes ás instalacións xestionadas pola empresa co fin de que os alumnos teñan un coñecemento directo dos procesos relativos ó ciclo urbano da auga.

A requirimento da UDC, a empresa prestará tamén asesoramento  en canto a definir os contidos formativos, tecnoloxías, habilidades e competencias que estima de maior interese para os profesionais do sector da Enxeñería da Auga, de cara á súa posible inclusión na oferta formativa de grao e mestrado para os estudantes da universidade coruñesa.

Finalmente, Viaqua realizará ofertas de prácticas por parte dos estudantes dos últimos cursos das titulacións que imparta a UDC no ámbito da Xestión e Tratamento de Augas (xa regulado noutro convenio específico); e promoverá a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, a realizar conxuntamente entre grupos de investigación da universidade e da empresa.

Julio Abalde Alonso
Julio Abalde Alonso | Fonte: udc.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta