Temas: XUNTA

A Xunta prioriza unha suba dos orzamentos en Mar e Economía e relega Sanidade e Educación

Volven primar as provincias orientais en gasto por habitante, aínda que as atlánticas reciben o maior volume.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/12/2016 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

As consellerías que máis crecen nos orzamentos da Xunta para 2017 son as de Mar, que sobe un 10,08%, ata 142 millóns, e a de Economía, Emprego e Industria, un 7,7%, con 434. Mentres, Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aínda que acaparan o 68,7% do orzamento das consellerías, con 3.614 e 2.314 millóns, respectivamente, soben por debaixo do 3% —un 2,88% e un 2,85%, en concreto—.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez | Fonte: Remitida.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou este sábado as contas autonómicas no Parlamento galego, tras entregarllas ao seu presidente, Miguel Santalices.

Na súa exposición, destacou, como fixo este venres tras a aprobación do documento no Consello, que as contas dispoñen de "máis recursos" e se inscriben nun contexto de "consolidación" e "recuperación" económica. Pretenden, dixo, trasladar "certezas" a familias e empresas galegas, así como avanzar nun modelo de crecemento "san, progresivo, continuo e que foxe de burbullas conxunturais".

POLÍTICA SOCIAL AUMENTA UN 4%

Por departamentos, Sanidade aumenta en 101 millóns, un 2,88%, ata alcanzar os 3.614. É a consellería con máis capacidade de gasto, por diante de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que dispón de 2.314 millóns, 64,2 máis (o que representa o aumento do 2,85%).

Mentres, Política Social, a terceira por contía, manexará o exercicio próximo 645 millóns de euros, 25 máis, o que supón incrementar o seu presuposto un 4,03%.

Entre estas tres consellerías suman 6.573 millóns, dos 8.623,3 con que contan todos os departamentos do Goberno galego (un 3,37% máis que en 2016), isto é: o 76,22% do total.

RESTO DE DEPARTAMENTOS

A continuación figura Medio Rural, con 520 millóns de euros, 15 máis, e unha suba do 2,97%; seguida de Economía, Emprego e Industria, para a que se reservan 434 millóns, 31 máis (+7,7%).

Infraestruturas e Vivenda, cun presuposto de 351 millóns en 2017, ascende un 3,24%, 11 millóns máis en termos absolutos.

Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Presidencia tamén repuntan máis do 3%, ata 262 millóns a primeira (con 9 máis e un crecemento do 3,56%) e ata 175 a segunda (6 millóns máis e un incremento do 3,55%).

Mar, se ben é a antepenúltima en cantidade de fondos, con 142 millóns, alcanza unha suba do 10,08%, tras engadir 13 millóns ás súas contas.

Por último, Medio e Ordenación do Territorio queda con 3 millóns máis, ata 112 (+2,75%) e Facenda agrega 2 millóns ao seu presuposto e sitúao en 55 (+3,77%).

PROVINCIAS

O presuposto do Executivo autonómico para 2017 volve primar ás provincias orientais en gasto por habitante, e así Lugo e Ourense recibirán 3.522 e 3.355 euros, respectivamente, fronte aos 2.728 euros en Pontevedra e 2.457 euros en A Coruña.

Con todo, en valores absolutos, o maior volume se corresponde coas provincias máis poboadas e a asignación é de 2.769 millóns para A Coruña, 2.584 para Pontevedra, 1.195 en Lugo e 1.068 en Ourense. Con esta repartición, a Xunta pretende impulsar o reequilibrio territorial.

Temas: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta