Festa Irmandinha malia a derrota

Preto de 4.500 espectadores na Lomba no regreso da Selección absoluta feminina oito anos despois. Galicia, minguada polas numerosas baixas, perdeu 0-5 cunha Catalunya moi superior, que xa gañaba 0-4 ao descanso. O vindeiro ano, a Irmandinha repetirá en terras catalás.

Por gcdeportes | Vilagarcía | 23/12/2016 | Actualizada ás 00:20

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Galicia 0: Ana González; Teresa Abelleira, Miriam Ríos, Nerea Carballo, Desi Gardón, Carolina González, Eva Luz Villar, Lara Martínez, Natalia de Francisco, Vero Boquete e Belén Fernández. Tamén xogaron Sheila Fernández (ps), Carla Otero, María Arufe, Laura Souto, Sandra González e Patricia Carballo.
Catalunya 5: Laura Ràfols; Elba Bergés, María Estella, Eva Llamas, Vicky Losada, Alèxia Putellas, Carol Férez, Leila Ouahabi, Débora García, Paola Soldevilla e Olga García. Tamén xogaron Esther Sullastres (ps), Núria Mendoza, Cristina Baudet, Aitana Bonmatí, Brenda Pérez, Alba Aznar e Laura Gutiérrez.
Goles: 0-1: Carol Férez (minuto 4). 0-2: Alèxia Putellas (9'). 0-3: Olga García (26'). 0-4: Olga García (38'). 0-5: Eva Llamas (68').
Árbitra: Elena Casal (Vigo), asistida por Tania Fente e Alicia Andrés. Sen tarxetas.
Incidencias: partido amigable entre as seleccións absolutas de Galicia e Catalunya no campo municipal da Lomba ante 4.500 espectadores.

A Irmandinha sufriu co vendaval catalán nos primeiros minutos.
A Irmandinha sufriu co vendaval catalán nos primeiros minutos. | Fonte: @FCF

Minguada polas numerosas baixas (ata doce, entre elas a pichichi arousá do Valencia Mari Paz Vilas), a Irmandinha sufriu ante a calidade do rival. O resultado era o de menos, pero Catalunya impúxose a Galicia cun contundente 0-5. Malia o resultado, o campo da Lomba, en Vilagarcía de Arousa, gozou co regreso da Irmandinha oito anos despois e coa festa do fútbol galego feminino.

"Graciñas infinitas a todos!! Por vir, por apoiarnos e por tanto cariño. Xogar en Galicia sempre é especial, orgullosa desta terra", foi a mensaxe de agradecemento de Vero Boquete, a xogadora do PSG e líder da Irmandinha, que non parou de firmar autógrafos e de facerse fotos tras ser substituída.

A selección galega comezou moi nerviosa e as catalás marcaron dous goles (Carol Férez e Alexia Putellas) nos primeiros dez minutos. As galegas que dirixe Quin Valbuena melloraron co paso dos minutos, pero Olga García sentenciou o choque con dous goles (minutos 26 e 38) antes do tempo de lecer. Trala reanudación, choque máis igualado, e os trocos que fixeron baixar o ritmo do encontro. Vero Boquete foi despedida como a estrela que é cando foi substituída no minuto 61  por Sandra González. Eva Llamas puxo o 0-5 definitivo no minuto 68, e as irmandinhas buscaron ata o último minuto marcar o gol da honra, que non chegou.

Tralo regreso da Irmandinha oito anos despois e o éxito de público na Lomba, a continuidade da Selección está garantida. A Federación Galega e a Catalana xa pecharon o acordo para repetir este mesmo partido o vindeiro ano en terras catalás.

Foto de familia das dúas seleccións ao rematar o encontro na Lomba.
Foto de familia das dúas seleccións ao rematar o encontro na Lomba. | Fonte: @FCF

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta