Denuncian que máis da metade do persoal contra incendios está sen contrato

A Consellaría que dirixe Ánxeles Vázquez acaba de licitar un servizo de helicópteros e brigadas por máis de 3,8 millóns de euros. Ademais, critican que se está vulnerando o dereito a folga dos bombeiros.

Por Galicia Confidencial | Verín | 25/01/2017 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

A Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras de Galicia (FSC-CCOO) denuncia o "dispendio" da Consellaría do Medio Rural en medios privados. Nun comunicado, o sindicato non entende que se fagan “adxudicacións millonarias” con destino ao sector privado mentres máis da metade do persoal que conforma o Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) "permanece na casa por estaren os contratos suspendidos".

Manifestación dos bombeiros contra a privatización
Manifestación dos bombeiros contra a privatización | Fonte: CIG

Segundo CCOO, o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez acaba de licitar por máis de 3,8 millóns de euros un servizo de helicópteros e brigadas para a vixilancia e coordinación de medios aéreos e a prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2017 e 2018.

“Isto é un dispendio porque a prevención dos incendios é un cometido do persoal de terra, non dos medios aéreos”, indica. Ademais, o valor deste millonario contrato permitiría que o SPDCIF funcionase "a pleno rendemento" todo o ano.

O 55% do persoal, na casa

Agora mesmo, o operativo público, o SPDCIF, conta con menos da metade dos seus efectivos, xa que o 55 % do persoal ten o contrato suspendido nesta época. Desde CCOO defenden que a situación actual obrigaría ao seu reforzamento xa que nos últimos días se están a producir multitude de incendios en toda Galicia —Laza, A Gudiña, Monterrei, Cartelle, Ames e Toques, entre outras localidades—. A situación é "especialmente preocupante" na provincia de Ourense, onde se están rexistrando catro lumes diarios no que vai de mes.

Brigadistas de ATBRIF
Brigadistas de ATBRIF

Para CCOO, é "imposible" atender esta cantidade de incidencias con só o 45 % dos efectivos, máis aínda cando boa parte das brigadas unicamente están compostas por un ou dous bombeiros forestais. O sindicato critica que, malia non ser unha situación nova, Medio Rural persista en manter na casa todo o persoal fixo-descontinuo —626 que traballan nove meses e 436 que son contratados por tres meses. 

Por iso, pídelle á Consellaría adiantar a incorporación do persoal fixo-descontinuo para atender a actual vaga de lumes; incrementar o tempo de traballo destes efectivos, para que poidan realizar as tarefas de prevención; convocar na próxima oferta pública de emprego (OPE) todas as prazas vacantes e solucionar tamén a «altísima» temporalidade.

Vulneración do dereito á folga

Por outra banda, desde o Comité de Folga dos Bombeiros de Xestión Indirecta de Galicia denuncian que se está vulnerando o dereito de folga dos bombeiros por parte de algúns mandos ou empresas, “forzando ou presionando a compañeiros para que acudan a intervencións que non caen dentro dos termos estipulados nos correspondentes decretos”.  O último caso tivo lugar na empresa EIMFOR, concesionaria do Parque de Verín.

Este colectivo de bombeiros denuncia a existencia de intervencións dos bombeiros para labores de desarborado, solicitadas maioritariamente por persoal do concello de Verín, e que non parecen baixo ningún concepto recollerse dentro da garantía da "actividade contra incendios e salvamento" recollida na resolución de servizos mínimos. 

Por iso, defende o dereito á folga dos traballadores porque se podería ter incurrido mesmo nun delito ao poñer medios públicos ao servizo de intereses privados, realizando labores que deberían terse levado a cabo ben polo persoal correspondente do citado concello, ben contratando o servizo a unha empresa especializada en labores de selvicultura ou xardinería. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta