A aventura de editar divulgación científica e social en galego

Está o home a causar unha extinción similar ao meteorito que matou aos dinosaurios? Que modelo económico necesitamos para deter o quentamento do planeta? Os libros dunha nova editora de libros en galego, Catro Ventos, responden a algunhas das preguntas claves da ciencia moderna; pero tamén abordan realidades moito máis prosaicas, como por exemplo a elaboración de produtos de limpeza naturais na casa. Entrevistamos a un dos seus creadores, Isidro Dozo, sobre esta nova singradura editorial centrada na ecoloxía e no pensamento crítico.

Por manu1988 | Santiago de Compostela | 17/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Catro Ventos Editora presentouse en sociedade a pasada semana. Trátase dunha nova editorial con sede en Vigo que xorde co obxectivo de traducir obras relacionadas coa economía social e solidaria, a ecoloxía e o ambiente, o decrecemento, o consumo responsable, a soberanía alimentaria, os dereitos humanos en xeral e a pedagoxía e crianza respectuosas. Isidro Dozo Valladares é o seu responsábel de comunicación e deseño.

Antón Vidal, presidente da Editorial Galaxia, canda os promotores de Catro Ventos Isidro Dozo Valladares, Marietta Fiz, Miguel Braña e Alicia Malga
Antón Vidal, presidente da Editorial Galaxia, canda os promotores de Catro Ventos Isidro Dozo Valladares, Marietta Fiz, Miguel Braña e Alicia Malga

Nos tempos que corren, cando en teoría a xente lee cada vez menos, vostedes montan unha nova editorial, en galego e de non-ficción.

As súas familias e os seus amigos non lles advertiron que era unha aposta moi arriscada?

Somos conscientes do arriscado que pode parecer unha proposta como esta, mais a idea xurdiu precisamente de observar que, como consumidoras, non atopábamos produtos en galego centrados en temas como a ecoloxía, a economía social e alternativa, o consumo responsable ou a educación alternativa. A ilusión coa que recibiron as nosas familias e amizades a proposta deunos azos.

Nos meses de preparación do proxecto, cal foi a barreira máis importante entre as que tiveron que salvar?

Transición ecolóxica, un dos primeiro volumes editados por Catro Ventos
Transición ecolóxica, un dos primeiro volumes editados por Catro Ventos

O máis complicado foi tentar valorar o público potencial que existe en Galicia para libros deste tipo. Ao existir un baleiro neste ámbito é difícil realizar estimacións. Ademais, o proxecto é unha aposta das persoas socias, que polo momento só nos dedicamos a Catro Ventos a tempo parcial e temos que manter as nosas outras actividades profesionais.

Na súa presentación argumentan que existe un baleiro en determinadas temáticas. En cales? Por que cre que se produciu ese espazo?

Aínda que si existen obras puntuais en distintas editoriais sobre as temáticas que mencionabamos máis arriba, como lectores/as decote tiñamos que ler os libros que nos interesaban en castelán ou no idioma orixinal. Decidimos ofrecer traducións ao galego precisamente porque até o de agora a tradución editorial está principalmente centrada nas obras de ficción, onde si que xurdiron proxectos varios nos últimos anos e na que hai unha longa tradición.

Cando se botaron a andar e cantas persoas traballan no proxecto?

Levamos case un ano a traballar no proxecto, aínda que a cooperativa constituíse no mes de xuño. Actualmente somos catro persoas socias, pero en novembro vaise sumar unha nova tradutora.

Catro Ventos editará libros unicamente ou tamén outro tipo de produtos, como audiovisuais?

Principalmente imos publicar libros, pero interésanos moito buscar espazos de encontro con outros proxectos. Ese é o caso dun dos primeiros proxectos: o documental Demain (Mañá). O DVD está publicado pola produtora Karma Films, mais nós aportamos os subtítulos ao galego.

Os libros que non son de ficción, tamén poden ser best-sellers?

No mundo editorial galego son poucos os best-sellers, mesmo no eido da ficción. O noso obxectivo non é ese, senón crear un público fiel que atope no noso catálogo as obras sobre estes temas que lle gustaría ler en galego. É evidente que precisamos un número mínimo de lectores para que o proxecto se consolide, mais o importante é axudar na tarefa de divulgación e concienciación de cuestións tan importantes como o cambio climático, o consumo responsable, o respecto dos dereitos humanos, etc. 

Das obras que publicaron até o de agora, cales destacarían?

O traballo feito até o de agora permítenos ofrecer xa dous libros (alén do documental). Transición ecolóxica. Manual de uso é un libro que se publicou inicialmente en francés e que aborda a necesidade de cambiar de modelo económico para facer fronte ao cambio climático, ao esgotamento dos recursos e ás graves consecuencias sociais e ambientais que xa estamos a experimentar. A ruta dos refuxiados é un novo exemplo da cooperación con outros profesionais. Trátase dunha escolma das fotografías en branco e negro tiradas por catro fotoxornalistas que viaxaron a diferentes puntos de Europa para dar testemuño da situación das persoas que tratan de chegar a Europa na súa fuxida das guerras e os conflitos dos seus países de orixe.

E que plans teñen para editar nos próximos meses?

Xa estamos a traballar na tradución doutros dous libros. O primeiro titúlase Limpeza creativa (orixinalmente en italiano), un manual práctico de ecoloxía doméstica para aprender a elaborar produtos de limpeza e cosméticos con ingredientes naturais, fáciles de preparar e que respectan a saúde e o ambiente. O segundo é Biodiversidade: cara a unha sexta extinción masiva, unha reflexión sobre os mecanismos e as causas principais da extinción masiva provocada polo ser humano, a sexta desde que a vida se diversificou na Terra hai 500 millóns de anos.

Isidro Dozo
Isidro Dozo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Montesío

Sorte!

1 anonimo

Sorte!