Vitoria con Aspas

O Celta volve gañar na Liga, 3-1 ante o Málaga, nun partido traballado no que Iago Aspas foi protagonista: marcou o primeiro e propiciou os outros dous. O Celta, noveno con 24 puntos. O xoves, volta da Copa co Valencia en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 08/01/2017 | Actualizada ás 22:36

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 3:
Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Jonny; Chelo Díaz, Radoja (Sergi Gómez, 84’), Daniel Wass; Theo Bongonda (Pione Sisto, 69’), Iago Aspas e Guidetti (Pape Cheikh, 62’).
Málaga 1: Kameni; Rosales, Miguel Torres (Diego Llorente, 11’), Mikel Villanueva, Juankar; Recio, Camacho; Santos, Pablo Fornals (Juanpi, 55’), Chory Castro (Jony, 78’) e Sandro.
Goles: 1-0: Iago Aspas (minuto 7). 2-0: Daniel Wass (59’). 3-0: Fontás (73’). 3-1: Wass, en propia meta (85’).
Árbitro: González Gonzalez (castelán). Amarelas a Sergi Gómez (85') no Celta e a Pablo Fornals (29'), Recio (49'), Camacho (77') e Juankar (90') no Málaga.
Incidencias: partido da 17ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 17.890 espectadores.

Iago Aspas marca o 1-0 coa dereita tras canear a Kameni.
Iago Aspas marca o 1-0 coa dereita tras canear a Kameni. | Fonte: lfp.es

Despois das tres últimas xornadas do ano sen gañar na Liga, o Celta reencontrouse coa vitoria ao gañar 3-1 ao Málaga co moañés Iago Aspas de novo como protagonista: marcou o 1-0, roubou a pelota no segundo de Daniel Wass e centrou no terceiro para o remate de Fontás. Malia o resultado final, o Celta tivo que aplicarse en defensa co 1-0, non respirou aliviado ata o segundo e Rubén Blanco evitou o 2-1 nun man a man con Juanpi. Tres puntos importantes para mirar cara a arriba na táboa. Os do Toto Berizzo son novenos con 24 puntos.

Foi o Málaga o primeiro que creou perigo, con dous disparos do Chory Castro que detivo atento Rubén Blanco, pero foi o Celta quen marcou grazas a calidade de Iago Aspas: Jonny asistiu dende campo propio para a carreira do de Moaña, quen marcou con destreza coa dereita tras sentar a Kameni. 1-0 xa no minuto 7. O árbitro non sinalou penalti nunha man de Diego Llorente, quen substituira a un mancado Miguel Torres, infracción que evitou o segundo celeste nun remate de Guidetti. O Celta tiña máis a pelota pero non creaba perigo, e o Málaga levaba perigo nas contras grazas aos erros en defensa dos galegos: Sandro tivo dúas ocasións, pero foiselle o primeiro disparo e na segunda, Cabral, tralo seu erro, recuperou a tempo para despexar. Ademáis, Rubén Blanco desviou a córner un remate coa testa de Mikel Villanueva.

Tralo paso por vestiarios, o Málaga deu un paso adiante e quitoulle o balón ao Celta, que tiña que empregarse en defensa. Camacho tivo o empate, pero de novo a efectividade foi dos vigueses. Cando peor estaban os de Berizzo, o 2-0 da tranquilidade, tras roubar Aspas un balón ao bordo da área rival, ceder a Bongonda para que o centro do belga foise aproveitado por Daniel Wass. Puido meterse de novo no encontro o Málaga, pero Rubén Blanco evitouno cunha gran intervención no man a man con Juanpi, e Fontás sentenciou o partido co 3-0 tras unha falta ensaiada executada por Aspas dende a dereita e tralo erro de Cabral no primeiro remate. Wass, coa testa en propia meta, concedeu o gol da honra ao Málaga, no que debutaba o Gato Romero no banco. O Celta non sufriu polos tres puntos, e suma 24. O xoves, volta da Copa co Valencia en Balaídos, que debería ser un trámite tralo 1-4 do partido de ida.

Iago Aspas celebra o seu gol con Guidetti.
Iago Aspas celebra o seu gol con Guidetti. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 OArquiveiro

Bo partido do Celta, mágoa os xogadores que quedaron tocados físicamente.