Obra, cruel desenlace

O equipo compostelán erra os tres últimos ataques e Tenerife gaña 81-82 cunha tripla de Rodrigo San Miguel a 40 segundos do final. Sexta derrota consecutiva dos de Moncho Fernández, que afrontan dúas citas decisivas nas dúas vindeiras semanas: Estudiantes e Manresa.

Por gcdeportes | Compostela | 22/01/2017 | Actualizada ás 01:06

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Obradoiro 81:
Mickey McConnell (6), Dulkys (13), Bendzius (17), Shane Whittington (4) e Artem Pustovyi (12) –cinco inicial- Nacho Llovet (2), Rosco Allen (20), Santi Yusta (0), Txemi Urstasun (0) e Pepe Pozas (7).
Iberostar Tenerife 82: Rodrigo San Miguel (18), Grigonis (11), Will Hanley (10), Doornekamp (12), Bogris (8) –cinco inicial- Mamadou Niang (0), Fran Vázquez (2), Abromaitis (7), Davin White (14) e Ferran Bassas (0).
Parciais: 22-17, 19-25 (41-42), 21-20, 19-20 (81-82).
Árbitros: Pérez Pizarro, Sánchez Monserrat e Jordi Aliaga.
Incidencias: partido da 18ª xornada da Liga ACB disputado no Fontes do Sar ante 4.494 espectadores.

Rodrigo San Miguel deu a vitoria a Tenerife cunha tripla a 40 segundos.
Rodrigo San Miguel deu a vitoria a Tenerife cunha tripla a 40 segundos. | Fonte: ACBPhoto

Foi outro Obra, unha versión moi mellorada, nada que ver co de hai unha semana contra Fuenlabrada. Pero tres últimos ataques desastrosos, fixeron ao equipo compostelán encaixar unha nova e dolorosa derrota. Uns pasos de Pustovyi, unha tripla de Dulkys, unha perda de balón de Mickey McConnell e un último ataque con sete segundos que non atinou Rosco Allen. Nada, e Tenerife gañou 81-82 cuhna tripla de Rodrigo San Miguel a 40 segundos do final. Sexta derrota consecutiva, e dúas finais nas dúas vindeiras semanas: visita a Estudiante e Manresa en Sar.

Foron igualados os primeiros minutos, cos puntos de Dulkys e Pustovyi e dúas triplas de Bendzius para os composteláns (16-13). Will Hanley e Rodrigo San Miguel evitaban a vantaxe local, pero catro puntos de Rosco Allen permitiron ao Obra acabar por diante o primeiro cuarto: 22-17.

Unha tripla de Pepe Pozas deu a máxima vantaxe aos composteláns (27-17), pero Tenerife reaccionou cun parcial de 0-7 malia a intensidade defensiva galega (27-24). Os de Moncho Fernández estaban mellor que o rival e mantiñan unha pequena renda (34-26, 39-32), ata que as triplas visitantes (Grigonis, Davin White, San Miguel e Doornekamp) igualaron o encontro. Tenerife foise a vestiarios tras un novo parcial de 0-7, e púxose á fin por diante: 41-42.

Trala reanudación, os canarios chegaron a ter oito puntos de vantaxe (50-58) tras un parcial de 0-8, pero Obradoiro colleu vida con tres triplas de Dulkys, case desaparecido ata o descanso. Unha canastra de Pustovyi devolveu a igualdade ao marcador con dez minutois por diante: 62-62.

Obradoiro abreu unha pequena fenda tras dúas triplas de Rosco Allen e Eimantas Bendzius (72-67), pero Tenerife respostou con outras dúas de Grigonis e Hanley (74-73). Igualdade máxima. Dous tiros libres de McConnell e os canarios que pasan máis de dous minutos sen anotar. Un 2+1 de Rosco Allen colocou o Obra catro arriba (81-77); unha canastra rápida de Bogris e os pasos de Pustovyi deron vida o Tenerife. Con 81-79, a falla de 40 segundos, San Miguel puxo por diante aos seus dende a tripla (81-82). Obradoiro tivo dous ataques para gañar, pero erraron Dulkys, McConnell e Rosco Allen. Malia a derrota, desta volta si, Sar despediu os seus cunha ovación e ao berro de “Obra, Obra”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta