Por Galicia Confidencial | Galicia | 09/11/2009 | Actualizada ás 11:12
Por Alberto Leyenda. Se atendemos aos manuais de Prehistoria vixentes, semella que en Galicia non ocorreu nada de interese ata o Neolítico final e o Calcolítico, coa aparición das primeiras mostras de megalitismo. Porén, o descubrimento do depósito arqueolóxico de Cova Eirós, no Concello de Triacastela, vai camiño de converterse en referencia ineludible para toda a Península Ibérica. Coroa, así, descubrimentos anteriores en Valdavara, Fervedes ou Sato.
Nesta caverna atopáronse restos de tres etapas distintas: do Paleolítico Medio, hai 84.000 anos; do Paleolítico Superior inicial, hai 32.000 anos; e do Paleolítico Superior final, hai entre 30.000 e 17.000 anos. É o único depósito do Noroeste peninsular cunha secuencia tan longa, e dos poucos en España e Portugal. A súa importancia radica na posibilidade de comparar os modos de existencia nun mesmo territorio das dúas últimas especies de homínidos, os desaparecidos neandertais e os homo sapiens, o home actual.
"Todo comenzou en 2006, cos achádegos dun afeccionado", explica o coordinador das excavacións, Arturo de Lombera. Este arqueólogo forma parte dun equipo impulsado pola Universidade de Santiago e no que colaboran especialistas da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona e de Cantabria e de Burgos. Traballan no marco dun programa do Ministerio de Educación e contan coa axuda, que de Lombera enfatiza, dos concellos implicados: Triacastela, Monforte, Becerreá.
Tres anos de sondaxes e análises en laboratorio despois confirman as intuicións iniciais acerca da importancia de Cova Eirós. Os vestixios atopados, sobre todo ósos de animais e unha abundante industria lítica, permiten unha aproximación inaudita á evolución experimentada polo xénero homo en Galicia ao longo da última gran glaciación, a do Würm.
Oso das cavernas e outras bestas
Ao comezo desta última gran etapa do Cuaternario corresponden os restos do Paleolítico Medio, cunha antiguedade estimada de 84.000 anos. Osos das cavernas -especie xa estinguida-, rinocerontes e outros bóvidos, cápridos e équidos compartían espazo cos neandertais. E constituían a súa principal fonte de subsistencia, dado o seu carácter de cazadores-recolectores.
Esta é unha das principias aportacións deste depósito: a conservación de restos orgánicos tanto vexetais como animais, algo moi difícil no territorio galego, dunha gran acidez. Esa mesma é a razón pola que, ata o de agora, non se atopansen restos humanos de épocas tan afastadas.
No sudoku de complexa resolución que é a investigación sobre o Paleolítico, un óso de determinada especie ou unha forma característica de traballar a pedra son pistas esenciais, numeriños que por si sós quizáis non din nada, pero que postos en relación achégannos un anaco dunha realidade que en pouco se parece á nosa.
A evolución da industria
Neste nivel máis antigo os restos líticos corresponden á unha industria musteriense, dominada pola talla discoidal e con forte presencia da técnica levallois. Esta forma de traballar denota un elevado coñecemento técnico, posto que permite a obtención de pezas cunha forma predeterminada a partir da materia prima. Iso fala dunha forte desenvolvemento conceptual, fronte a arquetípica visión bárbara coa que se asocia aos homes das cavernas, que, por certo, tamén vivían ao aire libre. En concreto, en Galicia, dende hai uns 400.000 anos.
Ata aquí nada se alonxa dos exemplos xa coñecidos noutras partes de Europa para esta etapa. Porén, nesta zona media do río Miño a escaseza de sílex, a materia prima por antonomasia na construcción de ferramentas líticas, provocou a necesidade de utilizar outros materiais, como o cuarzo, cunha calidade inferior. Outra proba da capacidade adaptativa destas xentes.
Precisamente, a evolución da industria lítica é unha das principias diferencias con respecto aos niveis do Paleolítico superior, nos que o protagonista xa é o homo sapiens. Trátase dunha talla laminar, que optimiza os recursos e permite unha maior eficacia dos útiles, vinculada a unha progresiva especialización nas labores de caza.
Ademais, non se conforman co cuarzo e buscan sílex e cristal de roca para construir o seu instrumental. De Lombera admite que non se atoparon os lugares de onde extraían estas materias primas, inexistentes na industria lítica do nivel musteriense. En todo caso, implica unha mobilidade organizada, outro chanzo máis no camiño da evolución.
Outra das diferencias estriba nas condicións ambientais, de gran influencia para estas poboacións. Aínda que non de maneira lineal, o clima vai empeorando dende o comezo da última glaciación, ata acadar as épocas de máximo frío entre hai 30.000 e 10.000 anos, cando comeza a melloría que conducirá cara a actualidade climática. De feito, cando viviron os homo sapiens de Cova Eirós a montaña lucense estaba cuberta por un glaciar.
¿Arte rupestre en Galicia?
Un dos achádegos máis singulares da última sondaxe, a que destapou os restos do Paleolítico superior final, foi un canino perforado, utilizado probablemente como adorno. Únese así a outro dente atopado na década dos 80 e ás 30 conchas de dentalium descubertas en Valdavara.
Ao marxe das implicacións obvias verbo das súas costumes ornamentais e, quizais, espirituais, ten unha grande importancia, posto que este tipo de adornos conviven ou son paso previo dun arte moito máis desenvolto. Ata o momento non se atoparon mostras de arte rupestre ni de arte moble -grabados, plaquetas, esculturas-, máis o coordinador da excavación confía en que aparezan.
Hipótese por confirmar, pero apoiada nos posibles contactos destes grupos cos do Cantábrico, unha das zonas clásicas do arte paleolítico. De feito, asúmese que o poboamento da Península Ibérica realizouse de este a oeste, polo que as poboacións asentadas na actual Galicia estarían moi influenciadas polas da franxa norte da Península.
Tampouco atopáronse, de momento, evidencias de convivencia entre homo sapiens e neandertais nesta zona da provincia de Lugo. Parece que Cova Eirós non vai resolver o enigma de desaparición dos neandertais, sobre a que existen varias hipótesis sen verificar. Se así fose xa non sería o depósito máis importante do Noroeste peninsular. Seríao de todo o mundo
Así e todo, moita é a luz que dende esta cova saiu para alumear o Paleolítico galego. No entanto, os responsables da investigación están convencidos de que aínda quedan cousas por descubrir. Por iso van solicitar ao Ministerio de Educación unha prórroga do programa no que se amparan, que remata o ano próximo. De todas maneiras, xa están preparando unha monografía que saírá en 2010 con todos os datos e interpretacións obtidos ata este intre. Tal vez daquela nas reimpresións dos manuais de Prehistoria xa apareza o epígrafe O Paleolítco Medio e Superior en Galicia.
Alberto Leyenda é xornalista e compoñente do grupo de pop-rock ragdog.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.