"Seremos un club rico"

O Deportivo aproba un orzamento de case 56 millóns para a actual campaña, tras obter un superávit de 6,9 na pasada, e anuncia unha rebaixa da débeda ata os 95 millóns. Tino Fernández anuncia a creación dunha Fundación do club con fins sociais.

Por gcdeportes | A Coruña | 02/12/2016 | Actualizada ás 08:56

Comparte esta noticia

“Estabilizamos o barco e camiñamos cara a bo porto. Acabaremos sendo un club rico”. Malia a difícil situación económica do Deportivo, sacou peito Tino Fernández sobre a súa recuperación paseniño. “Se seguimos en Primeira, o groso da débeda pódese acabar en tres anos”. Na súa terceira xunta de accionistas, o consello de administración, que sacou adiante case por unanimidade todos os puntos do día, aprobou un orzamento de case 56 millóns de euros, tras presentar uns beneficios récord de 6,7 millóns na pasada, unha obriga para facer fronte aos compromisos adquiridos no concurso de acredores.

As urnas para as votacións na xunta de accionistas do Dépor en Palexco.
As urnas para as votacións na xunta de accionistas do Dépor en Palexco. | Fonte: @RCDeportivo

Son, segundo as verbas de Tino Fernández, “os mellores resultados da historia do club”, que lle permiten rebaixar a débada dos 100 millóns. O dirixente deportivista destacou a baixada dun 8% ata os 95,5 millóns, despois dos máis de dez abonados aos bancos e á Axencia Tributaria.
Deste xeito, Tino Fernández augurou un futuro prometedor para o Deportivo. “Conseguirémolo, acabaremos sendo un club rico”, dixo o presidente, que criticou ao anterior consello de administración por non ter entrado antes en concurso de acredores: “Teriamos débeda cero e títulos”, aventurou.

O presidente deportivista anunciou a creación inminente dunha Fundación do club aproveitando o 110 aniversario e co obxectivo de devolverlle á sociedade todo o que esta lle aporta. A fundación terá un carácter social e solidario, e custodiará o patrimonio histórico do Deportivo.

Durante a xunta de accionistas, Tino Fernández destacou fronte ás críticas o esforzo do club para tentar reforzar e profesionalizar a canteira e defendeu a legalidade da pancarta dos Riazor Blues que Antiviolencia persegue e sanciona. A xunta xeral de accionistas contou coa presenza de 157 accionistas, con 1.696 accións propias e 41.431 accións representadas (en total, 1.146 accionistas representados), cun total de 2.591.932 euros de capital presente e representado, o 27,48% do capital social.

As urnas para as votacións na xunta de accionistas do Dépor en Palexco.
As urnas para as votacións na xunta de accionistas do Dépor en Palexco. | Fonte: @RCDeportivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta