O millonario negocio da privatización da sanidade pública

"A colaboración público privado converteuse nun negocio de ouro para as UTEs, un malgasto para os gobernos e unha frustración para as poboacións". É a rotunda afirmación do profesor José Vieira, membro da plataforma en Defensa da Sanidade Pública que denuncia que, agora, a sanidade é "unha oportunidade millonaria de beneficios". Unha privatización que provoca mala calidade das construcións, externalización dos servizos esenciais e unha calidade de prestacións moitísimo menor que a pública. "Un custo para a comunidade de entre 5 a 6 veces máis grande de que o seu valor real", asegura nesta entrevista ao GC.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 02/11/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Esta fin de semana celebrouse en Vigo unha xornada sobre a privatización da sanidade. Dela saíu o “Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados”, unha proposta que pretenden impulsar desde Galicia a toda Europa unha serie de colectivos e partidos políticos pola defensa da sanidade pública e a unión de todos os colectivos que traballan neste sector.

Gonzalez Moreira, Jose Vieira, Angel Cameselle e Marciano Sánchez na xornada sobra a sanidade organizada por AGE Europa
Gonzalez Moreira, Jose Vieira, Angel Cameselle e Marciano Sánchez na xornada sobra a sanidade organizada por AGE Europa

José Vieira é un dos seus asinantes. Actualmente xubilado, foi profesor de economía na área das matemáticas, econometría, estatística e teoría de xogos. Deu clases en varios países e está moi ligado aos temas de recuperar outros servizos para a súa orixe, como o abastecemento de auga ás poboacións, que este 3 e 4 de novembro tamén celebra o Encontro de cidades pola auga pública en Madrid.

Que está pasando na sanidade publica galega?
Como sabemos o modelo sanitario español é a posta en práctica  da Lei Xeral de Sanidade  -LGS- que foi aprobada en 1986. Podemos dicir que tivera como modelo, no fundamental, o sistema de saúde do Reino Unido (National Health Service). Desta inspiración resulta a universalización das prestacións, baseada na prevención e prestación da asistencia sanitaria. Esta foi a base, pero desde ese inicio até hoxe se foron dando senllas transformacións, case todas no sentido positivo, até ben entrada a última vintena de anos. Por outra banda, os ventos do capitalismo traen as formas máis estilizadas ou máis ultras das correntes liberais.

Así, nos USA, desde Ronald Reagan até o mesmo Obama, pasando por Clinton, as correntes da escola de Chicago, viñan facendo a apoloxía de impostos cada vez máis baixos, para os investidores, menos gasto público en servizos, o que resultaba en menos estado e, polo tanto, menos prestacións. Esta corrente de pensamento liberal lembra aos investidores que as prestacións de servizos efectuadas polos estados, sexa na parte do mundo que sexa, eran e son excelentes nichos de mercado para explotar. E cando o lume chega á pólvora é moi difícil parala. É isto que se está a pasar na sanidade pública galega. A sanidade é unha excelente oportunidade para os investidores, dado que é un sector onde a demanda é practicamente fixa. É polo que a sanidade é unha oportunidade millonarias de beneficios.


Ti que coñeces ben o funcionamento dos hospitais concertados, que nos podes dicir deste sistema de “colaboración” entre a sanidade pública e a privada?
Como sempre acontece, os investidores e os seus fondos vanse rodeando de procesos máis ou menos sesgados na conquista dos seus intereses.Primeiro, apoiando a creación de hospitais privados e apoiando agrupamentos de profesionais sanitarios que se apartaban do modelo sanitario público con proxectos de índole particular, con distintas finalidades, desde a posibilidade dun mellor desenvolvemento profesional, até a obtención de mellor valoración económica da súa actividade. Pero pronto, chegan os problemas de financiamiento das grandes estruturas hospitalarias, mesmo un pouco antes da grande crise dos anos posteriores a 2009. É entón cando os investidores empezan a convencer aos políticos que son o camiño para a resolución dos financiamientos e comezan a adiantarlle diñeiro. E a administración paga ao longo dun período de tempo negociado.

Milleiros de persoas protestan en Vigo por unha sanidade pública nunha das manifestacións máis masivas que se lembran na cidade
Milleiros de persoas protestan en Vigo por unha sanidade pública nunha das manifestacións máis masivas que se lembran na cidade | Fonte: VM

Tamén é habitual, que estes investidores (normalmente conglomerados de empresas, bancos e provedores de servizos), tamén queden explotando franxas de negocio non estritamente sanitario. Resultado?...A experiencia na Europa ten sido terrible; mala calidade das construcións, externalización dos servizos esenciais e naturalmente, calidade de prestacións moitísimo menor de cando eran entes públicos. Pero sobre todas as cousas, un custo para a comunidade de entre 5 a 6 veces máis grande do seu valor real. Conclusión: Peor calidade, menores prestacións, desviou de certas especialidades para outros centros onde posúen maiores intereses, implantacións discutibles, etc..  A colaboración público privado, converteuse nun negocio de ouro para as UTEs, un malgasto para os gobernos e unha frustración para as poboacións.


Pódese afirmar entón que se está “privatizando” a sanidade?
Non hai ningunha dúbida que se está a privatizar a pasos acelerados. É evidente que esta situación ten sido levada a efecto polos partidos políticos cuxa base ideolóxica móvese na ideoloxía neo liberal. Pero está a procesarse dunha forma sibilina, isto é, dunha forma tal que o grande público non percibe este cambio, pero vai sentindo os efectos; menor calidade, menos prestacións, etc. Unhas veces dinlle que é por falta de orzamento, noutras realizando prestacións de medios auxiliares de diagnóstico e probas non necesarias pero que permiten ás unidades facturar máis e pór ao goberno a pagar o innecesario.

E como fan iso?
Pois con concertos con empresas hospitalarias privadas para onde transfiren partes substanciais de poboación para asistir, así como concédenlles prestacións de servizo en monopolio nas súas áreas. Pero aínda é máis sutil o proceso cando fan eses concertos (contratos de prestación de servizos) por períodos de tempo que ultrapasan de longo os seus tempos no poder. Así estará asegurada a implantación das empresas e a consecuente dependencia do sector público. Pero non só acontece esta situación, pois moitas veces xorde a necesidade da construción dunhas instalacións hospitalarias na mesma área e a nova unidade é concibida e construída para non facer competencia á unidade privada concertada. Esta nova é entregada a unha UTE, que é un conglomerado de empresas privadas. Este é o camiño da total privatización da sanidade... Calmo, tranquilo e, sobre todo, oculto.

E hai algún mecanismo para evitar que os cartos públicos vaian para as empresas privadas?
É un traballo que ten que ser moi ben desenvolvido, dado que as empresas privadas están moi ben asesoradas polos mellores bufets de avogados. Están ligadas aos maiores grupos de presión quere a nivel nacional quere a nivel da CE. Os procesos de fiscalización das entidades privadas que explotan a prestación sanitaria deberían ter unha fiscalización rigorosa e profesional con auditorias independentes. Doutra banda, nos concertos efectuados, os concesionarios poden solicitar aumentos do canon nas súas cláusulas.  Coas UTEs, que constrúen instalacións hospitalarias, xa fan isto argumentando que utilizan novas tecnoloxías, mais material, etc. A sangría párase con fiscalizacións e auditorias independentes, continuas e constantes. Pero o mellor proceso é acabar dunha vez con este sistema perverso. Hai instrumentos de actuación, os chamados Expedientes, que poden asumir dous tipos: Expedientes informativos e Expedientes sancionadores. Estes procedementos, poden levar até a eliminación dos concertos. Pero é necesaria a vontade política para facelo.

De seguir por esta tendencia de privatizar a sanidade, que riscos corremos?
A curto prazo é o empeoramento da calidade das prestacións asistenciais, polo lado dos utilizadores e polo lado da administración. Unha sangría cada vez maior de recursos das arcas públicas para as privadas. Entón quen queira o mesmo nivel de asistencia que tiña antes do ataque da privada a sanidade pública, terá que rascar os seus petos e pagar á privada. A longo prazo é a desaparición da asistencia pública como a tiñamos até hai pouco tempo e o recurso aos seguros privados. Esta é a finalidade dos partidos de ideoloxía ultra liberais.

Nos últimos meses e anos teñen tido lugar moitísimas mobilizacións en contra da privatización da sanidade. Máis de 200.000 persoas saíron en Vigo. Pero semella que logo iso non se reflicte nos resultados electorais, que a xente segue apoiando ese modelo privatizador... por que?
Este é o grande problema en España. A grande maioría da poboación quere manter os dereitos conquistados, como a sanidade, universal e gratuíta, a educación e as pensións. Entón cando se lle fala de que están en risco esas prestacións é capaz de mobilizarse, pois acredita que os gobernantes van tomar boa nota da súa mobilización. Para eles os gobernantes son persoas que están nun pedestal, con estatuto de intocables. Acreditan que a súa chamada de atención é suficiente.
Pero os españois, sobre todo o grupo que se sitúa por enriba dos 45/50 anos é terriblemente anti cambios. E é máis, ten un horror a todo o que non sexa coñecido.
Máis aínda, sempre está atento ao que a súa contorna parroquial decide en termos de orientación política. Como sabemos de experiencia as parroquias no seu conxunto, están contra os cambios. Sempre acreditan que os cambios son malos. Así que penso que a correa de transmisión, mobilización ou cambio político, ao funcionar ao revés, non permite frear o movemento privatizador. España é maioritariamente un país que está a ter unha poboación moi maior.


Supoño que como integrante da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública será frustrante... Cal é a proposta da plataforma para rematar con esta situación?
Nas xornadas de Vigo da fin de semana pasado presentaronse varias análises de distintas situacións existentes neste tipo de colaboración público/privado, quere nacionais, quere nos países da Comunidade Económica, e nin unha soa revelou ser mínimamente positiva. Todas as experiencias presentes foron no sentido de que a situación é dunha extraordinaria gravidade. Así só resta unha solución que é conseguir que todas as poboacións se unan nun grande movemento sen fronteiras, pois se trata dun ataque ás poboacións da Unión Europea, e esixir o cesamento inmediato das privatizacións. É nese sentido que se plasma o manifestou das Xornadas: "Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados".

E cal é a finalidade deste manifesto?
Contén a contestación ás dúas últimas preguntas. Trátase dunha carta de principios, onde se plasma toda a nosa vontade de proseguir nesta loita ata que se consiga recuperar o último centro privatizado.  A loita será dura pois o mapa político é desfavorable, pero a vontade das persoas é inquebrantable. A curto prazo é loitar organizadamente segundo as liñas de orientación do noso manifesto.

Marcha en defensa da sanidade pública
Marcha en defensa da sanidade pública | Fonte: CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 antolín o dos cubatas

Manolo G. Moreira, despois do fracaso ABSOLUTO como candidato a concelleiro, agora segue chuchando na CIG

3 Gamela

Unha práctica habitual (precisamente entre as xentes de esquerda) é manter a Seguridade Social para as operacións e tratamentos de alto custe (graves) e á vez pagar un seguro privado para poder ter asistencia médica nas cuestións do día a día evitando as longas listas de agarda que fan da SS un inferno para os pais con fillos cativos ou simplemente para curar unha otite e ter acceso a un especialista sen agardar 3 meses! Semella que xa temos asumido que para ter a mesma cobertura médica pagamos dúas veces polo que antes era só público (que non de balde!) O inimigo xa o temos na casa común da esquerda... e logo que lle imos pedir á dereita? Evidentemente esta colaboración público-privada só a poden manter persoas con ingresos económicos suficientes para chegar a fin de mes (e un chisco máis!)

2 Sarto

Imos ver. Se foran liberais, pois tería o seu razón de ser. O esperpéntico do asunto é que son todo o contrario a liberais. O Estado está en cada curruncho do sistema. Querer "liberalizar" un Estado que é totalmente omnipresente é, cando menos, contradictorio. Si son totalmente "liberais" como é que Felipe González foi a Venezuela a intrometerse no designio dos venezuelanos. Como é que a banca nos roubou a todos os contribuintes os cartos e aquí non pasou nada? e un longuísimo etcétera. O de "liberal" pode ter adeptos. Pero non aquí no planteta Terra nin agora no país. Porque sodes calquera cousa menos liberais. Que lho pergunten ao presidente da deputación de Ourense. Ëse seguro que tamén é liberal.

1 anonimo

Está vostede absolutamente equivocado. O liberalismo consiste en que o poderoso é libre para facer o que lle sae de ahí, roubar e asesinar incluidos. Entre outras cousas, para coller o Estado e facer con él o que mellor lle vaia ao seu bolsillo. O presidente da deputación de Ourense non pode ser mais liberal. Non se deixe confundir pola propaganda.

1 Gamela