Gañou a vella España

A decisión maioritaria (59 vs 41%) do máximo órgano estatal entre Congresos do PSOE acordando a abstención do seu Grupo Parlamentario para permitir a investidura de Rajoy na segunda votación anuncia a implosión e fragmentación do vello partido socialista, cando non a súa pasokización até a irrelevancia.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 23/10/2016

Comparte esta noticia

O PSOE non quixo escoitar ao conxunto da súa afiliación nin á maioría dos seus electores, claramente enfrontados coa política de Rajoy, deconstrutiva das liberdades e dos servizos públicos e tolerante cunha corrupción que aniñou en moitas das  estruturas do PP. Asemade, grande parte do seu electorado galego, catalán, vasco, navarro, valenciano ou balear rexeita as políticas recentralizadoras e o inmovilismo territorial do PP.

Gañaron os sectores do PSOE máis vencellados ao inmovilismo arredor do esgotado modelo da transición e á vella España. Os que defenden as portas xiratorias para que os seus se lucren nas empresas de distribución eléctrica e do complexo construtor-concesional que manexan as grandes decisións do Madrid político, financiero e mediático. E os que lle mercan o casposo modelo territorial ao PP. Non por acaso, gañaron polo seu dominio nos territorios do Sur onde reproduciron circuitos caciquís de xestión. Na Andalucía, Susana Díaz partilla con Rajoy o mesmo interese en que se dilúan as investigacións e axuizamentos da corrupción que lle cerca. Este común interese explica moitas cousas.

É o trunfo da vella España a respecto da España que podía abrollar, dunha España do século XXI que reivindique as políticas inclusivas socialdemócratas (verdadeiramente socialdemócratas) e a súa convivencia plurinacional. Velaí que o Estado español fique hoxe  máis preto de remanecer indefinidamente bloqueado en acadar o cambio nas políticas, nas gobernanzas e no modelo territorial que precisa. Isto será malo para todos e, dende logo, daralle pulo aos territorios que prantexen a súa vida  á marxe dun sistema caduco e esgotado.

A implosión socialista chegou tamén a Galicia e iso obriga a En Marea e, seguramente, ao BNG para desenvolver propostas que poidan acoller as sensibilidades tradicionalmente vencelladas ao PSdeG. Claro é que isto precisará sentidiño, concordia e integración. Todo o contrario, por certo, do que está a facer Pablo Iglesias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.