Temas: CCOO MUROS

CCOO denuncia na Inspección de Traballo infraccións laborais do Concello de Muros

O sindicato repróchalle ás autoridades municipais que publicasen no BOP os grupos profesionais do persoal laboral eventual sen acordo previo coa representación legal dos traballadores e traballadoras.

Por Galicia Confidencial | Muros | 01/12/2016 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras denunciou o Concello de Muros perante a Dirección Provincial da Inspección de Traballo e Seguridade Social por dúas irregularidades. A primeira, o incumprimento do referido acordo sobre o complemento de antigüidade. A outra, a vulneración do Estatuto dos Traballadores, xa que mantén como temporais persoas que xa deberían ser indefinidas, algunhas encadeando contratos eventuais desde hai máis de seis anos.

Unha das protestas de CCOO
Unha das protestas de CCOO | Fonte: ccooxustiza

A esta denuncia, que aínda está pendente de resolución, a CCOO sumará outra polo incumprimento do requisito de acordo previo coa representación legal do persoal á hora de elaborar a clasificación dos grupos profesionais.

Nun comunicado, o sindicato lembra que o pasado 5 de outubro, nunha xuntanza da mesa xeral de negociación, o comité de empresa do persoal laboral acordou co Concello que este, unha vez resolta conxuntamente a clasificación en grupos profesionais dos laborais eventuais, comezaría a aboarlle a este colectivo o complemento de antigüidade con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2016. 

“Ese complemento non se lle está aboando a determinado persoal laboral eventual malia que tanto a Secretaría como a Intervención municipais emitiron informes recoñecéndolles o dereito á súa percepción”, asegura.

“Infraccións” laborais

Este sindicato tamén denuncia “infraccións” en materia laboral por parte do Concello de Muros. Entre outras, repróchanlle a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) dos grupos profesionais do persoal laboral eventual sen que houbese acordo previo coa representación legal dos traballadores e das traballadoras municipais, tal como esixe o convenio colectivo vixente.

Así, critica que o concello muradán publicou no BOP do pasado luns, día 28, unha “corrección de erros materiais” no anuncio da aprobación definitiva do orzamento municipal do exercicio 2015, que publicado no BOP do 10 de marzo daquel ano. Neste escrito modifícase un aspecto do cadro de persoal, concretamente o referente aos laborais eventuais.

O sindicato critica que nesa corrección de erros as autoridades municipais “confundan” os grupos profesionais cos grupos de cotización. Censuran, ademais, que este novo erro se cometa” por non contaren coa representación legal dos traballadores e das traballadoras, tal como é preceptivo”. 

Temas: CCOO MUROS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta