Educación aposta pola lusofonía renovando a colaboración con dúas universidades brasileiras

Educación destaca que en Galicia xa se está a impulsar o ensino do portugués nos centros educativos ao abeiro da ‘Lei Paz Andrade’.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/12/2016 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu este xoves luz verde á sinatura de novos acordos de colaboración coas universidades de São Paulo e do Estado do Río de Janeiro, a través dos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorece a proxección exterior da lingua, literatura e cultura galegas. Deste xeito, e segundo apunta este departamento faise unha aposta “unha vez máis por aproveitar as sinerxías que ofrecen os vínculos da lusofonía para continuar difundindo a lingua e cultura de noso”.

Iniciativa posta en marcha no mundial de Brasil para impulsar o galego-portugués
Iniciativa posta en marcha no mundial de Brasil para impulsar o galego-portugués | Fonte: omundialfalagalego.com

Ao abeiro destes acordos, que supoñen un investimento total de 24.000 euros, as universidades comprométense a organizar actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas, tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia, mantendo, ademais, estas ensinanzas nos seus plans de estudos. A achega do convenio ha cubrir tamén a contratación dun profesor ou profesora lector para desenvolver as actividades e conseguir os obxectivos formulados, así como a adquisición do material bibliográfico, fonográfico, videográfico, informático e infraestrutural necesario.

Fomento das relacións con mundo lusófono

“As universidades de São Paulo e do Estado do Río de Janeiro constitúen importantes focos de promoción do galego pola súa entidade nun país estratéxico, para o fomento dos vínculos coa lusofonía”, suliña a Xunta. Así, lembra que Brasil enmárcase dentro dos Estados de fala portuguesa con moita relación cultural con Galicia e que, ademais, é unha das economías emerxentes do mundo enteiro, cunha gran proxección internacional.

Neste sentido, a Consellería de Cultura e Educación insiste en que está a fomentar as relacións entre os países lusófonos a través da oportunidade que supón falar linguas irmáns. De feito, lembra que, tamén en Galicia, se está a impulsar o ensino do portugués nos centros educativos, unha das liñas de actuación que se están a desenvolver ao abeiro da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía, coñecida como ‘Lei Paz Andrade’. Entre outras iniciativas, tamén se acaba de poñer á disposición da cidadanía unha versión do Diario Oficial de Galicia traducida ao portugués.

“O labor realizado neste eido vén, non en balde, de ser recoñecido coa incorporación de Galicia á Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), órgano de máximo nivel no ámbito lusófono, por medio do Consello da Cultura Galega”, indica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 todovaibem

sobre em quantos centros de primaria e secundaria do total o portugues eh ofertado como lingua "estrangeira", como andamos?