Galicia segue perdendo poboación mentres España recupera grazas á emigración

O país perdeu 6.459 habitantes. Pola contra, a inmigración empurra a poboación española, que crece en 22.274 individuos tras sete descensos seguidos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/12/2016 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

No primeiro semestre deste ano morreron en Galicia máis persoas das que naceron (-6.994), non obstante, chegaron máis inmigrantes que emigrantes marcharon (+1.456). Con todo, este dato non foi suficiente para paliar a tendencia descendente da poboación no país, que tamén rexistrou máis saídas a outras autonomías que chegadas doutras (-921). Deste modo, Galicia rexistra 6.459 individuos menos, unha diminución do 0,24%.

Rúa do Comercio en Noia
Rúa do Comercio en Noia | Fonte: Luis Miguel Bugallo Sánchez

Segundo as cifras de poboación e migracións a 1 de xullo de 2016 difundidas este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), ao peche do primeiro semestre contaban en Galicia 2.714.084, fronte a 2.720.544 ao inicio deste ano.

O saldo migratorio co estranxeiro de Galicia é positivo, en 1.456 persoas, e a sétima mellor cifra por comunidades, tras Canarias, Andalucía, Baleares, Comunidade Valenciana, Cataluña e País Vasco.

Non obstante, o saldo migratorio entre comunidades autónomas é negativo, cunha diminución en 921 persoas, o quinto peor número, solo por diante de Andalucía, Castilla e León, Castilla-La Mancha e Extremadura.

POBOACIÓN POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS

En canto á situación por comunidades autónomas, a poboación creceu en nove das 17 e en Ceuta. Os maiores incrementos relativos déronse en Baleares (0,77%), Canarias (0,42%) e Madrid (0,27%) mentres os maiores descensos se rexistraron en Castilla e León (-0,37%), Melilla (-0,34%) e Asturias (-0,33%).

Canarias (cun saldo de 8.600 persoas), Andalucía (7.832) e Baleares (4.292) foron as comunidades que presentaron un maior saldo migratorio positivo co exterior na primeira metade de 2016. Pola contra, os únicos dous casos con saldo negativo déronse en Estremadura (-453) e Melilla (-274).

Respecto ás migracións interiores, Madrid (8.882), Baleares (3.542) e País Vasco (1.135) presentaron os saldos migratorios entre comunidades autónomas máis elevados no primeiro semestre de 2016. Pola contra, Andalucía (-4.452), Castela e León (-3.618) e Castela-A Mancha (-3.294) rexistraron os saldos máis negativos.

SEGUE A EMIGRACIÓN DE ESPAÑOIS

O saldo migratorio dos españois co exterior se reduciu un 20,7% respecto ao semestre anterior: marcharon 47.784 españois fronte aos 27.781 que chegaron, polo que en xullo se contaban 20.002 nacionais menos, dos que 17.926 naceran en España.

Nese período, chegaron a vivir ao país 27.781 españois, dos que algo máis da metade (15.417) nacera no estranxeiro, un 51,9% eran homes e os grupos máis amplos procedían de Venezuela, Ecuador e Reino Unido.

Mentres, marcharon 47.784 españois dos que 63,4%, 30.290 cidadáns, naceran en España e os seus principais destinos foron Reino Unido, Francia, Alemaña e Estados Unidos. Constan a continuación Ecuador e Colombia aínda que polo perfil dos emigrantes, o INE asume que se trata de estranxeiros retornados con fillos menores de idade nacidos en España.

Na primeira metade de 2016 o fluxo de emigración da poboación de nacionalidade española aumentou un 3,2% respecto ao semestre anterior. O 63,4% dos españois que emigraron eran nacidos en España, aínda que esta proporción varía moito en función dos destinos.

SOBE A INMIGRACIÓN

Observando só o movemento de estranxeiros, o INE indica que o saldo entre saídas e entradas se mantén positivo dende o primeiro semestre de 2015: de xaneiro a xullo chegaron 50.506 persoas máis das que se foron. Destacan por número de inmigracións as de nacionalidade marroquí (con 14.391 chegadas), a romanesa (14.009) e a colombiana (10.134).

Mentres, as saídas de estranxeiros volvéronse reducir e producíronse en maior número entre as comunidades romanesa (25.330 emigracións) e a marroquí (11.095) que son, ademais, as maioritarias entre a poboación estranxeira residente. Os grupos máis amplos tiñan de 25 a 44 anos e eran varóns.

POBOACIÓN POR NACIONALIDADES

O INE explica que os datos definitivos de 2015 reflicten que a poboación residente en España decreceu en 3.737 persoas, sobre todo de nacionalidade estranxeira, pois os cidadáns de nacionalidade española se incrementaron en 32.459 persoas debido ao proceso de adquisición de nacionalidade.

Na primeira metade de 2016 a poboación de nacionalidade española acelerou o seu crecemento, aumentando en 43.561 persoas, máis que durante todo o ano 2015, mentres a poboación estranxeira se reducía en 21.287 persoas (un 0,5%), de novo, polas nacionalizacións, que afectaron 92.783 cidadáns entre xaneiro e xullo. Mentres, entre os españois nacidos en España non houbo tal crecemento: a poboación reduciuse en 28.703 persoas.

Por nacionalidades, cabe destacar o incremento en termos absolutos da poboación italiana (5.100 persoas máis), a chinesa (1.957 máis) e a poboación de Reino Unido e Ucraína (as dúas con 1.688). Os maiores descensos déronse na poboación marroquí (11.661 persoas menos), a boliviana (-8.977) e a ecuatoriana (-8.559). Non obstante, en termos relativos, os maiores incrementos foron para Italia (2,7%), Rusia (2,1%) e Ucraína (1,9%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta