Santiago de Compostela | 21/12/2016 | Actualizada ás 15:18 por EUROPA PRESS
A asociación de consumidores Acouga cifra en case 77.300 os afectados polas cláusulas solo de Abanca no conxunto do estado español, segundo informou a Europa Press o seu presidente, Manuel Pérez Arias.
Este dato extráeo o colectivo de consumidores da notificación que a entidade financeira fixo a clientes despois de presentar unha demanda colectiva relativa ás cláusulas solo comercializadas polas antigas caixas galegas e por Novagalicia antes de maio de 2013. Esta demanda foi admitida polo Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña o pasado febreiro.
Agora, tras a decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE), a asociación celebra a sentenza e avanza que presentará tamén demandas colectivas para reclamar as cláusulas chan a Banco Pastor -integrado no Popular- e a Caixa Rural Galega.
O pasado día 16, Acouga anunciou que reclamaría tamén a estas entidades financeiras con sede en Galicia os gastos e impostos de formalización das súas hipotecas. Este mércores, Pérez Arias destaca que os servizos xurídicos do colectivo terán que estudar se as demandas polas cláusulas chan terán que ir por separado.
Neste novo escenario que se abre, a asociación de consumidores recomenda adherirse ás súas demandas colectivas para conseguir recuperar o diñeiro correspondente a cada cliente, que varía en función da compra e do nivel no que se establecese a cláusula -os clientes poderán recuperar a diferenza en función de se o Euríbor se situou por debaixo dese umbral-.
A demanda colectiva formulada contra Abanca ten adheridos case un millar de clientes, pero o presidente de Acouga dá por feito un incremento nas próximas datas, tendo en conta que irán, ao seu xuízo, "co xuízo gañado".
SENTENZA NO PRIMEIRO SEMESTRE
A través dun comunicado, o secretario xeral da asociación, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, asegura que Abanca "será emprazada en breve prazo polo xulgado para contestar á demanda antes de finais de xaneiro, de forma que a audiencia previa podería celebrarse en abril ou maio e o xulgado, previsiblemente, ditaría sentenza antes do próximo 31 de xullo".
En opinión de Acouga, a sentenza do TUE é "xurídica e non política", descarta o argumento do Tribunal Supremo -que estableceu unha retroactividade limitada ata 2013, ano en que emitiu a súa sentenza contra as cláusulas solo- e "garante aos consumidores a devolución das cantidades que lles corresponden dende a data dos seus empréstitos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.