Feijóo e nada máis

O presidencialismo é unha das marcas de identidade do Novo Réxime que se institucionalizou tras o 1-M. Dísenos que, en actitudes e formas, Núñez Feijóo é moito máis presidencialista que Touriño, González Laxe, Albor e Fraga; si, tamén máis presidencialista que o Patrón e León de Vilalba, quen durante tres lustros foi todopoderoso presidente de Galiza e a quen non lle chistaba ninguén.

Por Manuel M. Barreiro | Vigo | 04/03/2010

Comparte esta noticia

Indicador dese irresistíbel presidencialismo é que, a diferenza dos executivos doutrora, actualmente os conselleiros teñen moito menos protagonismo e autonomía de acción. Decide e reina Feijóo. Faise virtude do que non se ten; dada a falta de equipo de goberno abonda con enxalzar a existencia dun presidente presidencialista.

Maquiavelo sostiña que o primeiro método para estimar a intelixencia dun gobernante é ollar para as persoas que teñen arredor. O Novo Réxime é presidencialista non pola grandeza dirixente do presidente senón pola mediocridade dos conselleiros que lle compoñen a Corte. Núñez Feijóo preside un equipo de conselleiros descoñecedores do que é gobernar e descoñecidos ou pouco valorados polos cidadáns; a auctoritas presidencial engrandécese tamén pola falta absoluta de iniciativa política da súa comparsa partidaria. No gabinete, insístennos os cazadores de tendencias, hai só dúas excepcións que exercen discrecionalmente os poderes delegados por Feijóo: Alfonso Rueda e Agustín Hernández, os demais membros do Consello da Xunta son unicamente sombras dos desexos e determinacións do presidente.

É indiscutíbel que o liderado de Feijóo no último ano se fortaleceu nos medios, igualmente é indubidábel que se agatuñou no máis alto do top ten do Partido Popular de España, pero a súa reputación de poder está por moi por debaixo da súa cota de pantalla, do que se inviste na súa imaxe ou do seu coñecemento cidadá; o seu prestixio está cangado pola pobreza da súa acción gobernamental e pola falta de capacidade dos membros do que se nos quixo vender como un Goberno 10. Agora facturase co mesmo entusiasmo mercadotécnico un presidente presidencialista, na oferta non hai máis nada: nin equipo, nin proxecto para o país, nin goberno, nin esperanza de que o haxa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA