Por gcdeportes | Vigo | 25/10/2016 | Actualizada ás 09:05
Para pechar un curso excepcional, vitoria no Campionato de España de tríatlon de longa distancia. O triatleta tudense Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) xa está de vacacións despois dunha longa e exitosa tempada, tras acadar esta fin de semana en Ibiza o segundo título de campión de España de longa distancia. Foi tras unha espectacular remontada na bicicleta e na carreira a pé (perdeu nove minutos na natación), entrando en meta cun tempo de 6h:21:06, con case oito minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Ángel Salamanca.
Este último título no fin de curso 2016 súmase ao de campión de España de Duatlon de longa distancia en marzo en Orihuela e ao de campión Iberoamericano de tríatlon de media distancia en febreiro na Habana. Ademáis, Gustavo Rodríguez Tavotui (16 de setembro de 1979) gañou as probas de Bilbao, Pamplona-Iruña, Guernika e Sanxenxo e fixo podio nos Ironman de Mallorca e no EmbrunMan dos Alpes.
Os éxitos comezaron en febreiro, onde foi campión Iberoamericano de tríatlon de media distancia na Habana e gañou co seu club, Tri-Penta Terras de Lugo, o campionato de España de duatlon en Boiro. En marzo chegou o campionato de España de Duatlon de longa distancia en Orihuela, e en abril foi campión no Duatlon de Guernika e terceiro no tríatlon de Elxe por detrás de Eneko Llanos e Bruno Pais.
En maio, Gustavo Rodríguez foi campión no Half-Triathlon Pamplona-Iruña e, por terceiro ano consecutivo, o primeiro triatleta en conseguilo, primeiro no Bilbao Triathlon. En xuño, a súa pequena decepción, cuarto no tríatlon de Zarautz, onde non puido repetir o título acadado no 2015. Tras Zarautz, Gustavo Rodríguez deu por rematada a primeira parte da tempada: descanso e adestramento en altitude para preparar a segunda.
En agosto foi terceiro no mítico e esixente ironman EmbrunMan nos Alpes. En setembro, gañou na casa o primeiro tríatlon Boamorte, en Sanxenxo, e foi bronce no Ironman de Mallorca. E para rematar a tempada, este segundo título no Campionato de España de tríatlon de longa distancia en Ibiza, tralo primeiro acadado no Ocean Lava Arrecife de Lanzarote no 2014 e tralo subcampionato do ano pasado tamén en Ibiza.
Entremedias, en agosto, Tavotui, aos 37 anos, foi pai de Noa, a súa primeira filla xunto á súa parella a tamén triatleta Aida Valiño, quen lle inoculou o xerme do tríatlon tralo seu paso polo ciclismo profesional e a triste desaparición do Xacobeo a finais do 2010.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.