Temas: BIOLOXíA

O Día da Ciencia en Galego recoñece a Cruz Gallástegui, introdutor en Galicia da xenética vexetal

Dirixiu a Misión Biolóxica de Galicia da que naceu o primeiro millo híbrido de Europa, plantado no ámbito do Pazo do Hórreo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/11/2016 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A sétima edición do Día da Ciencia en Galego, centrado este ano na Bioloxía, recoñece a Cruz Ángel Gallástegui Unamuno tanto pola súa faceta de investigador no campo da xenética vexetal coma polo seu "profundo" compromiso cos problemas de Galicia na súa época. Do ámbito internacional destaca a Gregor Mendel, o pai da xenética e autor das leis que levan o seu nome.

Celebración do Día da Ciencia en Galego 2016 no Parlamento Galego
Celebración do Día da Ciencia en Galego 2016 no Parlamento Galego | Fonte: @Par_Gal .

O acto tivo lugar este venres no Pazo do Hórreo, que alberga o Parlamento de Galicia e que con anterioridade foi a sede dun cuartel militar e da escola de veterinaria. Durante a etapa en que o edificio se dedicou a fins educativos, parte do seu terreo utilizouse para a Misión Biolóxica de Galicia que lideraba o propio Cruz Gallástegui. "Aquí naceu o primeiro millo híbrido de Europa", resaltou o vicepresidente da Cámara, Diego Calvo.

O labor deste vasco nacido en Vergara (Guipúscoa) en 1891 e que morreu en Pontevedra en 1960 o glosaron no acto a secretaria de Igaciencia, Inés Ben, e o científico e estudoso Francisco Díaz-Fierros. Foi este último quen puxo en valor non só o tamaño das mazorcas logradas por Gallástegui, senón tamén o seu contacto cos agricultores, cos que colaboraba e aos que ensinaba técnicas de cultivo.

Tamén relatou como, tras o traslado da escola de veterinaria, a Misión Biolóxica atravesou uns "anos negros" ata que, en 1927, a Deputación de Pontevedra ofreceu un terreo e uns orzamentos adecuados para poder manter as investigacións. A súa importancia viña dada porque os traballos científicos deste tipo unicamente se facían, naquela época, nun centro de Italia, en tres de Canadá e en 23 espallados por Estados Unidos.

TRABALLO DE I+D+i

Toda esta actividade converte ao investigador vasco "afín" ao Partido Galeguista, en palabras do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, nun dos "pais da modernización da agricultura galega", cuxo taballo de I+D+i permitiu producións de millo máis sas, máis seguras e de maior tamaño, e contribuíu a mellorar a calidade de vida dos galegos do ámbito rural".

"Foi unha personalidade irrepetible: un erudito, un científico, un investigador e un gran divulgador", salientou o dirixente político en presenza de estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago que asistiron ao acto e entre os que se atopaban dous dos seus bisnetos, tal e como apuntou o propio director do centro, Ubaldo Rueda.

Xunto coa reivindicación do seu legado científico, Román Rodríguez destacou a súa colaboración co Seminario de Estudos Galegos e coas Irmandades da Fala, institucións que aspiraban a "dignificar a lingua galega naqueles ámbitos nos que estaba relegada", como o académico.

"A Galicia de hoxe é moi distinta", asegurou, toda vez que "o galego está presente en todos os sectores sociais" e xa non é percibida como "un obstáculo" para impartir coñecementos dende as aulas das universidades. "Galicia ten unha débeda de gratitude con Cruz Gallástegui", proclamou Diego Calvo, antes de animar os mozos a utilizar a lingua propia "en todos os ámbitos da vida, tamén na ciencia".

Temas: BIOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta