Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/11/2016 | Actualizada ás 17:59
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) convocou mobilizacións contra a LOMCE e as novas probas finais de ESO e Bacharelato, as chamadas 'reválidas', para os días 16 e 24 de novembro.
En concreto, o próximo 16 de novembro celebrarase unha concentración ás 11,15 horas fronte á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en Santiago de Compostela, e entregarán sinaturas contra a Lei de Educación no Rexistro da Xunta.
A PGDEP informou avanzou tamén que os estudantes (o sindicato Erguer!) prevén organizar unha xornada de folga de secundaria e bacharelato o día 24 do mesmo mes. Esa xornada, a entidade convocará mobilizacións en polo menos 10 localizacións da xeografía galega, que serán ás 19.00 horas nas sete grandes cidades -Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol- e noutras localidades como Vilagarcía (Pontevedra), Cee (A Coruña) e Carballo (A Coruña).
CONTRA A "INVOLUCIÓN"
A PGDEP reuniuse a semana pasada cos distintos grupos do Parlamento galego. Ao respecto, o voceiro da plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, sinalou que os voceiros da oposición trasladaron a súa critica á chamada 'Lei de Wert', mentres que o grupo popular "o único que fixo foi esa referencia tan manida de que están abertos ao diálogo".
Louzao reiterou o rexeitamento á LOMCE e afirmou que seguirán loitando ata a "desaparición deste instrumento que supón a involución do sistema educativo".
O voceiro da plataforma afirmou que "se debe iniciar un debate sobre cales son as necesidades e carencias da educación en Galicia e buscar acordos e consensos para realizar un nova norma". Para iso, afirmou que o recén nomeado ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, debería levar a cabo unha resolución ministerial que "como mínimo" paralice as 'reválidas'.
Así mesmo, Louzao confiou en que a oposición cumpra cos seus programas electorais e leve a cabo unha acción conxunta para derrogar a LOMCE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.