Expertos propoñen un parque eólico mariño en fronte de Ferrol

Membros do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica de Lisboa fan un estudo sobre a localización óptima para unha eólica offshore en Galicia, aínda que asumen que sería un “investimento de alto risco”.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 03/02/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Unha recente sentenza do Tribunal Supremo eliminou calquera restrición ao impulso de parques eólicos mariños en augas galegas, contra o criterio da Xunta e do Parlamento galego en pleno, que en 2009 rexeitaron un estudo estratéxido ambiental do Ministerio de Industria para a implantación de grandes aeroxeneradores en alta mar. A Administración galega presentou daquela, co apoio de PP, PSOE e BNG, un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra este informe, amparándose na protección da actividade pesqueira, medioambiental e paisaxística. A Audiencia Nacional admitiu parcialmente o devandito recurso en 2014, prohibindo a instalación de parques eólicos offshore nas áreas máis próximas á costa galega. Porén, o Supremo aceptou o verán pasado outro recurso de casación presentado pola Administración Xeral do Estado, habilitando de novo o proxecto ministerial. Dende entón, a pantasma dun mar de muíños mantense latente. Recentemente, un equipo do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica (CENTEC) do Instituto Superior Técnico de Lisboa, publicou un estudo sobre a viabilidade dun parque eólico mariño en Galicia. As súas conclusións son claras: "Investir nun parque eólico offshore segue sendo un investimento de alto risco en comparación cos asentados parques onshore".

Parque eólico marino
Parque eólico marino | Fonte: Jumanji Solar.

Os expertos do CENTEC fixeron un estudo preliminar da localización óptima e das características xerais que debería ter un parque eólico en alta mar na costa norte de Galicia. O lugar elixido: Ferrol. Para isto, ponderaron os requisitos ambientais e técnicos para elixir a mellor localización, determinaron as características técnicas do complexo eólico e calcularon os custos de desenvolvemento, construción e instalación.

LOCALIZACIÓN

Os autores parten da base de que "a batimetría do fondo mariño e os ventos predominantes constitúen características prometedoras para a explotación da enerxía eólica mariña" en Galicia. A partir de aquí, propoñen unha localización baseándose nunha serie de requisitos relativos á súa viabilidade: recursos eólicos dispoñibles; impacto ambiental; profundidade do océano; distancia á costa; dstancia á subestación; proximidade ao estaleiro e as instalacións de subministración; harmonización con outras actividades. Cos datos analizados, consideran que "un emprazamento que cumpre cos requisitos" esixidos atópase "na costa de Ferrol (43º50' N, -8º50' O)", detallan.

Os especialistas aportan distintas razóns para elixir esta localización. Por un lado, argúen que "a batimetría nas proximidades da localización proposta ten unha profundidade de mar de aproximadamente 150 metros". Por outro lado, salientan a existencia preto desta zona dunha boia oceanográfica de Puertos del Estado que proporcionaría "datos valiosos". Ademais, "altura media anual das ondas e a velocidade do vento son de 2,5 m e 9,5 m/s", subliñan os expertos, que tamén tiveron en conta que ao nordés do lugar escollido se atopa a área protexida de Ferrolterra-Valdoviño, que quedaría fóra do perímetro da infraestrutura total do parque eólico.

Zona onde expertos do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica de Lisboa propoñen a construción dun parque eólico mariño.
Zona onde expertos do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica de Lisboa propoñen a construción dun parque eólico mariño.

Tamén tiveron en conta que a localidade costeira máis próxima se atopa a uns 20 km, "coincidindo coa subestación do porto exterior de Ferrol, que podería utilizarse despois de aumentar a súa capacidade".

Os expertos do CENTEC valoraron tamén a "importante experiencia" que existe nesta área no sector eólico onshore, "con moitas empresas relevantes" dedicadas a esta industria, como Navantia, estaleiro que ten experiencia na construción de plataformas para aeroxeradores mariños. A isto, os autores do estudo engaden a existencia de "catro portos importantes nos arredores: os portos interiores e exteriores de Ferrol e A Coruña, que son atendidos por unha boa rede de interior".

"INVESTIMENTO DE ALTO RISCO"

Nas súas conclusións, inciden en que "a costa norte de Galicia ten unhas excelentes condicións de vento para a explotación da enerxía eólica mariña, a pesar de que moitas das áreas non se poden explotar debido a problemas que afectan a outras actividades: a pesca, o turismo e a vida silvestre".

En opinión dos tres especialistas que asinan o artigo, "o principal problema desta costa é a ausencia dunha gran plataforma continental, polo que non son posibles as típicas cimentacións mariñas monopilte" como as utilizadas no Mar do Norte. Polo tanto, serían necesarias plataformas "máis caras", avisan, aconsellando a instalación de plataformas semisomerxibles, que serían "a mellor solución", cun total de 14 unidades.

Con todo, os especialistas do CENTEC asumen que o custo deste parque eólico mariño sería moito maior que o que se deriva das instalacións en terra, polo que consideran que, cando menos de momento, sería un "investimento de alto risco".

"A necesidade dunha acción gobernamental, xa sexa mediante a lexislación apropiada ou por incentivos ao investimento, considérase crucial" tendo en conta "o estado actual desta tecnoloxía", conclúen os autores —Hugo Díaz, José Miguel Rorigues e Carlos Guedes— no seu estudo, publicado no libro Progress in Renewable Energies Offshore (CRC Press).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Galenerxia

A enerxía eólica é unha parte importante para desenvolvemento do futuro mais tambén debería estar presente a solar fotovoltaica. Empresas como https://www.sfe-solar.com/ ou EDF, que son emrpesas Galegas, son un bon exemplo de futuro e sostenibilidade Galega

3 Gilberto

Más energía eólica y menos "energía contaminante", ya es hora de cambiar este sistema de consumismo y destrucción. El otro día me llegó al wasap un vídeo sobre los efectos de consumir los recursos naturales que daba pena!! No aprendemos...

2 Pacorro

Aquí xa temos a Reganosa, Forestal del Atlántico e Endesa As Pontes, Asi que non precisamos de enerxías limpas

1 Gamela

todo sexa para maior gloria deste home... http://www.galiciaconfidencial.com/... xa é experto en atopar capitais e logo sair correndo (coa pasta) !