Adxudicadas vivendas en Vigo, Marín, Viveiro e Mondariz a familias afectadas por desafiuzamentos ou risco de exclusión

A Xunta de Galicia adxudicou vivendas en Marín e Vigo a dúas familias afectadas por desafiuzamentos e outras dúas en Mondariz (Pontevedra) e Viveiro (Lugo) a familias en risco de exclusión social.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2017 | Actualizada ás 13:06 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia adxudicou vivendas en Marín e Vigo a dúas familias afectadas por desafiuzamentos e outras dúas en Mondariz (Pontevedra) e Viveiro (Lugo) a familias en risco de exclusión social.

Segundo informou o Goberno galego, esta mesma semana formalizáronse os contratos de aluguer para dúas familias afectadas por desafiuzamentos en Vigo e Marín, con vivendas cedidas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, por Sareb e Abanca. A última das vivendas adxudicouse en Marín ao non dispor o IGVS de máis vivendas en Vigo.

Con estas adxudicacións, a Xunta ofrece unha alternativa aos afectados que o soliciten e cumpran cos requisitos establecidos. No que vai de 2017 reacolleuse a 14 familias en vivendas propiedade do IGVS (cinco casos) ou cedidas por Abanca ou Sareb.

A estas familias hai que sumar tamén as beneficiadas polo Bono de Aluguer Social e outras medidas adoptadas pola administración autonómica.

EXCLUSIÓN SOCIAL

Por outra banda, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas, adxudicou de forma directa unha vivenda protexida de promoción pública en réxime de aluguer na localidade lucense de Viveiro a unha familia en "serio perigo de exclusión social".

A Comisión Provincial de Vivenda de Lugo estudou o caso e propuxo a adxudicación directa desta vivenda, coa que a Xunta avanza no cumprimento do plan RehaVita, que reforza as medidas destinadas a garantir un fogar ás familias máis desfavorecidas.

Dentro deste mesmo plan, a Consellería de Infraestruturas adxudicou tamén de forma directa unha vivenda cedida por Abanca en réxime de aluguer a unha familia en risco de exclusión social na localidade pontevedresa de Mondariz.

Este tipo de solucións, apuntou o Goberno galego, non só se dirixen a persoas que sofren problemas de índole social, senón tamén a outros que non poden afrontar o pago do aluguer ou hipoteca da súa vivenda.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta