A contenda pola nova democracia continúa despois das autonómicas (I)

Pasados xa uns días desde as eleccións autonómicas e tras achegarme a diferentes interpretacións, na maioría dos casos descontextualizadas do período de ‘cambio de orde’ no que estamos inmersos, observo entre atónito e perplexo como a moitas das voces so intentan sacar rédito político de parte dun análise que por forza é complexo, aínda que para iso asuman o relato dominante que nos venden os medios empresariais de comunicación.

Por Xoan Hermida | Pontevedra | 19/10/2016

Comparte esta noticia
 
Existen nestas eleccións dous vencedores, PP e En Marea, e dous grandes derrotados (co permiso de Ciudadanos), PSOE e BNG.
 
Entre os vencedores e derrotados existen, non obstante, disfuncións con respecto á concreción do novo status que lle corresponde xogar a partir de agora a cada quen.
 
Así, o PP vence facendo coincidir vitoria electoral e hexemonía cultural namentres que En Marea vence retrocedendo electoralmente froito da perda da posición dominante á hora de marcar a axenda que tiña hai nove meses.
 
Pola contra, o PSOE sae derrotado electoralmente na fase previa dunha crise terminal da socialdemocracia, namentres que a perda constante e lenta de apoios electorais do BNG son maquillados por unha sorte de dinámicas comparativas que xa a situaban mesmo como forza extraparlamentaria.
 
En todo caso á hora de analizar os resultados quero pararme nunha serie de elementos que teñen conexión entre si pero que para facilitar o seu análise deben ser abordados desde tres parámetros diferenciados:
 
o parámetro do contexto político e o texto aplicable ao mesmo;
o parámetro da dignidade do voto e a categorización da cidadanía;
o parámetro sobre o propio ou o papel de En Marea e das outras forzas políticas
 
O parámetro do contexto político e o texto aplicable ao mesmo
 
Non deberiamos esquecer que as eleccións autonómicas do pasado 25 de setembro danse no marco dun contexto de ‘cambio de orde’ que afecta tamén a estrutura de interfaces representativos.
 
De feito si é o 15M o que abre simbolicamente o período ‘constituínte’ foi en Galicia, concretamente nas anteriores eleccións autonómicas do 2012, onde se reflicte por vez primeira un movemento electoral que move a estrutura de partidos que permanecía inalterable desde a desaparición da UCD e a configuración na estrutura bipartidaria PP-PSOE e que no caso de Galicia tiña no BNG un terceiro actor político que concentrara todo o voto do espazo nacionalista e de esquerda desde a absorción a finais do oitenta do PSG-EG.
 
Tratábase pois de unhas autonómicas cun comportamento propio (despois volveremos sobre este aspecto), pero que esta moi influído por esta dinámica de cambio con punto de arranque ‘espiritual’ no 15M pero con materialización practica por vez primeira no proxecto de AGE no 2012.
 
Temos observado nestes catro anos, e nestas eleccións volvese a confirmar, como en diversos e diferentes procesos electorais tense asentado unha franxa dun 20% de votantes do ‘novo tempo’, de votantes de ruptura democrática que teñen moito que ver coa desafección dunha parte importante da poboación co modelo saído da transición e que observan en aspectos sociais, culturais, éticos e democráticos síntomas claros de esgotamento. 
 
Unha franxa de poboación que afecta fundamentalmente aos sectores xa nacidos en democracia (tal como sinala o sociólogo Jaime Miquel) e aos votantes do que tradicionalmente identificouse como esquerda pero que tamén entra timidamente en outras franxas de idade e en sectores non necesariamente definidos como esquerda. De feito da capacidade que teñan as novas forzas de ruptura democrática de seducir a sectores hoxe aínda preocupados pola estabilidade e a orde que lle ofrece os partidos do bipartidismo máis rápido se producira un avance cara ao novo ‘momento constituínte’.
 
No caso de Galicia, ao igual que no resto das nacións periféricas do estado, esta franxa de votantes tamén ten que ver coa dicotomía dentro do debate na esquerda entre PSOE-Novas Formacións Políticas da España nacional versus España plurinacional. 
 
Lembrar que é a mediados do 2013 cando os inqueritos publicados xa apuntaban a un sorpasso de AGE ao PSdG e uns niveis de voto do 18% para a coalición de esquerdas. Pronósticos que víronse afectados pola crise de interpretación que sufriu AGE a finais de 2013. A pesar diso en maio de 2014 cando irrompe o fenómeno Podemos en todo o estado cun 7,97% xa se observa que o espazo de cambio democrático en Galicia é máis amplo.
 
Nesas eleccións europeas  e a pesar do desgaste de AGE no ano previo o voto que poderiamos definir como voto de ruptura democrática non so non se estanca senón que sube ata o 18,86% ( suma en Galicia de AGEe -10,52%- e Podemos -8,34%-), e ademais o fai fronte a un PSdG  que non so baixa senón sube lixeiramente con respecto as autonómicas (21,73%) e un BNG que a pesar de non ser unhas eleccións nas que non soen ser as mellores para o nacionalismo retrocede soamente dous puntos porcentuais (7,90%).
 
Cabe lembrar chegados a este punto que tres son as principais demandas do 15M: radicalidade democrática (“chámanlle democracia e non o é”), rexeneración ética (“non nos representan”) e reformismo social (“somos os de abaixo contra os de arriba”).
 
A primeira demanda ten que ver co carácter máis utópico do ‘quincemaismo’, o que o liga ao movemento ‘setentaoitista’ ou o ‘altermundismo’. É por iso a que ten máis potencialidade canalizadora e a maior forza simbólica, pero son as outras dúas demandas as que van permitir a materialización política práctica. As que sitúan combinademente os dous parámetros fundamentais nos que se vai situar a intervención política: anticorrupción e xustiza social. E é aí onde o programa e o relato vólvense centrais para mobilizar ao electorado e construír unha hexemonía social alternativa ao bipartidismo.
 
A ilusión coa que Podemos e En Marea mobilizan e ilusionan ao electorado en decembro, ata o punto de superar con creces a franxa do 20%, non se pode entender sen a combinación de ambos elementos. Corrupción e perda de dereitos sociais vai ligado a unha proposta programática rexeneracionista e rupturista que ten no centro do relato a ‘casta’.
 
A partir de decembro o relato cambia e a unidade popular vai sendo substituída polo relato do fronte de esquerda ata o punto que nas eleccións de xuño (segunda volta) a proposta xira na súa totalidade arredor da política de alianzas co PSOE.
 
É nese tempo que vai de decembro a xuño onde se perde unha parte do electorado, que se desactiva da proposta das forzas do cambio e onde se perde a ilusión existente na primeira volta das xerais.
 
Ata agora o feito de que en España non contemos con unha dereita homologable á do resto de Europa ten sido un elemento fundamental para que moita xente do campo liberal mesmo optara polo PSOE como forza electoral durante o período democrático actual; pero tras os casos de corrupción xeneralizada que imputan por vez primeira a un partido e a constatación de que practicamente toda actual dirección do PP esta, por activa ou pasiva, relacionada cos casos de corrupción, crean a idea amplamente compartida pola cidadanía que a permanencia de Mariano Rajoy na Moncloa non é soamente un problema social senón que tamén é fundamentalmente un problema que ten que ver coa calidade da política e coa democracia en si.
 
E aí é onde esta o primeiro erro das forzas do cambio: non situar o desaloxo de Rajoy da Moncloa como un obxectivo electoral. Esquecendo de que non é posible rexenerar a democracia senón existe unha nova dereita.
 
O segundo erro, xa reproducido hai dúas décadas, ten que ver coa forma de relacionarse coa outra forza da esquerda e a diferenza entre pacto de goberno e/ou investidura.
 
Tal como comentaba máis arriba, desde decembro ata xullo foise deixando de lado o discurso da unidade popular para recuperar o discurso do fronte de esquerdas. E nese discurso, por factores culturais e mediaticos o PSOE sempre gaña.
 
Así, en lugar de investir a Pedro Sánchez presidente co obxectivo político de desaloxar a Rajoy formulouse un obxectivo de goberno de coalición imposible pola falla de interese das oligarquías políticas do PSOE e polo rexeitamento das oligarquías económicas das grandes corporacións financeiras.
 
So quedaba esperar para ver de que lado caería a culpa da falla de entendemento na esquerda. Era previsible que desa situación de bloqueo saíra beneficiado a dereita e que o castigo electoral, neste caso, estivera repartida a partes iguais entre as forzas da esquerda. Como así foi.
 
Con este panorama as eleccións galegas empezáronse a perder para a esquerda en xaneiro e Feijoo empezounas a gañar en xullo.
 
Coa proximidade das autonómicas a En Marea so lle quedaba unha solución que viñera de fora (un posible pero improbable pacto PSOE-Podemos) ou un movemento que desde dentro tivera a forza electoral para indicarlle ao electorado que En Marea ia actuar como forza nacional como política autónoma propia diferenciada dos seus aliados. 
 
Algo intentou Luís Villares en campaña ao sinalar o erro de Podemos por non desaloxar a Rajoy e ao indicar que nin por activa nin por pasiva En Marea ía deixar gobernar a Feijoo. Pero este compromiso era insuficiente e chegaba tarde: o electorado xa estaba desactivado. 
 
O BNG entendeu e incidiu por ese flanco advertindo que “eles nunca deixarían gobernar a dereita como fixo Podemos”. Quizais unha actitude decidida do grupo parlamentar de En Marea no congreso ofrecendo en campaña os votos dos seus cinco deputados para a investidura de Pedro Sánchez terían un efecto de reconciliación cunha parte do electorado máis rexeneracionista e por outra con outra parte que quería comprobar que o carácter nacional de En Marea non so se proclama senón que tamén se exerce.
 
 
 O parámetro da dignidade do voto e a categorización da cidadanía
 
O modelo democrático español de preponderancia dos partidos sobre calquera outra consideración de representatividade ten consagrado un formato na que os partidos teñen actuado como garantes pero a súa vez como refén da vontade popular.
 
Os niveis estruturais de corrupción nos partidos (PSOE, CiU, PP, mesmo IU en Madrid) teñen amosado ata que punto as oligarquías internas consolídanse arredor de docilidades internas e negocios externos.
 
Neste punto o 15M volveu a sinalar este déficit democrático que ten que ver coa necesidade clara de ensanchar a democracia en base a propostas de republicanismo cívico.
 
As forzas políticas teñen actuado neste período democrático máis como clubs privados en mans de accionistas que como interfaces de representación de cidadanía informada e formada.
 
E nesta ‘cultura’ democrática onde hai que procurar atopar os elementos de desprezo dos dirixentes políticos pola opinión da xente e da rúa.
 
Quizais cabería lembrar que o voto non é de ninguén, nin que existen mellores ou peores cidadáns á hora de expresar nas urnas a súa opinión.
A hora de exercer o voto con seguridade que existen tres condicionantes claros que teñen que ver con: os intereses propios ligados á realidade de cada quen,  á  visión política e a criba ideolóxica do votante e a percepción que da mellor ou peor opción para a salvagarda do ben común ten cada elector.
 
No primeiro caso, por suposto que existe unha estrutura de voto, analizada en  numerosos estudios sobre comportamentos electorais en base a idade, profesión, estudos, entorno de residencia, etc, pero iso non explica os trasvases de votos nin moito menos un estereotipo cada vez máis cuestionable.  
 
Un dos máis reiterados e cansinos ten que ver coa franxa de idade do electorado. Xa hai vinte anos Fraga gañaba polos de máis de 60 e hoxe Feijoo segue gañando polos de máis de 60 a pesar de que os que agora teñen 60 tiñan 40 no tempo de Fraga e eran a ‘xeración do cambio’. Calquera persoa que hoxe ten entre 60 e 80 anos tocoulle vivir a transición na súa época xuvenil e leva practicamente a maior parte da súa vida adulta participando da democracia en canto a mecanismo de participación e representación.
     
En canto á criba ideolóxica e como este condiciona a forma de entender a política esta claro que vivimos en Europa en xeral unha corrente de fondo neoconservadora que nalgunhas zonas é máis intensa é que ten que ver coa hexemonía cultural da dereita e cos mecanismos de condicionantes mediaticos que interactuan.
 
Iso non quere dicir que existan sociedades conservadoras ou progresistas, senón sociedades conformadas politicamente sobre as que se interactua politicamente.
 
Por suposto que algúns medios actuaron para derrubar o bipartito, con seguridade que actuaron para frear a esquerda. Pero o bipartito caeu polas propias contradicións da súa xestión de goberno e a súa relación coa base social dos partidos que o sustentaban e a esquerda non goberna hoxe Galicia fundamentalmente pola súa incapacidade para ofrecer unha alternativa de goberno crible.
 
A esquerda faría mellor que poñer desculpas de mal perdedor, diante dunha condicións desvantaxosas que coñece e acepta de antemán, de  traballar o campo da hexemonía cultural para que as ferramentas de creación de opinión non sempre estean desequilibradas cara ao mesmo lado.
 
Debería interesar por que por vez primeira haxa un descenso de utilización das redes sociais en España e habería que ver si isto ten que ver co grao de cansanzo político que se percibe. Debería preocupar que a información dixital antes maioritariamente alternativa hoxe estea basculando cara a opcións máis conservadoras. Debería ocupar que nas últimas eleccións as redes sociais estiveran dominadas polo PP.
 
En canto a percepción que o elector ten sobre quen salvagarda mellor o ben común ten que ver co debate público e niso a dereita foi quen de introducir a incertidume dun cambio co-comandado por varios fronte a estabilidade dos últimos anos. E iso ademais de coa campaña debería facer reflexionar ás forzas do cambio sobre a estratexia parlamentar levada adiante durante a lexislatura previa. 
 
As forzas do cambio deberían preocuparse por dignificar o voto da xente, respectando a súa elección, tratando como cidadáns informados e maduros e non seguir utilizando ferramentas como o mailing postal, que ademais de estar en dubida a súa eficacia, axuda a asentar a idea dun pobo manipulado e manipulable.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoan Hermida Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e Doutor en Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015. En maio de 2018 dimitiu da súa acta de deputado no Parlamento de Galicia, tras 12 días de aceptala, nos que quixo visibilizar a necesidade de situar á ética no centro da política. Na actualidade dirixe o Foro Obencomún e participa da Marea Pontevedra. Autor de varias obras ven de publicar con Galaxia a obra “Galicia no labirinto da nova política”.