SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2017 | Actualizada ás 18:14 por EUROPA PRESS
A Universidade de Santiago (USC) conmemorará este xoves os 35 anos de colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) cun acto académico no Instituto de Matemáticas na capital galega.
Segundo sinalou a institución académica, desde 1982 a USC mantén unha "colaboración ininterrompida" de rexistro de datos co Instituto Nacional de Meteoroloxía, "xerme da Aemet", segundo lembra.
Desde entón ata a actualidade realizáronse durante estes 35 anos dúas observacións diarias "con absoluta continuidade facendo uso da estación manual da USC", segundo resaltou a institución académica.
Co fin de conmemorar este aniversario, o Instituto de Matemáticas organiza este xoves, 2 de marzo, un acto académico que presidirá o reitor da USC, Juan Viaño, a partir das 11,00 horas na aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Para introducir a sesión, o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, presentará algúns dos datos destacados respecto da colección de rexistros meteorolóxicos obtidos no últimas tres décadas e media nas instalacións universitarias.
Mentres, en nome da Aemet, José Antonio García-Moya pronunciará a conferencia 'Os modelos numéricos de predición do tempo. Pasado, presente e futuro'.
A USC destaca a súa "longa tradición" na obtención de datos meteorolóxicos, o que a converte na institución galega que "dispón da serie de rexistros máis longa". Xa en 1849 o entón decano de Filosofía, Antonio Casares, promoveu a creación dun Observatorio Meteorolóxico que se instalou na terraza do edificio da Universidade, na actual Facultade de Xeografía e Historia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.