A Coruña, preto da moción de confianza

A Marea Atlántica podería forzar esta vía para aprobar os orzamentos do ano pasado, consciente de que a división no PSOE coruñés fai moi difícil unha gran coalición dos socialistas máis o PP.

Por E.P. | A CORUÑA | 24/01/2017 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou que se este mércores non existe "un principio de acordo" entre a Marea Atlántica e o PSOE sobre o presuposto para este ano se abrirá o "camiño" cara á presentación dunha cuestión de confianza.

José Manuel Dapena, concelleiro ex-voceiro do PSdeG na Coruña, e Mar Barcón, a súa predecesora no cargo e ex-líder da agrupación local
José Manuel Dapena, concelleiro ex-voceiro do PSdeG na Coruña, e Mar Barcón, a súa predecesora no cargo e ex-líder da agrupación local

FERREIRO APUNTA Á DIVISIÓN INTERNA NO PSOE

A preguntas dos xornalistas, tras asistir á presentación no reitorado coruñés dun novo proxecto de investigación, Ferreiro admitiu estar "un pouco decepcionado" polo posicionamento do PSOE nestas negociacións.

"Quedamos en que nos darían propostas concretas e preséntannos o seu programa electoral", expuxo o alcalde sobre o contido das reunións mantidas nos últimos días.

"A cidade segue esperando pola crise interna do PSOE", engadiu tamén ao atribuír parte do problema á situación xerada no grupo municipal socialista pola renuncia do seu voceiro, o concelleiro José Manuel Dapena, ao cargo, e que non se nomeara un substituto.

Xulio Ferreiro, da Marea Atlántica, alcalde da Coruña
Xulio Ferreiro, da Marea Atlántica, alcalde da Coruña

DESBLOQUEAR A NEGOCIACIÓN

De cara á reunión deste mércores, trasladou a súa confianza en que se desbloquee a situación. Non obstante, dixo que "se non hai principio de acordo, teremos que seguir outro camiño", apuntando á presentación dunha cuestión de confianza.

Ao respecto, sinalou que a postura de Marea Atlántica pasa por "non cometer o erro do ano pasado". "Esperar por unha negociación que ao final nunca se pechou", recalcou.

Sobre a cuestión de confianza, apuntou que "podería estar no pleno da semana que vén", aínda que condicionou a súa presentación ás negociacións destes días cos socialistas.

PROCEDEMENTO DA CUESTIÓN DE CONFIANZA

A cuestión de confianza é un dos procedementos legais para aprobaren os orzamentos que propón o grupo de Goberno, neste caso o da Marea Atlántica. Agora ben, Xulio Ferreiro tamén se xoga o posto.

Se, presentada a cuesitón, PP e PSOE logran  no prazo dun mes consensuar un candidato alternativo para presentar unha moción de censura e este candidato gaña por maioría absoluta unha votación no pleno, habería cambio de goberno na Coruña. 

O PSOE NON TERÁ NOVO LÍDER LOCAL ATÉ DESPOIS DO VERÁN

Con todo, esta hipótese parece difícil, vista a crise interna no PSOE coruñés. Cómpre lembrar que hai nada dimitiu o voceiro local e tamén a súa antecesora e líder local, Mar Barcón. De fondo, a división no PSOE sobre se apoiar as mareas ou achegarse, como sucedeu no Estado, ao PP.

Co PSOE herculino descabezado e sen congreso local até despois do verán, parece moi complicado que os concelleiros tomen por si mesmos a decisión de botar á marea do Executivo e encubrar ao PP ao goberno local, o que iría en contradición co prometido en campaña. Ademais, o PSOE da Coruña correría o risco que unha gran parte do seu electorado marchase ás mareas, molesto polo seu apoio aos conservadores no Congreso e no Concello.

A Marea Atlántica conta coa debilidade socialista para forzar a cuestión de confianza. Ademais, busca evitar o sucedido o ano pasado, cando PP e PSOE se aliaron durante o debate dos orzamentos para sacar adiante gran parte das súas enmendas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nefelibata

Non teño ningunha dúbida de que os votantes de esquerdas do PSOE, aqueles que aínda cren nos vellos ideais socialdemócratas tomarán nota. Coma xa dixen en Pontevedra: non ás pinzas entre partidos de esquerda (inclúo aos que din ser de esquerdas sen demostralo... a miña candidez non ten límite). Non podedes facerlles isto aos cidadáns. Pero que fixemos para merecervos? Por favor, todos e todas os cidadáns de esquerdas que aínda sabedes o que significa selo espallade aos catro ventos: non ás pinzas nin na Coruña agora nin en Pontevedra antes. E tomade nota, na Coruña e en Pontevedra, dos culpables desta situación para lembralo ben á hora de votar.