Triunfo sobre a bucina

O Celta acada a segunda vitoria consecutiva tras gañar 0-2 ao Espanyol con goles de Rossi e Pione Sisto no tempo engadido, tras 90 minutos sen apenas ocasións. Tralas tres primeiras derrotas, o equipo celeste suma sete dos últimos nove puntos. O vindeiro domingo, o Barça en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 26/09/2016 | Actualizada ás 01:42

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Espanyol 0:
Diego López; Javi López, David López, Óscar Duarte, Víctor Sánchez; Marc Roca (Hernán Pérez, 46’), Javi Fuego, Diop; Reyes (Jurado, 67’), Gerard Moreno e Leo Baptistao (Felipe Caicedo, 50’).
Celta 2: Sergio Álvarez; Sergi Gómez (Hugo Mallo, 82’), Roncaglia, Cabral, Jonny; Marcelo Díaz (Tucu Hernández, 75’), Radoja; Pione Sisto, Daniel Wass, Theo Bongonda (Giuseppe Rossi, 70’) e Iago Aspas.
Goles: 0-1: Rossi (minuto 90). 0-2: Pione Sisto (minuto 93).
Árbitro: Undiano Mallenco (navarro). Amarelas a Roncaglia (29’), Iago Aspas (70’) e Tucu Hernández (86’) no Celta e a Marc Roca (43’) e Óscar Duarte (87’) no Espanyol.
Incidencias: partido da 6ª xornada dePrimeira División no estadio de Cornellà-El Prat ante 17.500 espectadores.

Aspas e Wass corren a felicitar a Rossi polo 0-1.
Aspas e Wass corren a felicitar a Rossi polo 0-1. | Fonte: lfp.es

Cero puntos nas tres primeiras xornadas, sete de nove nas tres últimas. Sobre a bucina, case sen merecelo, o Celta acadou a vitoria na súa visita ao Espanyol con dous goles no tempo engadido. Rossi, cun remate en parábola dende fóra da área no minuto 91, e Pione Sisto, cunha carreira dende campo propio na que caneou a medio equipo rival, sentenciaron ao Espanyol e permitiron aos celestes sumar os tres puntos, na súa segunda vitoria consecutiva.

Chelo Díaz volveu ao once celeste trala súa lesión, e Berizzo repetiu ataque: Pione Sisto, Wass, Bongonda e Iago Aspas. Ata os tantos celestes, xusto empate sen goles, e case sen ocasións. Os dous equipos saíron con moito ímpeto ao céspede, pero sen moitas ideas cando se trataba de pisar área rival. O equipo galego tiña máis posesión e combinaba máis, e os locais abusaban do xogo directo buscando a Gerard Moreno e Baptistao. Un remate de Bongonda que se foi a córner foi toda a produción ofensiva celeste, mentres que o Espanyol tivo unha boa ocasión nun man a man de Baptistao con Sergio Álvarez, pero o brasileiro rematou centrado ás mans do meta galego. O Espanyol foise ao descanso con máis posesión, pero o Celta non sufría.

Non mudou o guión trala reanudación e seguiu sendo un partido cativeiro, aburrido por momentos. Os de Quique Sánchez Flores melloraron un chisco coa entrada de Hernán Pérez, pero Baptistao tivo que retirarse mancado, entrando Caicedo. Como sempre, Berizzo non moveu o banco ata o minuto 70, cando meteu a Giuseppe Rossi, decisivo no resultado final, por Bongonda. Iago Aspas case era o único que o tentaba no Celta, ao que lle faltaba precisión, mentres que o Espanyol agardaba por unha contra salvadora.

No último cuarto de hora, medrou o ritmo e os cataláns semellaban achegarse con máis intención á portaría de Sergio Álvarez, pero sen levar verdadeiro perigo. Cando máis apertaba o conxunto local, pase en longo de Roncaglia para Rossi, quen decidiu con precisión por riba do lucense Diego López. O Espanyol acusou o golpe, e Pione Sisto aproveitou para facer o 0-2 tras unha carreira dende campo propio.

Pione Sisto celebra o 0-2 no minuto 93.
Pione Sisto celebra o 0-2 no minuto 93. | Fonte: lfp.es

“A vitoria é o premio a levar sempre a iniciativa”, sentenciou o Toto Berizzo ao remate do partido. O Celta suma xa 7 puntos, pero o vindeiro domingo recibe o Barça en Balaídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta