O conselleiro defende aos dous cargos do Sergas imputados pola hepatite C: “Están a ser atacados”

O titular de Sanidade reivindica o "gran traballo" feito polo seu departamento no tratamento dos pacientes con hepatite C. Tamén avanza un plan de prevención do suicidio que a oposición cuestiona dados os "recortes" no psiquiátrico de Conxo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2017 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reivindicou este martes o "gran traballo" feito polo seu departamento no tratamento dos pacientes con hepatite C —que agora se estenderá aos estadíos máis leves— e "especialmente" o dos dous altos cargos do Sergas que están a ser investigados por suposto homicidio imprudente.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no Parlamento | Fonte: EP

"Son dúas persoas que están a ser atacadas por xente que non os coñece, nin coñece o seu traballo, e que fala por falar", sentenciou o titular de Sanidade nunha comparecencia ante o pleno do Parlamento, ante unha petición da oposición de que sexan apartados dos seus postos ata que se ata que se aclare o ocorrido.

Ademais, proclamou que hai que "estar orgullosos de xente como eles, que fan moitas horas fóra do seu tempo regulado por mellorar a calidade da sanidade", o cal lle valeu duras críticas por parte da deputada do BNG Montse Prado: "Saír a sacar peito diso inhabilítalle".

"Quen fala por falar? As familias dos que morreron? O fiscal?", inquiriu tamén Eva Solla, de En Marea, quen censurou aos dirixentes do PP que "cren que están por encima do ben e do mal". A este respecto, esixiu que se distinga entre as responsabilidades xudiciais e as políticas.

Así mesmo, o representante do PSOE no debate, Julio Torrado, esixiu "explicacións" ao conselleiro de Sanidade sobre as deficiencias na dispensación do tratamento de hepatite C, aínda que sinalou que tería sido "mellor non escoitar" as que ofreceu no seu día o presidente da Xunta sobre a escasa cantidade de afectados.

HOSPITAL DE CONXO

Outro asunto que suscitou un amplo debate durante a comparecencia de Vázquez Almuíña foi a situación do psiquiátrico compostelán de Conxo, onde nos últimos meses rexistráronse un suicidio e unha agresión sexual dunha interna a mans doutra.

Despois de avanzar que "en próximas semanas" se aprobará un plan de prevención do suicidio, entre outros reforzos do programa de saúde mental, o conselleiro asegurou que no momento do suicidio non existía "unha diminución de recursos sanitarios nin de persoal".

E, tras sinalar que estes "tristes" sucesos están en mans da Xustiza, si puxo de manifesto que se activaron debidamente os protocolos previstos para situacións deste tipo.

Con todo, para o BNG o ocorrido é "consecuencia" da súa "falta de planificación, nefasta xestión e escaseza de persoal" e desmentiu que houbese persoal suficiente e que os protocolos estivesen correctamente redactados.

Tamén o socilaista Julio Torrado reprobou o intento do conselleiro de dicir que "todo vai ben". "Explíquello ás familias", espetoulle, mentres que Eva Solla esixiu á Xunta que poña en marcha unha investigación tras soster unha vez máis que "os recortes matan".

Desde filas populares Aurelio Núñez Centeno apelou a "respectar" o segredo de sumario e tamén o segredo profesional, tras recriminar que se use unha "desgraciada" situación para "o debate político".

CONCURSO DE AMBULANCIAS

Sen saír dos asuntos do ámbito sanitario que están a ser analizados pola Xustiza, todos os portavoces da oposición sacaron a colación o concurso de ambulancias.

"Non sei que dirá o xulgado", comezou o parlamentario socialista, quen lembrou que a empresa adxudicataria dun contrato de máis de 120 millóns "xa tiña as ambulancias rotuladas".

Con todo, o conselleiro de Sanidade rexeitou pronunciarse sobre o asunto e nin sequera o mencionou en ningunha das súas tres intervencións sen límite de tempo.

TODO VAI BEN?

O que si destacou o conselleiro de Sanidade é "o firme compromiso" da Xunta co sistema sanitario, cuxo orzamento consome o 42 por cento do total autonómico e que ofrece unha accesibilidade "total" aos pacientes e usuarios, dixo.

No entanto, Montse Prado negou que este sexa "o país das marabillas" e Julio Torrado ironizou ao relacionar o bo estado da sanidade galega co nomeamento do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, para o consello de administración do porto de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

"É unha falta de respecto!", protestou, ao que Eva Solla censurou que o PP faga "minorar" a sanidade pública mentres se reparte "postos". Dito isto, preguntou directamente ao conselleiro se cre que "fai un bo traballo" polo que "merece o seu soldo".

"Posiblemente non", asumiu Vázquez Almuíña, pero inmediatamente agregou que ela "tampouco" o que percibe da Cámara galega, pois leva "anos sen cambiar absolutamente nada" do seu discurso. E, no que incumbe á sanidade, aseverou que a súa "preocupación" é pola "mellora" constante do servizo.

NOVOS PLANS

Proba diso son os seus anuncios sobre un plan de control da tuberculose, a consolidación da rede de atención ao ictus, a abordaxe do consumo de alcol en menores e a obesidade infantil, así como da apertura de catro novos centros de saúde e diversas obras en hospitais.

Ademais, o conselleiro lembrou que este ano se convocará unha oferta pública de emprego para máis de 800 persoas para "dar estabilidade" ao persoal sanitario. E, ante as críticas da oposición pola situación "precaria" destes traballadores, indicou que xa se pediu ao Goberno central suprimir a taxa de reposición.

Finalmente, tanto desde o BNG, o PSOE e En Marea, enumeráronse distintos problemas, como os colapsos en urxencias, as elevadas listas de espera, os constantes cambios no calendario de vacinación e a próxima folga de anestesistas do hospital da Coruña.

Todas elas, en palabras de Núñez Centeno, "críticas sen fundamento" para pintar "unha sanidade terceiromundista" que non se corresponde coa realidade. Como as "ladaíñas" das "misas en latín", que os curas oficiaban "de costas" ao pobo, remachou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta