Santiago Futsal suma ao final

Os composteláns chegaron a estar 4-1 pero gañaron na recta final grazas a un gol de Catela de falta tras empatar Zaragoza. Os de Santi Valladares suman xa 25 puntos, once por riba do descenso e a tan só tres do play-off.

Por gcdeportes | Compostela | 15/02/2017 | Actualizada ás 09:09

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Santiago Futsal 5:
Chema Mella, Pablo Tallón, Catela, Ismael e Antonio Diz –cinco inicial- Pablo Mel, Hugo Sánchez, Álex Velasco, Dani Montes e Armando.
Ríos Renovables Zaragoza 4: Iván Bernar, Víctor Tejel, Retamar, Adri Ortego e Richi Felipe –cinco inicial- Óscar Villanueva, Iván Beltrán, Carlos García, Trasobares e Nano Modrego.
Goles:  0-1: Retamar (minuto 2). 1-1: Catela (8’). 2-1: Armando (11’). 3-1: Catela (16’). 4-1: Armando (18’). 4-2: Nano Modrego, de penalti (28’). 4-3: Nano Modrego (29’). 4-4: Adri Ortego (36’). 5-4: Catela (36’).
Árbitros: González Moreta e Sánchez Chamorro. Amarelas a Catela, Hugo Sánchez, Isma e Pablo Mel nos locais e a Richi Felipe, Arturo e Adri Ortego nos visitantes.
Incidencias: partido da 20ª xornada da LNFS disputado no Multiusos Fontes do Sar ante arredor de 450 espectadores.

Con sufrimento a ao final, pero obxectivo acadado ante Zaragoza, rival directo. Cun gol de Catela de falta a falla de tres minutos, quince segundos despois do 4-4 do Zaragoza e logo de desperdiciar unha vantaxe de tres goles (4-1). Armando fixo dous goles e Catela firmou un hat-trick, e Santiago Futsal suma xa 25 puntos, once por riba do descenso e a unha vitoria do oitavo posto que dá acceso ao play-off.

Sorprenderon os visitantes adiantándose no marcador cun gol de Retamar con apenas 60 segundos disputados. Santiago saiu durmido e tardou uns minutos en asentarse na pista, pero pouco a pouco foron chegando a ocasións locais. Santi tivo o empate pero detivo Iván Bernad, que nada puido facer ante Catela, que roubou un balón na área rival e fixo o 1-1. Co empate, os composteláns foron moi superiores e deixaron case sentenciado o choque. No minuto 11, Armando fixo o 2-1 tras unha gran xogada individual. Chema Mella, primeiro co pé e despois coa faciana, evitou o empate do Zaragoza, e Catela, tras parede con Antonio Diz, puxo o 3-1. Antes do descanso, roubo de Dani Montes e segundo de Armando para poñer o 4-1.

Pero tralo paso por vestiarios, os locais, que se cargaron axiña de faltas, víronse superados pola intensidade visitante. A quinta falta, unha man dentro da área, foi o 4-2 de Nano Modrego de penalti. Tan só un minuto despois, de novo Nano Modrego rematou de volea un saque de esquina para facer o 4-3. Aínda quedaban dez minutos e Santiago Futsal estaba condicionado polas cinco faltas. Adri Ortego fixo o empate a falla de catro minutos tras un rexeite na área. Partido novo con 4-4. Menos mal que pouco despois Juanjo Catela aproveitou un saque de falta directo para facer o 5-4 definitivo. Zaragoza tentouno con xogo de cinco, pero Santiago defendeuse con todo para sumar os tres puntos.

Santiago venceu 5-4 a Zaragoza na xornada entre semana.
Santiago venceu 5-4 a Zaragoza na xornada entre semana. | Fonte: @Santiago_Futsal

Dani Montes busca a portaría rival ante tres defensores.
Dani Montes busca a portaría rival ante tres defensores. | Fonte: @Santiago_Futsal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta