Unha cidade deportiva para Lugo

Concello e CD Lugo traballan xuntos para sacar adiante un proxecto de instalacións deportivas nas Gándaras, que contaría con entre 5 e 7 campos de fútbol e necesitaría un investimento de entre 6 e 8 millóns de euros.

Por gcdeportes | Lugo | 17/02/2017 | Actualizada ás 09:04

Comparte esta noticia

O proxecto ideal: de 10 a 12 hectáreas, uns 120.000 metros cadrados, con entre cinco e sete campos de fútbol, algún semicuberto; con residencia, ximnasio, aulas de formación e incluso un pavillón pequeno para outros deportes como fútbol sala, cunha inversión de entre 6 e 8 millóns de euros, dependendo das axudas públicas recibidas. Concello e Club Deportivo Lugo unen forzas para tentar sacar adiante o proxecto, unha aposta persoal do presidente Tino Saqués: unha cidade deportiva que dé servizo ao club e á cidade.

A alcaldesa Lara Méndez e o presidente Tino Saqués, cos técnicos no Concello.
A alcaldesa Lara Méndez e o presidente Tino Saqués, cos técnicos no Concello. | Fonte: @CDeportivoLugo

A alcaldesa, Lara Méndez, e o presidente do club, Tino Saqués, mantiveron unha reunión cos técnicos municipais no Concello para avaliar a posibilidade de construír unha cidade deportiva no termo municipal. Segundo asegurou a rexedora, na xuntanza, á que tamén asistiu o concelleiro de Deportes Miguel Fernández, estudáronse diferentes localizacións, sendo a preferida no Polígono das Gándaras, pois cumpre cos proxectos de urbanización previstos no PXOM.

Os terreos que se estudan nesa zona son, algúns de propiedade de Xestur e outros de carácter privado, pero cunha finalidade de equipamentos públicos, tal e como lle confirmaron os técnicos a Méndez e Saqués, de aí os contactos que se manterán con outras entidades: Concello e club tentarán agora convencer á Xunta para que se implique no proxecto.

“Unha iniciativa que pode ser moi boa para o deporte lucense, e un paso máis na aposta do Concello polo deporte e polo deporte base, fundamental para dar alternativas á mocidade", expuso a alcaldesa Lara Méndez trala reunión. “Beneficiaría á cidade, prestaría máis instalacións e desconxesitonaría ás existentes, de gran demanda, apuntou Tino Saqués.

Foi Tino Saqués quen expuso as características “ideais” para a futura cidade deportiva lucense: de 10 a 12 hectáreas de terreo, para habilitar entre cinco e sete campos de fútbol once e fútbol oito. “Tamén queremos agregar unha residencia, ximnasio, aulas de formación e todos os servizos necesarios para desenvolver o deporte de base”.

En canto aos prazos de construcción, Saqués recoñeceu que dependerá moito do que tarde o club en dispor dos terreos necesarios. O orzamento previsto oscila entre “seis e oito millóns de euros", se o proxecto “se pode desenvolver ao 100%”, aínda que se adaptará “á disposición dos terreos” e “ás axudas que poida recibir o club”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta