Temas: PSDEG PSOE

A esquerda do PSdeG insta aos delegados no Comité do PSOE a manter o “non” a Rajoy por “dignidade”

O futuro do socialismo xógase este domingo en Ferraz, no Comité Federal, onde probablemente se imporán os postulados dos andaluces, que lideran a corrente a prol da abstención para investir a Rajoy presidente do Goberno español. Malia todo, os colectivos máis á esquerda dos socialistas galegos traballan arreo para tentar que os seus delegados non cedan e voten "non".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/10/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O PSdeG xógase moito no Comité Federal do PSOE deste domingo. Os socialistas galegos, ao igual que en Ferraz, están divididos en dous bandos que semellan irreconciliables. Uns, a corrente renovadora, insisten en que é necesario manter o "non" á investidura de Rajoy por "dignidade", mentres que os outros, que aspiran a facerse co control do partido en Galicia mantéñense ás ordes do Susana Díaz e dos andaluces, que lideran a corrente máis conservadora no PSOE, que impoñerá, probablemente, o seu criterio, facilitando coa abstención un novo goberno do PP.

Mitin do PSdeG PSOE no Palexco da Coruña durante a campaña das elecións xerais
Mitin do PSdeG PSOE no Palexco da Coruña durante a campaña das elecións xerais

Así as cousas, o que saia de Ferraz este domingo marcará tamén os designios do PSdeG. De cumprirse os prognósticos, a maioría conservadora no PSOE imporase este domingo no Comité Federal e dará carta branca aos seus en Galicia para tomar os mandos do partido —agora dirixido por unha xestora presidida por Pilar Cancela, quen apoiou a Pedro Sánchez e os seus postulados antes do golpe dado en Ferraz polos contarios— e iniciar novas estratexias, dirixidas principalmente a afogar os gobernos municipais das mareas e replantexar a relación dos socialistas con En Marea no Parlamento.

Os galegos con praza no máximo órgano do PSOE son o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o o ex-ministro lucense José Blanco; a presidente da xestora do PSdeG, a santiaguesa Pilar Cancela; a presidenta da Deputación de Pontevedra, a viguesa Carmela Silva; a líder local na Coruña, Mar Barcón; a de Ferrol, Beatriz Sestayo; os exdeputados autonómicos Marisol Soneira (Camariñas), María Quintos (Ourense) e Pablo García (Silleda); o senador lucense Ricardo Varela e o veterano socialista pontevedrés Antón Louro. Todos, agás Cancela, votaron contra a folla de ruta de Pedro Sánchez que levou a este a dimitir como secretario xeral. Agora, do voto particular de cada un deles dependerá o futuro non só do PSOE, senón tamén do PSdeG, sen contar coa militancia.

A situación agora mesmo é de tensa espera polo que suceda este domingo. As presións non cesan e os renovadores, a parte máis á esquerda do PSdeG, tenta apurar as súas últimas posibilidades para tentar frear o que xa case todo o mundo dá por feito, que os representantes galegos no Comité Federal votarán maioritariamente a prol do abstención, malia que o sentir da maioría das agrupacións socialistas en Galicia é contrario a facilitar un novo goberno do PP. De feito, os socialistas galegos —a pesar dos seus delegados en Madrid— ten sido até o de agora unha das comunidades máis belixerantes co golpe dado en Ferraz e cos que propoñen a abstención, xunto con Cataluña, País Vasco ou Baleares, entre outras.

IZQUIIERDA SOCIALISTA PIDE "NON PERDER A DIGNIDADE"

Así, a federación autonómica da corrente do PSOE Izquierda Socialista (IS) apelou os once galegos con praza no Comité Federal para que, "por dignidade", non apoien a abstención na investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno.

O voceiro de IS en Galicia, Javier Quintela dixo que non é quen de aventurar cál sería o resultado dunhas terceiras eleccións xerais para o seu partido pero que si ten claro que o que "non perdería" o PSOE é "a dignidade".

"Non podemos coroar ao PP e a Rajoy, con toda a corrupción que iso leva consigo e cos dereitos que quitaron a todo o mundo", sostén Quintela, quen aspira a seguir formando parte dun "partido de esquerdas e de defensa dos traballadores e o público".

Dende o convencemento de que integrantes galegos do Comité Federal como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o ex-ministro lucense José Blanco apoiarán absterse, pediu ao resto de membros da delegación galega que non perdan de vista a vontade da militancia.

En concreto, Javier Quintela requiriu a secretaria local da súa agrupación, a ferrolá Beatriz Sestayo, que "manteña" en Madrid "a mesma postura que na asemblea", a favor do 'non', un posicionamento que foi apoiado de forma maioritaria polos afiliados da cidade.

EN POSITIVO APOSTA POLO "NON" A RAJOY

Pola súa banda, a plataforma En Positivo pediu á xestora federal do PSOE que "respecte" o traballo da dirección provisional do partido en Galicia e, así, lle permita convocar un congreso extraordinario precedido de primarias para que a militancia poida elixir un novo líder.

Este pronunciamento prodúcese a mesma semana Ferraz tomou a decisión de que retirar esas competencias á xestora que lidera Pilar Cancela, e de atrasar o conclave galego ata despois do federal.

En paralelo a este asunto, a través dun comunicado, a plataforma que ten entre as súas cabezas visibles líderes locais como Martín Seco (Arteixo), Nicolás González Casares (Lalín) e Iván Vaqueiro (O Porriño) esixiu a todos os cargos do PSdeG que traten a organización e os compañeiros co "respecto necesario".

En concreto, aludiu ao voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen -recordou- foi "elixido fai poucas datas en primarias por ampla maioría da militancia".

"Necesita do compromiso da nosa organización para construír unha alternativa sólida de goberno ao PP de Feijóo", argumentou En Positivo, dende o convencemento de que agora "toca falar de proxecto" e non das "pretensións dalgúns dirixentes".

O comunicado de En Positivo é unha clara advertencia aos que apoiaron o golpe en Ferraz e unha mostra de apoio ao proceso de recondución do PSdeG cara posicionamentos máis á esquerda, que agora se ve ameazado pola máis que probable toma de control do partido por parte dos máis conservadores se, como todo parece indicar, se fan aínda máis fortes este domingo no Comité Federal.

En Positivo, colectivo creado en 2012, non dubida en mostrar o seu "apoio" á militancia que demanda un congreso extraordinario. Dirixíndose aos galegos con praza no Comité Federal, pediu que se aposte por o 'non'.

Ao seu xuízo, permitir a continuidade do dirixente popular en La Moncloa "deixaría ferido de morte" ao PSOE "ante un electorado cada vez máis afastado", toda vez que suporía un "incumprimento" dos compromisos electorais dos socialistas.

Temas: PSDEG PSOE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta