Por fin o mellor Dépor

O equipo deportivista gaña 5-1 á Real Sociedade e sae dos postos de descenso tras sumar a terceira vitoria da Liga, dous meses despois. Un Florin Andone espectacular marcou dous tantos e liderou a goleada herculina. O sábado, visita ao Bernabéu.

Por gcdeportes | A Coruña | 05/12/2016 | Actualizada ás 23:27

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Deportivo 5:
Tyton; Juanfran, Albentosa, Sidnei, Navarro; Guilherme (Mosquera, 82'), Celso Borges; Carles Gil, Emre Çolak (Fayçal Fajr, 86'), Ryan  Babel e Florin Andone (Joselu, 80').
Real Sociedade 1: Rulli; Carlos Martínez, Iñigo Martínez, Raúl Navas, Yuri; Illarra, Canales (David Concha, 77'), Xabi Prieto (Granero, 63'); Oyarzabal, Carlos Vela (Juanmi, 63') e Willian José.
Goles: 1-0: Sidnei (minuto 12). 2-0: Íñigo Martínez, en propia meta (28'). 3-0: Andone (minuto 42). 3-1: Yuri (56'). 4-1: Ryan Babel, de penalti (63'). 5-1: Andone (76').
Árbitro: José Luis Munuera Montero. Amarelas a Iñigo Martínez (62'), Granero (64'), Yuri (66') e Juanmi (85') na Real Sociedade.
Incidencias: partido da 14ª xornada da Primeira División no estadio municipal de Riazor ante 20.683 espectadores. Primeiro tanto de Sidnei coa camisola deportivista.

Foi outro Dépor, sen dúbida o mellor do curso, que con intensidade e velocidade pasou por riba dunha inoperante Real Sociedade. Gaizka Garitano deu por fin coa tecla e o Dépor gozou cunha goleada como había tempo. Cinco goles que puideron ser máis. Marcou Sidnei o primeiro coa camisola deportivista, Iñigo Martínez en propia porta, dous dun espectacular Florin Andone e Ryan Babel tras penalti. Por fin Riazor gozou cunha vitoria dos seus, a terceira da tempada tras seis xornadas sen vencer, dous meses despois da segunda.

Carles Gil, Emre Çolak e Ryan Babel foi a brillante aposta de Garitano por diante de Guilherme e Celso Borges. O partido comezou tolo, con ocasións nas dúas áreas, nuns primeiros minutos de ida e volta: Tyton despexou o centro-chute de Xabi Prieto e Rulli o remate no man a man con Andone. Pero a defensa realista daba moitas facilidades, e o dianteiro romanés chegou de novo ante o meta rival, pero estivo lento e chegou Carlos Martínez para despexar a córner. No lanzamento dende o curruncho, nun erro da defensa realista, chegou o primeiro de Sidnei, que puido na área controlar e rematar ao fondo da rede o 0-1.

Andone celebra co banco o quinto gol.
Andone celebra co banco o quinto gol. | Fonte: lfp.es

O Dépor cedeu terreo e a Real Sociedad, con máis posesión, deu a impresión de querer ir a polo empate, pero o Dépor xogaba con varias marchas máis: Emre Çolak asistiu para a carreira de Andone, que chegou á liña de fondo e centrou atrás, coa fortuna de que Iñigo Martínez rematou á súa propia rede para o 2-0 deportivista.

A velocidade de Andone rachaba a defensa rival unha e outra vez, e o Dépor xeraba ocasións claras de gol. Rulli evitou coa perna o terceiro tras carreira e disparo do dianteiro deportivista. Andone xa tivera dúas claras e á terceira marcou un golazo: Ryan Babel serviu para a carreira de Juanfran, que puxo o centro perfecto para o remate do romanés, que unha vez máis gañou por velocidade ao seus rivais.

Nada mudou tralo descanso. Andone volveu ser o máis rápido, correu todo o campo para chegar só á área, pero de novo deixou que o defensa evitase o seu remate. No córner, centro de Çolak e Andone rematou coa testa para a parada de Rulli. Puido ser o 4-0, pero na contra da Real chegou o 3-1 de Yuri. Ao Dépor non lle deu tempo a dubidar do seu xogo. Cinco minutos despois, o árbitro sinalou un penalti rigoroso sobre Albentosa e Ryan Babel, no rexeite, tras deter Rulli o primeiro lanzamento, fixo o 4-1 que sentenciou o choque aínda no minuto 63.

O Dépor gozou do resto do partido, coa calidade de Çolak e Ryan Babel, e tivo as súas opcións para marcar máis. E Andone obtivo o premio ao seu traballo constante co segundo gol na súa conta e o quinto do Dépor. Tan ben estaba o Dépor que Garitano non moveu ficha ata o minuto 80. Joselu entrou por Andone para que o romanés recibise a ovación da bancada, igual que Mosquera por Guilherme e Fajr por Emre Çolak. A Real tivo o segundo pero o marcador xa non se moveu. O Dépor acadou os tres puntos que tanto necesitaba, e con 13 sae dos postos de descenso antes de visitar o sábado o Bernabéu.

Florin Andone celebra o seu segundo gol, o 5-1 á Real Sociedade.
Florin Andone celebra o seu segundo gol, o 5-1 á Real Sociedade. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta