Galicia, a máis afectada polas suspensións de fogos artificiais ante o risco de incendio: 300 só na segunda quincena de agosto

O sector lamenta que se lle vincule sen motivo coa orixe dos lumes e alerta do "dano irreparable" ás empresas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2025 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

A Asociación Española da Pirotecnia (Aepiro) denunciou este martes o "dano irreparable" que están a causar no sector as "suspensións masivas" de espectáculos pirotécnicos, e lamentou as cancelacións "inxustificadas" e o feito de que se sinale a esta actividade como causante de incendios forestais. "As anulacións indiscriminadas e arbitrarias de espectáculos pirotécnicos en toda España están a pór en risco a viabilidade das nosas empresas", sinalou o presidente de Aepiro, José Luís Giménez, que lembrou que o 80 % da actividade do sector concéntrase no verán.

A asociación realizou a finais do pasado mes de agosto unha sondaxe entre os seus asociados para coñecer o impacto das anulacións ou adiamentos de disparos por Risco de Incendios. Segundo os seus resultados, as comunidades autónomas máis afectadas polas suspensións son Galicia, Andalucía, Estremadura, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Cataluña, Castela-León e Asturias, sendo a comunidade autónoma de Galicia a máis prexudicada con diferenza. Aepiro estima en "millóns de euros" as perdas causadas por estas cancelacións, que afectaron a uns 300 eventos só na segunda quincena de agosto, e incidiu en que o impacto da pirotecnia na orixe dos lumes forestais é "irrisorio".

DATOS ESTATÍSTICOS

Segundo datos da Estatística Xeral de Incendios Forestais (EGIF), elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, nos últimos cinco anos dos que se dispoñen dun número relevante de informes de incendio forestal pechados (2018 a 2022, con máis de 29.000 incendios investigados), os fogos artificiais (petardos, foguetes, etc.) unicamente causaron ente o 0,02 e o 0,1 % anual da superficie forestal queimada. Dentro desta causa inclúense tanto a actividade profesional como o uso de pirotecnia por particulares. Esta mesma estatística, insistiron, indica que en 2023, último exercicio do que se dispoñen de datos, a pirotecnia non causou ningún incendio que afectase a zona arboredo. Dos 201 informes de incendios redactados para ese mesmo ano, só tres achacan aos fogos artificiais a causa específica do lume forestal, segundo datos do EGIF.

Espectáculo de fogos artificiais levado a cabo no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela
Espectáculo de fogos artificiais levado a cabo no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta