A autora portuguesa Hélia Correia, nomeada Escritora Galega Universal 2017

A Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén escolle a Pilar García Negro como Escritora na súa Terra - Letra E.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2017 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A autora portuguesa Hélia Correia foi nomeada Escritora Galega Universal 2017', galardón que cada ano outorga a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade que celebrou este sábado en Santiago a súa asemblea xeral.

A autora portuguesa Hélia Correia
A autora portuguesa Hélia Correia | Fonte: AELG.

Correia, nada en Lisboa en 1949 e gañadora en 2015 do 'Premio Camões', recollerá o galardón na II Gala do Libro Galego, que terá lugar en Santiago de Compostela o 20 de maio. Deste xeito, a lisboeta sucede ao autor catalán Pere Gimferrer, nomeado Escritor Galego Universal o pasado ano.

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, destacou que a elección de Hélia Correia tomouse en base á "calidade literaria" da súa obra, na que Galicia "está moi presente". "Correia sente Galicia como unha prolongación da súa patria", resaltou Sánchez.

Ademais, na asemblea deste sábado, a AELG tamén decidiu que a próxima Escritora na súa Terra - Letra E sexa a escritora e política Pilar García Negro, quen recibirá unha homenaxe no mes de xuño na capital lucense.

DÍA DE ROSALÍA

Como cada ano, a AELG celebrará o próximo 24 de febreiro o Día de Rosalía, unha efeméride que "cada ano" conta con máis "adhesións" por parte de concellos e deputacións, que alcanzan xa as 51 institucións que se suman ao día de homenaxe á escritora galega máis universal.

Días antes, o 19 de febreiro, terá lugar no Panteón de Galegos Ilustres do Mosteiro de San Domingos de Bonaval o "acto central" promovido pola AELG con motivo do Día de Rosalía.

Ademais de honrar a memoria da escritora, esta asociación reivindicará un Panteón de Galegos Ilustres "laico, de acceso público, de propiedade pública" e de "libre acceso" sen necesidade de "pedir permiso aos estamentos eclesiásticos".

MESTRES DA MEMORIA

Na asemblea, esta asociación tamén escolleu novo consello directivo e aprobou o calendario de actividades para este ano 2017. En Lugo, a finais do mes de maio, terá lugar a gala dos Premios Mestres da Memoria 2017, que nesta edición recaen nas Pandereteiras da Alén —das localidades ourensás de Xirarga e Beariz— e en Serafín Mourelle.

Así mesmo, os socios decidiron dar continuidade a unha serie de actividades que a asociación vén desenvolvendo nos últimos anos, como os talleres da Escola de Escritores ou a Xornada de Literatura de Tradición Oral, que se celebrará no outono.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Anónimo

1 Xermán

Que a asociación de Escritores /as vaia entenda e recoñeza que angolanos, portuguesas, brasileiros, caboverdiás...expresan ao mundo nunha forma lingüística moi potente internacionalmente, na rede...que é nosa tamén, por familia, por léxico, por mesmo sistema...é unha moi boa nova de gañarmos o futuro e a xente nova.