A Xunta gastou miles de euros en material de emerxencia abandonado en almacéns

Barcas de salvamento que levan dous anos sen ser utilizadas e detectores de fume e adaptadores de mangueira empaquetados son parte do material adquirido con axudas da UE para o proxecto Ariem 112. O Goberno galego destaca a utilidade do material e lembra que a iniciativa xa foi premiada en Europa.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Detectores de fumo, barcas de salvamento, equipos de respiración ou cámaras térmicas. Son parte do material que a entregou a Xunta de Galicia a distintos consorcios provinciais contraincendios e salvamento dentro do coñecido como Ariem 112, un proxecto europeo transfronteirizo que recibiu desde 2011 máis de dous millóns de euros, e que permanece almacenado sen uso de ningún tipo.

Detectores de fume do proxecto Ariem 112, metidos en caixas e gardados en almacéns
Detectores de fume do proxecto Ariem 112, metidos en caixas e gardados en almacéns | Fonte: GC

O Ariem 112, abreviatura de Asistencia Recíproca Inerrexional en Materia de Emerxencias, que comezou hai seis anos, era, supostamente un proxecto pioneiro á vangarda en compartir servizos de emerxencia a un e outro lado da fronteira, coa creación dun espazo común en materia de emerxencias entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal. Mediante equipos compatibles, maior coordinación, procedementos conxuntos e ademais un incremento de medios materiais para todas as partes, coa finalidade principal de ofrecer un mellor servizo aos cidadáns.

Nunha primeira fase mercaronse 15 ordenadores, 10 tablets e unha aplicación informática para controlar en directo os medios desplegados que se instalaron nun "posto de mando avanzado", un vehículo adaptado para a ocasión pola Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

Tras gastar un millón de euros nestes dispositivos, en simulacros e en supostas xornadas de formación, participantes neste proxecto aseguran que ese modelo de interveción conxunta ante emerxencias entre o norte de Portugal, Galicia e Castela e León non serviu "para nada".

Segunda fase do Ariem

O mesmo, din, fontes consultadas aconteceu coa segunda fase do Ariem 112 que comezou no 2015. Entón foron adquiridos un sistema de videoconferencia para os centros 112 da zona, unha gravadora de voz para rexistrar as chamadas aos centros 112 da zona e de 380 terminais do sistema estándar europeo TETRA.

Embarcación de salvamento do Ariem 112 para uso en emerxencias que nunca foi utilizada
Embarcación de salvamento do Ariem 112 para uso en emerxencias que nunca foi utilizada | Fonte: GC

No ámbito operativo, foron adquiridos vehículos pick up e remolques para transporte de equipos, adaptadores para compatibilizar o uso dos distintos tipos de mangueiras, detectores autónomos de incendios, equipos de excarceración, cámaras de visión térmicas, equipos autónomos de respiración, dous embarcacións para salvamento e rescate e tres camións cisterna “gran nodriza” para transporte de auga, tanto para a loita contra incendios como para a subministración de auga en épocas de seca. Tamén 2 drons para control, prevención e xestión das emerxencias e apps de xeolocalización.

Os concellos de Porriño, A Guarda, Tomiño e ao Consorcio provincial contraincendios e salvamento de Pontevedra, que será xestionado polo parque de bombeiros da Comarca do Baixo Miño- Condado e Louriña (con sede en Porriño), recibiron 332 terminais TETRA, 732 racores, 4.450 detectores de fume, 55 equipos de respiración autónoma e 1 cámara térmica.

Os GES de Lobios, Muiños e A Gudiña recibiron equipos de excarceración e respiración, así como xogos de puntais de estabilización, lanzas de auga e mangueiras. O concello de Vilardevós un remolque e un vehículo pick up, mentres que o de Vilar de Barrio contará cun remolque para Protección Civil. Os consorcios recibiron equipos de respiración, cámara térmica, embarcación, detectores de fume, cascos de bombeiros e tamén traxes químicos.

Material "inútil"

Un custe de un millón de euros en material que, segundo denuncian fontes do consorcio de bombeiros de Verín consultados por GC "non responde, para nada, ás necesidades dos servicios". De feito, boa parte del permanece almacenado en almacéns, completamente empaquetados, tal e como chegaron. "Ninguén escollería ese material para traballar. Algún non serve", din. 

Entre o material "inútil" citan detectores de fume. "Para que queremos nós detectores de fume", indica. Centos destes elementos atópanse metidos en caixas á espera de facer algo con eles. O mesmo acontece con adaptadores de mangueiras que serven para adaptar o sistema contraincendios que teñen en Portugal e o que teñen en Galicia. "Pero con dez ou vinte xa chegan. Un por camión. Que facemos con máis de cen que nos mandaron?", insiste.

De feito, a Verin enviouse unha lancha de salvamento completamente equipada que leva parada desde que chegou. "E que facemos nós con ela se aquí non hai onde botala. Como non a metamos nun regato!", ironiza o profesional consultado que insiste en que, aínda que algún material "é útil", no resto "estase tirando o diñeiro" da UE para cousas "innecesarias".

Defensa do proxecto

Non son da mesma opinión na Xunta de Galicia. Fontes da Vicepresidencia consultadas defenden o proxecto Ariem e destacan que serviu para profesionalizar e dotar de material aos paques comarcais. Negan que o material non se estea utilizando e destacan que se existe algunha adquisición sobredimensionada pode deberse ás peticións dalgún dos xerentes dos consorcios.

De feito, apuntan que o proxecto Ariem 112 foi xa recoñecido como mellor proxecto europeo de Cooperación Internacional en materia de Emerxencias pola Asociación Europea do Número Único de Emerxencias (EENA).

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ten destacado en numerosas ocasións a "plena consolidación da cooperación" en materia de Emerxencias no marco do proxecto europeo Ariem 112 porque "as fronteiras non existen e todos axudamos a todos".

A pasada semana a Xunta anunciaba o inicio dunha terceira fase, o Ariem +, un novo proxecto de cooperación transnacional a encadrar no futuro Interreg, para que continúe o traballo feito, ampliar o número de socios do proxecto, e incrementar a súa dotación ata os 6 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 pena

Estes son os mesmos que ordenaron a un D.X. de Lalín aceptar persoal con soldos superiores ós de un conselleiro. Os elexidos....

1 paño

Para eso hace falta que sean cómplices el jefe jurídico y el S.Xeral...y ...