Premios de Transferencia de Tecnoloxía para a USC, Evasa e un proxecto do ITMATI para Reganosa

Os galardóns son convocados pola Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 18/11/2016 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia recoñecen na súa segunda edición tres proxectos: un realizado por un grupo de investigación interdisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que desenvolveu unha alternativa aos tratamentos con antibióticos en saúde bucodental; outro premio para un software desenvolvido polo Instituto de Matemática Industrial (ITMATI) para Reganosa, e por último, un proxecto desenvolvido pola empresa Evasa en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias (ITMA).

Foto de grupo dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia  2016
Foto de grupo dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2016 | Fonte: RAGC.

PREMIO GRUPOS DE INVESTIGACIÓN

A profesora de Bioloxía Ana María Otero Casal recolleu este xoves o premio outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) a un equipo interdisciplinar da USC, formado por investigadores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía e da Área de Estomatoloxía, na modalidade de mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada.

Hai seis anos un grupo interdisciplinar da USC facíase cun premio da RACG por un traballo de investigación básica sobre saúde bucodental. Ese equipo continuou avanzando ao longo deste tempo nos seus obxectivos e deu os seus primeiros pasos cara ao mercado. Agora, a mesma academia acaba de recoñecer este esforzo ao recoñecerlle o galardón á investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 para a formación dun dos seus investigadores. 

Un equipo de dez científicos dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía e da área de Estomatoloxía, en colaboración coa empresa catalá Dentaid, logrou aplicar unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos que consiste en actuar sobre os procesos de comunicación que establecen as bacterias entre elas para formar a placa dental, retrasando así a súa formación e a aparición de enfermidades como a carie ou a xenxivite. A fórmula, sen efectos secundarios e moi efectiva, evita os problemas de resistencias que acaban xerando os antibióticos así como as alteracións na flora intestinal que estes medicamentos poden provocar. 

A viabilidade desta estratexia foi ratificada con ensaios in vitro realizados pola USC e a empresa Dentaid, con bos resultados na redución da formación de placa dental de entre o 80% e o 90% en mostras de pacientes sans e en polo menos do 50% en pacientes con diferentes patoloxías orais. 

PREMIO GRANDES EMPRESAS

Os galardóns recoñecen tamén nesta segunda edición o caso de éxito de transferencia de tecnoloxía da empresa galega Reganosa dedicada ao transporte e regasificación de gas natural ao aplicar un software desenvolvido polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polas tres universidades galegas. A contratación do ITMATI permitiulle á empresa incorporar unha innovadora ferramenta que  permite a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia

O software desenvolvido polos investigadores da USC e transferido a Reganosa, que o usa de xeito estable desde 2014 e que se segue perfeccionando, supera as limitacións das existentes no mercado. A ferramenta deseñada permite analizar a cadea de desenvolvemento das redes de transporte de gas dende a súa planificación ata o seu funcionamento en situacións nas que pode perigar a seguridade de subministración. 

A solución desenvolvida baséase na aplicación da matemática industrial para simular, en calquera escenario, o funcionamento das redes de transporte de gas de xeito moi rápido (no caso da española, de 13.000 quilómetros, en menos de 10 minutos). A súa aplicación permite considerar todas as situacións de demanda posibles e tomar decisións de forma eficiente. 

PREMIO PEMES

Houbo ademais outro premio, na categoría de pemes, ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, que lle correspondeu a Evasa. Esta empresa situada en As Pontes (A Coruña) desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias, dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, tamén coñecido como vidro de seguridade, que permiten un significativo aforro enerxético para esta industria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta