De zombis e outras agonías

Despois de todo o que lle caeu enriba ao PP, calquera outro partido estaría politicamente morto. No Comité Executivo do 3 de novembro, Rajoy tirou das sondaxes e das boas perspectivas electorais para dar vida a un partido suicidado polas retesías internas e rotundamente desacreditado pola couza da corrupción...

Por Manuel M. Barreiro | Galicia | 11/12/2009

Comparte esta noticia

 

None

A pesar dos seus moitos pesares, o PP comportábase como un partido zombi capaz de manter a súa escalada electoral sen encaixar custes polas trangalladas de Gürtel, as desobediencias dos seus baróns ou a guerra intestina polo control de Caja Madrid. Mesmo reducido ás súas funcións básicas ­-erosionar ao goberno do PSOE e liderar todos os malestares, imaxinarios e reais-, o PP mantiña o seu avance triunfal cara á Moncloa.

Daquela os expertos fixeron saber que os efectos da corrupción política sobre os apoios electorais dos partidos afectados adoitan ser retardados e indirectos, os descontos son ao medio prazo e confírmanse como fugas á abstención e non como transferencia de lealdade cara outras opcións. Con todo, algunhas sondaxes evidencian xa a perda de folgos do PP, a última de Público rexistra o desbaldo da avantaxe (que foi de cinco puntos) que o Partido Popular lle ganaba ao PSOE en outubro.

De confirmase esta tendencia, o balance de forzas retornará á situación de empate técnico do verán. En Ferraz estarán máis tranquilos pero non hai  motivos para alegrías: o voto declarado ao PSOE está entalado e non hai garantías de que a xestión gobernamental se traduza en medras electorais inmediatas.

O paquete de medidas anticrise de Zapatero-Salgado non é quen de reverter a recuada económica; amais o goberno encara os asuntos críticos con graves erros de coordinación e falta de resolución (Alakrana, caso Haider...), a súa iniciativa cedeu ao esperar e ver (Estatut...), cada nova medida estrela (Reforma fiscal, Lei de Economía Sustentábel...) tórnase nun «quero e non podo»; e a política de valores e novos dereitos (Lei do aborto...) distrae e só vale para evidenciar o oportunismo fundamentalista do PP.

A ala optimista do PSOE confía no «semestre europeo» e engordar o  currículo de Zapatero como estadista internacional. É improbábel que a «presidencia española» poida exercerse de xeito caseiro; isto é, priorizando políticas que reporten beneficios domésticos sensíbeis no Reino de España; Francia, Italia e Alemaña non están por consentir políticas de favor, as súas prioridades son outras.

A agonía do PSOE avivécese pero non só por perder posicións diante do Partido Popular, senón por fracasar respecto do segundo partido máis importante na esquerda: o Partido da Abstención. O continxente progresista que recunca no abandono electoral non mingua. É por iso que a ala pesimista remoe teimosamente en que a única estratexia para gañar pasa por poñer aos abstencionistas de esquerda ao bordo do abismo: facer coincidir eleccións xerais, municipais e autonómicas en 2011, unha aposta de todo ou nada.

Será máis que unha confrontación electoral, elixirase entre cambio ou continuidade no réxime de gobernabilidade do Estado: na mesma tirada decidiríase o  poder local, autonómico e estatal. Unha aposta forte que os estrategos do bordo do abismo consideran imprescindíbel para sacar aos abstencionistas de casa e explotar o voto útil tirando do medo como seu principal catalizador. No laboratorio de estratexias lémbranlles que os experimentos facelos mellor con gasosas. Eles retrucan, non sen razón, que levan noves meses experimentando con gasosas e que non queda outra: gañalo ou perdelo todo. Os abstencionistas que elixan e, despois, rían ou choren.

Manuel M. Barreiro  é historiador e analista político, mantedor do blog De paso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel M. Barreiro Manuel M. Barreiro é historiador e analista político. Autor do blog De Paso blog