“A convivencia dos lobos cos humanos aquí é antiga e intensa”

Un estudo científico sobre a dieta dos lobos e a súa conservación aplicado na provincia de Pontevedra conclúe que estes carnívoros dependen da existencia de fortes poboacións de garranos salvaxes e advirte de que, "de non respectarse isto, pode traer nefastas e imprevisibles consecuencias" nos nosos ecosistemas. O autor, o biólogo Santiago Bas López, lembra o deber da Xunta de cumprir o Plan de Xestión do Lobo en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

É o lobo un problema en Galicia? A polémica xurdida pola publicación en La Voz de Galicia dunha información falsa sobre presuntos ataques de lobos a cabalos en Galicia fixo rexurdir as voces que denuncian o "sensacionalismo" e "animadversión" cos que algúns medios de comunicación tratan a presenza do lobo no noso país, que respondería, segundo algúns biólogos, a unha estratexia mediática para acadar máis seguidores no rural galego. Porén, a ciencia vén demostrando dende hai tempo que a presenza do lobo nos nosos montes non é perniciosa como a queren pintar algúns. Diversos autores, xa desde a década de 1970, puxeron de manifesto a importancia dos grandes depredadores, coma o lobo (Canis lupus), nos ecosistemas do noroeste ibérico. Ademais, tense demostrado que "a convivencia dos lobos cos humanos aquí é antiga e intensa". Así o reafirma o biólogo Santiago Bas López, un dos maiores especialistas en lobos do noso país, nun estudo recente sobre a dieta destes animais feito na provincia de Pontevedra, no que se afonda na necesidade da súa conservación, que pasa por manter fortes poboacións de garranos salvaxes nos nosos montes. 

Unha femia de lobo cos seus cachorros.
Unha femia de lobo cos seus cachorros.

Bas López recupera parte da literatura científica máis salientable para lembrarnos "a importancia que teñen para a dieta dos lobos en Galicia os garranos, os cabalos salvaxes (Equus ferus atlanticus)". De feito, subliña que a convivencia de lobos, garranos salvaxes e seres humanos remóntase alomenos ó Paleolítico, con mostras, por exemplo, en moitos petróglifos do período do Bronce en Galicia.

No seu estudo científico sobre a dieta do lobo na vertente atlántica, publicado en Braña, Boletín Científico da Sociedade Galega de Historia Natura, o investigador pregúntase: "De que viven os lobos desta rexión, onde a caza maior é escasa e os seus inimigos humanos son moitos?".

"Resulta evidente que a conservación dos lobos en boa parte de Galicia pasa pola conservación de fortes poboacións de garranos salvaxes. Non respectar isto pode traer nefastas e imprevisibles consecuencias", alerta o investigador, quen sinala como principais factores no rápido exterminio dos garranos a "falta de rendibilidade económica" destes équidos unida á "inaxeitada lexislación actual en Galicia". Segundo Bas López, coa diminución desta especie "periga a supervivencia dos lobos e dunha boa parte da biodiversidade das serras de Galicia occidental e norte". De feito, "por desgracia isto xa sucedeu no Monte Faro de Vimianzo, Monte Castelo (Cotobade), O Campelo, Cabo Touriñán, e pouco falta para que se extingan os garranos salvaxes de Monte Castrove e Monte Xiabre", láiase o biólogo. 

O certo é que o progreso humano e o desenvolvemento económico levou tanto aos lobos como aos garranos salvaxes a unha situación de emerxencia: "Actualmente, a poboación humana de Galicia na beira do mar aumentou moito, especialmente nos derradeiros corenta anos. As vías de comunicación nas Rías Baixas multiplicáronse, as armas de caza son máis eficaces e todo isto complica a vida a lobos e garranos salvaxes", advirte Bas López, quen lembra que "en dito período se exterminaron, ou case, algunhas poboacións de lobos en dita rexión", á vez que "os garranos salvaxes están sufrindo un duro revés a raíz da aplicación dun recente decreto da Xunta de Galicia" do ano 2012, polo cal "moitos propietarios teñen serias dificultades para asumir os gastos aos que se lles pretende obrigar" e polo que "non lles queda máis remedio que vender os seus garranos salvaxes aos matadoiros". Así, Bas López recorda que nos catro últimos anos se extinguiron as poboacións de garranos salvaxes de Touriñán, Monte Faro de Vimianzo, O Campelo, Monte Castelo de Cotobade, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, e pouco lles falta aos de Monte Xiabre e O Castrove.

Cachorros de lobo
Cachorros de lobo | Fonte: Miguel Mosquera

Para estudar a realidade do lobo, Bas López estudou tres grupos estables en Serra do Acibal e Monte Cregos, na Serra do Seixo, e O Coirego-A Arcela-Monte Castelo. Tamén constatou a presenza dun pequeno grupo “pantasma” de lobos, que deixaban algúns rastros intermitentemente nos moi humanizados montes de O Galleiro, Amoedo e A Fracha. Para o estudo, realizouse un control sobre animais que aparecían no monte matados ou mordidos polos lobos. Tamén se analizaron 817 excrementos destes carnívoros.

GARRANOS, A PRESA PREFERIDA

Bás López comprobou que nas serras do Acibal, O Seixo e O Coirego os lobos están "moi especializados" na depredación de garranos salvaxes.

Na investigación atopáronse 27 poldros de ata 8 meses matados polos lobos, con preferencia polos de menos de 4 meses. Observáronse ademais 26 poldros de menos de 5 meses mordidos polos lobos. Case sempre, os animais mortos apareceron mordidos nas patas traseiras, ás veces nas paletiñas, zona inguinal, ou pescozo. Os lobos tamén morderan unha egua de oito anos na mesma noite que lle mataran o poldro. Entre os garranos salvaxes carroñeados polos lobos eran máis frecuentes os non poldros: adultos, vellos, poldros grandes e quincenos (de 12 a 20 meses).

Das análises realizadas, tamén se constatou que co nacemento dos primeiros poldros (finais de febreiro – marzo) empeza a acción depredadora sobre eles, acadando o máximo no verán, por xuño–xullo. Ademais, comprobouse que parece haber un repunte da depredación no outono (novembro) cando os lobetos xa teñen 6-7 meses, cando necesitan moita comida e ademais poden participar activamente na caza de poldros.

O rexistro de vacún en extensivo matado e carroñeado polos lobos resultou ser moi inferior ó dos garranos salvaxes: 14 animais fronte a 108. Así, verificouse que os lobos depredaban proporcionalmente máis poldros que becerros, "aos que evitan moito", segundo as análises realizadas. Isto pode deberse, segundo o autor do esudo, "ao férreo sistema defensivo cooperativo, que amosan as vacas e que puidemos observar nunha ocasión fronte aos lobos e moitas fronte aos cans".

Polo tanto, "os garranos salvaxes constitúen a base da dieta dos lobos desta comarca, complementada con vacún en extensivo", conclúe Bas López, para quen "resulta "evidente que realizan selección trófica netamente negativa sobre o vacún e lixeiramente positiva sobre garranos salvaxes".

OUTRAS ESPECIES

Os resultados da investigación tamén constatan un fenómeno "raro": os corzos, malia que apenas aparecían no 15% dos puntos de mostreo dos censos I.K.A. (Índice quilométrico de abundancia) feitos nestas serras, aparecen máis frecuentemente na dieta dos lobos que os xabarís, que aparecían nun 60%–85% deles. "Talvez estes lobos están empezando aprender a cazar corzos e evitan, en cambio, aos agresivos xabarís", deduce Bas López.

Tamen se detectou que os coenllos, alí onde abundan, constitúen unha pequena parte da dieta dos lobos.

Por outro lado, entre os animais domésticos, observouse que unicamente cabras, ovellas e cans son importantes na dieta dos lobos da zona do Galleiro, onde a densidade de poboación humana é moi alta (261 Hab./km.2). "A escaseza de presas salvaxes e vacas en extensivo forza a estes lobos a correr riscos preto das aldeas, para cazar ovellas, cabras e cans, cada vez que campean polos montes do Galleiro, Amoedo e A Fracha", explica Bas López. Porén, "os escasos burros (Equus africanus asinus) que hai nesta comarca, sempre nas aldeas, teñen unha representación meramente testemuñal na dieta destes lobos", engade o investigador.

O LOBO COMO SUPERDEPREDADOR

A investigación tamén deu como resultado que os lobos actúan ocasionalmente como superdepredadores, atacando cans e teixugos (Meles meles), que apareceron con certa frecuencia como presas. No caso dos cans, son máis frecuentes na dieta dos lobos das serras máis humanizadas como O Acibal; pero sobre todo no Galleiro, onde a frecuencia de aparición era significativamente alta (11,53%), pois alí é frecuente atopar cans campeando libremente polo monte.

Un dos aspectos máis sorprendentes foi non atopar restos de raposos (Vulpes vulpes) en ningún excremento de lobo, malia seren máis abundantes nos censos I.K.A. cós teixugos, con valores de I.K.A. de 1,8 a 7,5, fronte a valores sempre inferiores a 0,5 dos teixugos. "Talvez os raposos sexan demasiado rápidos e listos como para que os lobos lles dediquen algún esforzo, e así conviven sen aparentes problemas", especula Bas López.

Por outro lado, o investigador tamén salienta que "un excremento de lobo adulto, cheo de pelo de tourón (Mustela putorius) atopado no Coirego, xunto a unha charca grande onde nacen tres regatos, evidencia de novo o carácter superdepredador destes lobos".

CONSERVACIÓN DO LOBO

Son diversos os estudos que puxeron de manifesto que a supervivencia dos lobos en boa parte de Galicia está "moi ligada" aos garranos salvaxes. Así, Bas López lembra que todos os estudos ao respecto coinciden en sinalar a "alta proporción en que os lobos consumen e depredan sobre garranos salvaxes, sempre máis dun 53% da súa dieta, e acadando nalgúns casos o 94%".

En concreto, onde hai grupos de lobos estables, calcúlase que sobrevive a eles entre un 40% e un 53% dos poldros de tempada, isto é, "os lobos son importantes reguladores das súas poboacións", salienta Bas López.

"Mesmo nas comarcas onde os garranos salvaxes son escasos en comparación cas vacas, os lobos manteñen ditas preferencias sobre os poldros fronte ós becerros", detalla Bas López, quen salienta a existencia de estudos que conducen a afirmar que "o tamaño relativamente grande dos lobos do norte ibérico é unha antiga adaptación ao tamaño grande das súas presas preferidas, os poldros garranos salvaxes".

Porén, "onde non hai garranos salvaxes os lobos viven alimentándose doutras presas silvestres, coma os corzos, xabarís ou cervatos. Así sucede en boa parte de Lugo e de Ourense", apunta o investigador en base a outros estudos. 

Con todo isto, Bas López fai un chamamento á conservación de garranos e lobos e recorda que "a administración pública ten o deber, a obriga legal, da conservación da fauna salvaxe. E tamén o deber do cumprimento do seu Plan de Xestión do Lobo en Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta