Temas: ABANCA

Abanca pecha a venda da súa parte de Tecnocom

Indra, a consultora participada polo Estado que leva habitualmente os sistemas das eleccións, realiza unha OPA sobre a empresa de orixe galego, unha das maiores contratistas de novas tecnoloxías das administracións públicas galegas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/12/2016 | Actualizada ás 09:31

Comparte esta noticia

Abanca e varios accionistas de Tecnocom comprometéronse irrevogablemente a aceptar a oferta pública de adquisición (OPA) de accións lanzada por Indra e acordaron a venda do 52,7% do capital que controlan na compañía por 168 millóns de euros aproximadamente.

Mobilización ante a sede de Tecnocom no polígono do Tambre en Santiago
Mobilización ante a sede de Tecnocom no polígono do Tambre en Santiago | Fonte: CIGç

En concreto, os accionistas de Tecnocom son titulares dun total de 39,54 millóns de accións da sinatura, equivalentes ao 52,7% do capital, estando o 20% en propiedade da entidade financeira galega, segundo informou a compañía de consultoría e tecnoloxía este mércores á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A semana pasada, Indra anunciou o lanzamento dunha OPA polo 100% do capital de Tecnocom por un importe de 305 millóns de euros, excluíndo autocarteira, a razón de 4,25 euros por acción. Desta forma, Abanca e o resto de accionistas que controlan o 52,7% de Tecnocom cobrarán 168 millóns de euros tras a venda das súas accións a Indra.

A operación instrumentarase mediante unha oferta mixta de efectivo (60%) e accións de Indra (40%), valoradas a 9,8461 euros. Iso supón 2,55 euros en efectivo e 0,1727 accións de Indra por cada acción de Tecnocom.

O importe en efectivo máximo a desembolsar por Indra polo 100% do capital de Tecnocom ascende a 191,3 millóns de euros aproximadamente.

A operación está condicionada á aprobación das autoridades de competencia, á aceptación dun mínimo do 50,01% do capital de Tecnocom (excluíndo os acordos irrevogables asinados por accionistas que representan o 52,7% de Tecnocom), á aceptación dun mínimo do 70,01% do capital social total e á aprobación por parte da xunta xeral de accionistas de Indra do aumento de capital relacionado coa transacción.

O peche da operación está previsto para o segundo trimestre de 2017.

Temas: ABANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta