Un documental narra a expansión por China dunha técnica galega para operar cancro de pulmón

A Facultade de Medicina acolle a proxección de '7 days 7 cities', que narra o éxito no país chinés da técnica Uniportal VATS, desenvolvida polo cirurxián galego Diego González Rivas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/02/2017 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A Facultade de Medicina acolle este luns, 6 de febreiro, ás 20,00 horas a presentación do documental '7 days 7 cities', que narra a expansión por China dunha nova técnica para operar o cancro de pulmón, a Uniportal VATS, desenvolvida polo cirurxián galego Diego González Rivas.

O realizador Daniel López, co decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal
O realizador Daniel López, co decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal | Fonte: Europa Press.

A obra está producida por Mandeo Records e dirixida polo realizador Daniel López, quen explicou que '7 days 7 cities' é a segunda parte de 'This is life', unha película que conta a aparición desta técnica que permite extirpar tumores de pulmón a través dunha única incisión, minimizando a dor e o risco de complicacións no postoperatorio.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns en Santiago e na que participou o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, o director destacou que esta segunda parte céntrase en contar a expansión da Uniportal VATS por toda China, un dos países nos que o doutor Diego Rivas explica a súa técnica.

Así, '7 days 7 cities' acompaña durante unha semana a Diego Rivas nunha viaxe a China e ao Tíbet, onde o doutor explica en sete hospitais de distintas cidades a súa técnica para que poida ser incorporada no combate contra o cancro en China, o país con maior índice desta enfermidade.

ENSINAR A TÉCNICA AO MUNDO

Na súa intervención, o realizador tamén puxo en valor o traballo do doutor Rivas para percorrer o mundo e dar a coñecer a súa técnica que posibilita unha mellora dos pacientes no preoperatorio ao ser "moito menos invasiva" que as desenvolvidas ata 2012, ano no que se desenvolveu a Uniportal VATS.

Precisamente, segundo indicou, o éxito desta práctica cirúrxica motivou que o Xangai Pulmonary Hospital incorporase un programa de adestramento para que os cirurxiáns do país poidan aprender a desenvolver esta técnica e avanzar na loita contra unha das enfermidades que máis afecta á súa poboación debido, entre outras cuestións, á elevada polución.

Respecto diso, o decano da Facultade de Medicina puxo en valor de que sexa un cirurxián galego quen presenta por todo o mundo o que supuxo "un fito" no tratamento do cancro de pulmón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta