Temas: MULLER

Galicia enxalza as súas heroínas no Día da Muller e a Nena na Ciencia

Figuras senlleiras da ciencia galega son recordadas neste día, no que tamén se dá a coñecer o labor das investigadoras que están a desenvolver a súa actividade no noso país. As tres universidades, o MUNCYT e os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña súmanse aos actos reivindicativos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/02/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O 15 de decembro de 2015, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 11 de febreiro de cada ano como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co obxectivo de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, a igualdade de xénero e o empoderamento. Co gallo deste día, son varios os actos programados en Galicia para homenaxear as mulleres que coa súa actividade investigadora contribuíron e contribúen ao desenvolvemento científico do noso país, pero tamén ás nenas destinadas a ocupar no futuro un papel central na investigación científica. Neste sentido, a galega amósase como unha das sociedades europeas que máis respecta e valora o labor das mulleres científicas: Galicia supera a media estatal e europea na proporción de mulleres investigadoras, segundo o último informe “Científicas en Cifras 2015“, que vén de facer público o Ministerio de Economía, Industria y Competitividad. En concreto, as mulleres representan o 39% do total de investigadores no eido científico en España e o 33% en Europa. Porén, en Galicia son o 40%, isto é, un punto máis que a media estatal e sete máis que a europea. Só Baleares (45%), A Rioxa (41%) e Castela e León (41%) superan o noso país, que mostra a mesma porcentaxe que Cataluña e Aragón, segundo os últimos datos presentados no informe. Con todo, aínda queda moito por facer.

A científica galega Ángeles Alvariño
A científica galega Ángeles Alvariño | Fonte: IEO.

PIONEIRAS NA UNIVESIDADE DE SANTIAGO

Ángeles Alvariño González, Manuela Barreiro Pico, Elisa e Jimena Fernández de la Vega Lombán, Eugenia Pereira Rodríguez, Dolores Lorenzo Salgado, Antonia Ferrín Moreiras, Olimpia Valencia López, Rita Fernández Quimadelos ou Ramona Vaamonde Fernández. Mulleres, todas elas, que co seu esforzo e empeño dende as aulas e laboratorios da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e en momentos históricos complicados, lle abriron o camiño a tantas outras.

Manuela Barreiro Pico foi a primeira matriculada (1896) e primeira licenciada da Universidade de Santiago (1900).

Porque ata o 8 de marzo de 1910 a lexislación española non lle recoñecía ás mulleres o dereito a matricularse libremente na carreira universitaria que desexaban. Por este motivo Manuela Barreiro Pico, a primeira matriculada (1896) e primeira licenciada da Universidade de Santiago (1900), debeu solicitar “permiso” non só para matricularse en Farmacia senón tamén para exercer a súa profesión. No seu escrito, dirixido ao ministro de Instrución Pública e Belas Artes, indicaba con valentía que os estudos realizados debían habilitarlle “para el ejercicio de una profesión que siempre creyó propia a su sexo y en la que pretende hallar ocupación útil para sí y para la sociedad”. O permiso foille concedido finalmente, converténdose así na primeira farmacéutica galega. 

A científica galega Olimpia Valencia López
A científica galega Olimpia Valencia López | Fonte: Álbum da Ciencia e Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega.

A historia de Manuela Barreiro non difire demasiado do resto de mulleres que na época desexaban ser científicas e que agora a USC, da man da investigadora Xoana Pintos, lle pon cara e nomes nunha mostra que dende hoxe e ata o 24 deste mes pode visitarse na Biblioteca Concepción Arenal. Coa exposición ‘Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC’ a Universidade de Santiago, a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, súmase á conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia este 11 de setembro, informa a USC.

A oceanógrafa Ángeles Alvariño González foi a primeira científica a bordo dun barco de investigación británico.

Entre esas científicas pioneiras destaca polo seu perfil máis internacional Ángeles Alvariño González, que remata a carreira de Ciencias na USC en 1941. Esta destacada oceanógrafa foi a primeira científica a bordo dun barco de investigación británico, e os seus traballos derivaron no descubrimento de 22 novas especies mariñas dos océanos Pacífico e Atlántico. Hoxe, dúas especies mariñas de plancto réndenlle homenaxe levando o seu apelido, o quetognatoAidanosagitta alvarioae e a augamar Lizzia alvarinoae. 

Lugar destacado ocupan tamén as primeiras licenciadas en Medicina, as xemelgas Elisa e Jimena Fernández de la Vega, e a licenciada en Ciencias, na sección de Química en 1923, Eugenia Pereira Rodríguez, a primeira licenciada galega que gozou dunha bolsa da Facultade de Ciencias da USC para ampliar estudos no estranxeiro, en concreto en Bordeos e no eido da mellora dos procesos de vinificación, con aplicación a Galicia. Xa en Barcelona esta muller dirixiría unha farmacia e un laboratorio propio que sería o primeiro fabricante de deterxente líquido. 

A primeira muller galega licenciada en Medicina foi Olimpia Valencia López. En 1928 estableceu a súa clínica en Vigo e en 1936 apoiou o Estatuto Galego.

A primeira muller galega licenciada en Medicina, Olimpia Valencia López, quería ser pneumóloga, pero naqueles tempos non se xulgaba “oportuno” que as mulleres tratasen como profesionais a pacientes varóns, así que os catedráticos recomendáronlle áreas relacionadas coa maternidade que a levaron a especializarse en Xinecoloxía. En 1928 estableceu a súa clínica en Vigo, non sen poucos atrancos debido á súa condición de muller e á súa implicación política de apoio aos candidatos galeguistas en 1931 e ao Estatuto Galego de 1936. 

No elenco de mulleres que pasaron polas aulas da institución compostelá merecen tamén unha lembranza Dolores Lorenzo Salgado, a primeira docente en Ciencias; a arquitecta Rita Fernández Queimadelos, primeira muller que exerceu profesionalmente de modo individual e independente; as odontólogas pioneiras Irene Lucía Álvarez Veras, María Coro Clavero Maestre e Ruth Selbmenn Kummer; a profesora adxunta da cátedra de Microbioloxía en 1956 Ramona Vaamonde Fernández, que en setembro de 1975 detectou prontamente a presenza do virus do cólera evitando así unha epidemia; ou Antonia Ferrín Moreiras, autora da primeira tese en Astronomía e que exercería como docente na Universidade Complutense durante vinte anos. 

XORNADAS NO MUNCYT 

Entre as actividades da USC para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia figura ademais a colaboración na organización este sábado 11 dunha xornada no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña que conta con obradoiros gratuítos e dirixidos a nenas e nenos de 8 a 12 anos, como un  sobre viticultura, de 11.50 a 15,30 horas, e outro titulado ‘Intelixencia artificial: o significado da intelixencia’, a cargo de María Jesús Taboada, profesora titular da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC, e que ten lugar ás 12.30 horas.

A sede do MUNCYT na Coruña tamén acolle ás 18.00 horas a conferencia 'As mulleres da lúa', a cargo de Fernando Ballesteros Roselló, doutor en Ciencias Físicas pola Universidade de Valencia e xefe de instrumentación do Observatorio Astronómico da devandita universidade.

INVESTIGADORAS DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

A Universidade da Coruña (UDC), xunto cos Museos Científicos Coruñeses, súmase á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun ciclo de conferencias divulgativas do labor científico de diversas investigadoras pioneiras nos seus campos da ciencia. Na UDC, esta iniciativa está organizada pola Cátedra de Divulgación Científica Isabel Zendal.

Os actos comezan no salón de actos do Centro Universitario de Riazor, CUR, ás 11:00h. coas intervencións de:

  • María José Souto Salorio e Ana D. Tarrío Tobar: “A matemática María Wonenburguer”
  • María Jesús Movilla Fernández: “A enfermeira Florence Nightingale”
  • Concepción Herrero López: “A química e cristalógrafa Rosalind Franklin”
  • Luz Paz Agras: “A arquitecta Lina Bo Bardi”
  • Érika García Cardesín: “A bioquímica Esther M. Zimmer”
  • Paula Romero Campo: “A matemática Augusta Ada Byron”
  • Laura Pita García: “A entomóloga Maria Sybilla Merian”.

Pola tarde a cita é no Domus coas seguintes intervencións:

  • 16:30h. “Niñas y Aspiraciones Científicas en el Cine y la Tele”, por Joana Magalhaes, doutora en Bioquímica e Bioloxía molecular. Investigadora no Grupo de Investigación en Reumatoloxía CICA-INIBIC e CIBER-BBN.
  • 17:00h. “La informática también es cosa de mujeres”, por Javier Pedreira “Wicho”, responsable informático dos Museos Científicos Coruñeses e cofundador de microsiervos.com
  • 17:30h. “La ciencia del arte, en femenino”, por Deborah García Bello, química, divulgadora científica e autora de Dimetilsulfuro.es
  • 18:00-19:00h. “Mujeres en la ciencia”, mesa redonda presentada por Deborah García Bello, coa participación de: Joana Magalhaes, doutora en Bioquímica e Bioloxía molecular e investigadora en INIBIC; Mª Teresa Rodríguez Blas, doutora en Química, catedrática e investigadora no Grupo de investigación Metais en Medio Ambiente e Medicina, UDC; Estíbaliz Espinosa Río, escritora, con especial enfoque na simbiose entre Ciencia e Humanidades; Ana Jesús López Díaz, Grupo de investigación Laboratorio de Aplicaciones Industriales do Láser, UDC.

A entrada a estas charlas é libre, ata completar espazo, informa a UDC.

ACTIVIDADES NA UNIVERSIDADE DE VIGO

Con gallo desta data, a Universidade de Vigo apostou por atraer as miradas máis novas e curiosas das futuras profesionais cara a ciencia e a tecnoloxía coa xornada de relatorios e obradoiros Elas fan CienTec, na que participaron 120 nenas de 3º e 4º de ESO dos institutos República Oriental de Uruguai e Castelao de Vigo e o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, informa a UVigo.

O obxectivo destas actividades, como explica Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, é “animar as vocacións científicas e tecnolóxicas femininas para rachar coa elección estereotipada de estudos”. Neste sentido, destaca que é importante “ofrecer modelos de referencia femininos” e animar ás rapazas especialmente coas enxeñarías, onde o número de alumnas segue baixando. De feito, considera que na actualidade se continúa animado máis aos nenos a facer carreiras tecnolóxicas, “mentres que nas nenas subxace a idea de q son carreiras complicadas e q non o van poder facer ben”.

Por iso ao longo desta xornada, celebrada este venres, as 120 mozas coñeceron de preto as experiencias vitais e profesionais de estudantes, investigadoras e directivas relacionadas co eido científico e co tecnolóxico, referentes próximos e de primeira man, que se unen a nomes destacados da historia como Hipatia de Alexandría, Marie Curie ou Cecilia Helena Payne-Gaposchkin que, como lles explicou a catedrática e directora do Cinbio África González, “está considerada unha das dez científicas máis importantes da historia”. Ademais, para espertar as súas vocacións e que coñeceran de primeira man o que podería ser o seu futuro no eido da investigación científico-tecnolóxica, as rapazas participaron nunha serie de obradoiros “entretidos e sinxelos”, como destaca a directora da Unidade de Igualdade, “para que experimenten e descubran un mundo científico e técnico que as atraia e as anime a estudar esas carreiras”.

As rapazas dividíronse en dous grupos, un deles con interese no eido científico, que se dirixiu ao edificio de Ciencias Experimentais e o outro, que baralla para o seu futuro o campo das enxeñarías, que pasou o día na EE de Telecomunicación. No edificio de Ciencias Experimentais as rapazas foron recibidas polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, que destacou a necesidade de derrubar as barreiras que frean o acceso da muller ao mundo da investigación. Con estas actividades “queremos espertar en vós a emoción do mundo científico, porque precisamos do voso talento para que a ciencia progrese”. 

Antes de comezar unha xornada de traballo en laboratorios, as nenas coñeceron as diferentes etapas da investigación a través dun vídeo con entrevistas a sete mulleres, científicas e tecnólogas na Universidade de Vigo, dende estudantes de doutoramento, a catedráticas, directoras de grupos de investigación, etc. A idea é que as nenas teñan dun xeito normalizado referentes femininos. Para iso coñeceron o traballo e experiencia de África González, directora do Cinbio; Verónica Salgueiriño, profesora do Departamento de Física Aplicada; Carmen Magariños, estudante de doutoramento de Tecnoloxía Multimedia; María Veiga, doutora en Enxeñaría de Minas; Ana Sousa, estudante de doutoramento na Facultade de Química; Soledad Torres, doutora en Telecomunicación e Antía Verde, estudante de doutoramento en Biotecnoloxía Avanzada.

Tras as charlas e proxeccións, divididas en grupos percorreron diferentes laboratorios para realizar unha serie de obradoiros. As rapazas que optaron polo eido tecnolóxico tiveron a oportunidade de asistir a un obradoiro de LegoMindstorm, no que aprenderon a programar e probar robots; outro sobre programación Scratch para crear o seu primeiro programa co que animar unha serie de movementos dun avatar e un terceiro no que aprenderon a construír un transmisor de sons empregando a luz obtida dun punteiro láser.

As estudantes que participaron nas actividades do eido científico realizaron diferentes obradoiros relacionados coas titulacións de Bioloxía, Química e Ciencias do Mar. No eido da Bioloxía fixeron ensaios sobre patoloxías autoinmunes e sobre separación de glóbulos brancos a partir de sangue periférico. Nos laboratorio de Química prepararon un dos polímeros orgánicos máis utilizados no sector dos materiais plásticos e explicáronlles a posibilidade empregar un innovador material sintetizado no laboratorio con nanopartículas de ouro para tratar residuos empregando unha fonte de enerxía renovable como o sol. Finalmente, en Ciencias do Mar asistiron a un obradoiro centrado na síntese de nanopartículas dun material magnético e a súa manipulación; outro sobre a manipulación do ferrofluído resultante mediante un campo magnético in situ e outros experimentos nos que probaron a natureza magnética dalgúns materiais.

CENTROS OCEANOGRÁFICOS DE VIGO E A CORUÑA

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, investigadoras e investigadores dos centros oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía en Galicia, con sedes en Vigo e A Coruña, quixeron reivindicar a igualdade de xénero. Con ese fin, reuníronse este venres durante uns minutos para mostrar carteis da efeméride e ler diferentes comunicados, nos que reivindicaron o acceso e a participación das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, a ciencia e a tecnoloxía, fomentando desta forma a igualdade de acceso das mulleres ao pleno emprego e a un traballo decente.

Nos centros galegos do IEO son máis as mulleres en todos os tramos de idade e en todas as funcións, agás entre 60 e 65 anos.

En setembro de 2015, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou ao 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e alertou de que, pese que as posibilidades de progreso científico e tecnolóxico son case ilimitadas, as mulleres e as nenas están ausentes nestes campos, especialmente no que refire á creación e a toma de decisións nos ámbitos que transforman o noso mundo cotián. Segundo o observatorio Mulleres en Ciencia da UNESCO, aínda que o 54% dos estudantes de grao e o 49% dos de doutoramento son mulleres, a porcentaxe de investigadoras só alcanza o 39%.

Nos centros galegos do IEO son máis as mulleres en todos os tramos de idade e en todas as funcións, agás entre 60 e 65 anos. Esta feminización do persoal acentuouse nos últimos anos. Por exemplo, no Centro Oceanográfico da Coruña, das seis incorporacións que houbo en 2016 e 2017 cinco foron mulleres. Tamén este proceso está a sentirse nos postos de responsabilidade. O mellor exemplo é o Centro Oceanográfico de Vigo, onde, desde 2015, a dirección e subdirección ocúpannas mulleres. Con todo, hai outros eixos nos que a igualdade de xénero dista moito da equidade.

"É lamentable que en pleno século XXI a muller siga sendo a cara oculta de moitas profesións, pero que o sexa no mundo científico é aínda máis triste".

A maioría das reducións de xornadas no IEO para o coidado de fillos, maiores ou enfermos foron solicitadas por mulleres, o que indica que o aumento na corresponsabilidade de ambos os sexos na vida familiar aínda é moi lento. "Xa que Nacións Unidas decidiu celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o menos que podemos facer todas as persoas que achegamos o noso granito de area desde o Centro Oceanográfico de Vigo é poñerlle voz e rostro a este día. Esperemos que pronto non sexa necesario conmemorar nada", comenta María Sánchez Barba.

"É un bo día para facer visibles ás mulleres da ciencia que estiveron traballando na sombra", di tamén Eva Marull Hernández.

"É lamentable que en pleno século XXI a muller siga sendo a cara oculta de moitas profesións, pero que o sexa no mundo científico, que está á vangarda do coñecemento e os avances da sociedade, é aínda máis triste. Como di Margarita Salgas, non queremos discriminación positiva, queremos que deixe de haber discriminación negativa e valórellenos coas mesmas condicións que aos nosos compañeiros", aporta Rosario Domínguez Petit.

Estudantes participan nas actividades organizadas pola Universidade de Vigo co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia
Estudantes participan nas actividades organizadas pola Universidade de Vigo co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia | Fonte: UVigo.
Investigadores do Oceanográfico da Coruña reivindican o papel da muller investigadora
Investigadores do Oceanográfico da Coruña reivindican o papel da muller investigadora | Fonte: IEO.
Temas: MULLER
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Jiujiu

Menos lobos, porque posiblemente en Galicia hayan nacido los mayores machistas de toda España. Ahí tenemos el ejemplo señero de Novoa Santos, médico progresista y republicano destacado, que escribió perlas como: La Indigencia espiritual del sexo femenino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer. Su explicación biológica