Derrota do COB no Pazo

Ourense Provincia Termal amosa a súa falta de rodaxe e cae 72-77 co Oviedo. Os de Gonzalo García cometeron moitas perdas e erraron nas triplas e no tiro libre. Dmitry Flis, o mellor con 22 puntos e 10 rebotes.

Por gcdeportes | Ourense | 01/10/2016 | Actualizada ás 08:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Ourense Provincia Termal 72:
Christian Díaz (7), Mitrovic (0), Jukic (0), Dmitry Flis (22), Fran Guerra (14) –cinco inicial- Martín Rodríguez (7), Kapelan (14), Hittle (2), Tomás Fernández (0) e Devin Wright (6).
Oviedo Baloncesto 77: Dani Pérez (12), Víctor Pérez (6), Löfberg (20), Windler (8), Dos Anjos (11) –cinco inicial- Santana (7), Manu Rodríguez (4), Salvò (4), Carlos Martínez (1) e Barro (4).
Parciais: 15-15, 13-17 (28-32), 23-28 (51-60), 21-17 (72-77).
Árbitros: Carlos García León e Juan Morales García-Alcaide. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 1ª xornada da LEB Ouro disputado no Pazo Paco Paz (Ourense) ante arredor de 1.800 espectadores.

“Fáltanos moita rodaxe. Hai que seguir traballando e mellorando moito”, recoñeceu Gonzalo García trala derrota. Con emoción ata os intres finais, pero Oviedo acabou levando a vitoria do Pazo por 72-77. Non foi dabondo para Ourense Provincia Termal o bo traballo de Diego Kapelan, Fran Guerra e, sobre todo, Dmitry Flis (MVP con 22 puntos e 10 rebotes) e os ourensáns, mal dende 6,75 e nos tiros libres e con moitas perdas, arrincaron a Liga con derrota. Oviedo, liderado por Löfberg e Dani Pérez, foi sempre por diante (agás un 15-14) e chegou a ter máis 15 no terceiro cuarto. COB achegouse a 69-71, pero os visitantes anotaron os seis tiros libres finais.

Gonzalo García dá instrucións aos seus a pé de pista.
Gonzalo García dá instrucións aos seus a pé de pista. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Oviedo marcou o ritmo no comezo, e con Dani Pérez levando a batuta e Löfberg sumando abriu un pequeno oco (2-8). Dous tapóns de Flis e o debutante Jukic meteron no partido o Ourense, que puxo o 10-10 no marcador. Flis e Guerra anotaban no interior e o primeiro cuarto acabou igualado: 15-15. Repetiuse o guión no segundo acto. Con Windler e Dos Anjos, Oviedo abriu oco ata un 21-28. O COB subiu a intensidade defensiva e Oviedo xa non vía aro con tanta facilidade. Christian Díaz e Flis deixaron todo aberto ao descanso: 28-32.

Os puntos de Löfberg abriron o marcador (30-38) e Gonzalo García tivo que parar o partido. Oviedo tentaba rachar o partido e Ourense loitaba por seguir na pelexa. Löfberg seguiu anotando para acadar a máxima diferenza (40-55). O traballo de Fran Guerra nas dúas zonas, a dirección de Martín Rodríguez e dúas triplas consecutivas de Kapelan meteron de novo ao COB no partido (51-57), aínda que Oviedo anotou unha tripla para chegar 51-60 aos últimos dez minutos.

Non se rendeu Ourense, e coa intensidade de Devin Wright e os puntos de Dmitry Flis achegouse axiña no marcador (58-62). O Pazo cría na remontada. Catro puntos do pivote ruso e un tiro libre de Christian Díaz e o COB estaba a só dous puntos (67-69) con minuto e medio por xogar. Unha falta de Kapelan, unha perda de Flis e os tiros libres errados por Fran Guerra (3) e Kapelan (1) fixeron imposible o triunfo ante un Oviedo que si estivo atinado dende o tiro libre. Ao final, 72-77. Toca pensar xa na seguinte cita, dentro de oito días, coa visita ao CB Prat de Xavi Forcada e Pep Ortega.

Dmitry Flis, o mellor do partido con 22 puntos e 10 rebotes.
Dmitry Flis, o mellor do partido con 22 puntos e 10 rebotes. | Fonte: Carlos Domarco (COB)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta