Temas: ARXENTINA XUNTA

A xustiza arxentina embarga as contas da Delegación da Xunta en Buenos Aires

Inmobilizou uns 20.000 euros para executar o pago dunha sentenza laboral na súa contra. Dado que a Xunta non a fixo efectiva no tempo legal terá que aboar, ademais, unha penalización. O Goberno galego di que as súas contas alí están "operativas".

Por Xurxo Salgado | Buenos Aires | 24/11/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Xustiza arxentina embargou as contas que a Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires posúe no Banco Frances-BBVA para executar o pago dunha sentenza laboral fallada na súa contra polo despedimento improcedente da Asistente Social que desempeñou esta tarefa na sede do Goberno galego en Arxentina entre o mes de abril de 2008 e maio de 2010.

Delegación da Xunta en Bos Aires
Delegación da Xunta en Bos Aires | Fonte: Heráldica en la Argentina

Segundo puido saber GC, en total, foron inmobilizados este luns uns 20.000 euros para cubrir a compensación económica á traballadora polas diferenzas entre os soldos efectivamente abonados e os legalmente establecidos para a categoría laboral en Arxentina, os honorarios do avogado e as penalizacións aplicadas por non realizar o pago no termo legal establecido. 

Penalización

O Goberno galego coñeceu a sentenza de segunda instancia o pasado 6 de setembro e recibiu a cédula de notificación oficial o 17 de outubro pero non efectuou pago algún dentro do período de mora, que é válido durante os 5 días posteriores á notificación.

Á cifra inicial deberá sumarse unha penalización diaria equivalente á taxa activa do Banco Nación (36% anual) e os honorarios de xestión do letrado por executar a sentenza. O Banco Francés BBVA deberá trasladar agora os fondos embargados á xustiza para facer efectivo o pago que de cumprimento á sentenza. 

A Xunta de Galicia foi condenada por non abonar os honorarios correspondentes á categoría laboral da traballadora, segundo o establecido pola lexislación arxentina e por non abonarlle o uso dun idioma estranxeiro, esixido nas probas do concurso oposición que aprobou para acceder ao cargo.

Contrato baixo a lei arxentina

A Asistente Social accedeu ao posto con categoría de persoal laboral fixo contratado baixo a lexislación arxentina en abril do ano 2008. O seu soldo nunca foi o asignado para o seu cargo nos orzamentos da Xunta de Galicia, como persoal da Secretaría de Emigración, nin mantivo relación coas escalas laborais fixadas polo gremio arxentino no que o Goberno galego inscribiu aos seus traballadores, Unión de Traballadores de Entidades Civís e Deportivas (UTEDYC). 

En dous anos, e con cifras de inflación próximas ao 30% non rexistrou actualizacións nin pola sub do IPC español nin polos acordos das entidades gremiais homologadas polo Ministerio de Traballo arxentino. O seu despedimento materializouse tras realizar varios reclamos por parte dos empregados, co argumento dunha reestruturación da oficina delegada en Arxentina e o seu cargo non volveu cubrirse con persoal especializado.

A Xunta estaba sobre aviso

O avogado defensor da ex empregada, Sebastián Corach manifestou en declaracións ao GC que o letrado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Guillermo Lindoso --Actual Secretario de Desenvolvemento Económico do Municipio de Pilar-- argumentou a falta de pagamento polos dilatados procesos legais necesarios na Administración Pública galega para librar os fondos.

Houbo unha neglixencia, se foi polo avogado ou pola Xunta, non o sei. Eu falei con Guillermo Lindoso e díxome que xa o pedira e que se ía executar. Eu díxenlle que lle daba unha semana e senón metía o embargo. Pasou a semana e pedín o embargo”, indicou o avogado Corach.

De feito, este letrado suliña que o pago da sentencia podía estar xa solucionado hai dous ou tres anos pero non fraguou o acordo entre as dúas partes porque “ao parecer a Xunta non lle deu para adiante”.

A partir de agora, as contas da Xunta en Buenos Aires poden estar embargadas, cando menos, durante dez días. E é que os cartos que se lle adebedan á ex empregada da delegación teñen que ser ingresados noutro banco no que é o que opera a xustiza arxentina, e de aí, a súa conta.

A cifra embargada son 257.000 pesos arxentinos (pago indemnización + honorarios do avogado), máis 80.000 pesos de reserva para cubrir gastos de penalizacións, intereses derivados da demora e os honorarios do avogado pola xestión para executar a sentenza. Uns 20.000 euros ao cambio oficial.  

 

Contas "operativas"

Pola súa banda, a Xunta confirma que hai algún asunto xudicializado desde hai anos e confirma que se embargou "algunha cantidade produto dalgunha sentenza". Fontes da Vicepresidencia consultadas por GC suliñan que, a pesar disto, as contas da Delegación da Xunta en Arxentina "están operativas con normalidade".
 

Temas: ARXENTINA XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta